Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 25 de agosto de 2016 Páx. 37868

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 5 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2016.

BDNS (identif.): 315361.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da convocatoria, que establezan accións específicas de conformidade coa súa escritura pública e/ou cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3 da orde, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítima de violencia, para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A) co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse oito millóns cen mil euros (8.100.000 euros).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítima de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria