Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 25 de agosto de 2016 Páx. 37870

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2016 pola que se convoca o III Foro de emprego público Temas de actualidade: tendencias e perspectivas poscrise, desenvolvemento autonómico, a negociación colectiva, o directivo público profesional e instrumentos de mellora na xestión de e para as persoas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un foro sobre temas de actualidade: tendencias e perspectivas poscrise, desenvolvemento autonómico, a negociación colectiva, o directivo público profesional e instrumentos de mellora na xestión de e para as persoas, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Unha vez transcorrida case unha década desde a entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público e vista a recente normativa da autonomía de Galicia, o obxectivo deste curso é analizar diversas cuestións de actualidade, facendo fincapé naquelas temáticas que, pola súa complexidade ou ambigüidade na súa interpretación, merecen ser obxecto de debate e reflexión no marco deste curso, no cal participarán relatores de recoñecido prestixio.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– O emprego público na saída da crise: novidades recentes e perspectivas de futuro ingreso.

– A negociación colectiva no emprego público: unha mirada actualizada.

– O directivo público profesional.

– Un novo paso no desenvolvemento lexislativo do Estatuto básico do empregado público: a Lei de función pública de Galicia.

– A xestión do conflito: mediación e comunicación-oratoria.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas, estatal, autonómica ou local, así como dos seus entes instrumentais, persoal ao servizo da Administración de xustiza, xuristas, profesionais, docentes, universitarios e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 15 de setembro de 2016.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 13 de setembro de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41/981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso expediráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.es/matricula), a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública