Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39606

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de setembro de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) nun centro de traballo da empresa Tecnocom, que se levará a efecto os días 9, 10 e 11 de setembro das 22.30 ás 23.00 horas.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria e das funcións en materia de saúde pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente con relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha folga que afectará o persoal da empresa Tecnocom Telecomunicaciones y Energía, S.A., contratado para quendas, que presta o servizo de atención 24×7 baseado en help-desk no seu centro de traballo de Conxo, en Santiago de Compostela. A folga efectuarase os días 9, 10 e 11 de setembro das 22.30 ás 23.00 horas.

A dita empresa presta servizos de soporte a usuarios/as dos sistemas e tecnoloxías da información do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade que traballan no ámbito dos servizos administrativos, da asistencia sanitaria e da protección da saúde pública.

As datas en que se convocou a folga coinciden cunha fin de semana, período en que, nun contorno como o sanitario (caracterizado por prestar asistencia continuada as 24 horas os 365 días do ano) ten lugar unha actividade de singular cualificación, nomeadamente, a atención urxente nos puntos de atención continuada e nos dispositivos asistenciais habilitados para o efecto, ademais de diversas tarefas relevantes no ámbito da saúde pública (por mor de determinados establecementos que desenvolven a súa actividade nas fins de semana).

Nun sistema sanitario en que o emprego dos sistemas e tecnoloxías da información resulta preponderante, de non prestarse axeitadamente estes servizos, quedaría, pola súa vez, afectada a actividade sanitaria dispensada polos/as usuarios/as.

Dado que a dirección e o control da actividade do persoal (e, por tanto, a determinación dos horarios e distribución do tempo de traballo, incluída a fixación de quendas) corresponde á empresa, nesta orde óptase, en primeiro lugar, por fixar un número de efectivos de persoal que, como mínimo, deberá necesariamente prestar servizos no tramo horario afectado pola folga. En segundo lugar, e para o suposto de que sexa preciso recorrer a persoal chamado á folga para a garantía dese número mínimo de efectivos, determínase a actividade mínima necesaria que debe desenvolver este persoal.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria da folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde, os cales resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria e de determinadas funcións en materia de saúde pública, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía que, respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Atendendo aos motivos anteriormente expostos, determínase en unha persoa o número mínimo de efectivos que deberán prestar servizos no centro de traballo, días e tramo horario afectados pola folga.

No suposto de que a empresa deba recorrer a persoal chamado á folga para garantir ese número de efectivos, este atenderá como servizo mínimo esencial as seguintes incidencias formuladas polo persoal usuario implicado na prestación de asistencia sanitaria nos centros sanitarios e polo persoal inspector veterinario: alta ou modificación de perfís de usuario, habilitación dos perfís de acceso no caso de estaren bloqueados ou teren problemas co contrasinal de acceso, incidencias urxentes que inhabiliten a utilización dos sistemas de información corporativos.

Artigo 2

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios coa antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a empregado/a da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade