Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 25 de agosto de 2016 Páx. 37873

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2016 pola que se convoca a xornada titulada Reforma da Constitución, reforma territorial: puntos de encontro.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase a xornada titulada Reforma da Constitución, reforma territorial: puntos de encontro, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo da xornada será abrir unha reflexión sobre a eventualidade de que chegue a producirse en España un proceso de reforma constitucional e sobre a importancia que tal reforma podería ter, se é o caso, para a posta ao día do sistema autonómico. Para iso, convócanse especialistas de primeira fila, todos profundos coñecedores da cuestión da reforma, dos perfís do problema territorial e dos puntos de conexión que poderían establecerse entre ambos.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Reforma desexable, reforma rexeitable.

• A reforma constitucional: entre a realidade e o desexo.

• A cuestión catalá: democracia e Constitución.

• O problema de España: un conflito entre a negación e a evidencia.

• O Estado autonómico ou o fracaso dun éxito.

• Para que se reforman as constitucións?

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas, estatal, autonómica ou local, así como dos seus entes instrumentais, persoal ao servizo da Administración de xustiza, xuristas, profesionais, docentes, universitarios e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, salón de actos. Rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 12 de setembro de 2016.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 9 de setembro de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.es/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública