Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39609

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de setembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 29 de decembro) pola que se convocan as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Mediante Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG do 29 de decembro), aprobouse a convocatoria, por trámite anticipado para o ano 2016, das axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Con posterioridade, concretamente o 19 de febreiro de 2016, publicouse a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta lei derrogou a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga), e engadiu novas regulamentacións respecto da Lei do solo de 2002.

Así, a título de exemplo, a Lei 9/2002, do 30 de decembro, na súa disposición transitoria décimo primeira, prevía, tanto para solo rústico como para solo de núcleo rural, a posibilidade de reconstrución, rehabilitación e ampliación das construcións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria e serradoiros existentes con anterioridade á devandita lei, aínda que non estivesen amparadas pola correspondente licenza municipal.

Coa entrada en vigor da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta posibilidade só se prevé expresamente para as construcións que se vaian realizar en solo rústico.

Agora, a disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, establece o réxime transitorio relativo ás explotacións agrícolas e gandeiras existentes no 1 de xaneiro de 2003, limitando a súa aplicación ao solo rústico, por canto este solo é o que constitúe o obxecto do interese autonómico e que, en consecuencia, debe ser regulado de xeito global para toda a Comunidade Autónoma; mentres que, pola contra, a regulación do solo de núcleo rural entra dentro das competencias propias de cada concello, e debe, daquela, formar parte das determinacións propias dos plans xerais, en coherencia co estudo pormenorizado que se conteña no seu modelo de asentamento poboacional.

Con posterioridade publicouse a Instrución 1/2016, do 29 de abril, sobre o réxime aplicable ás explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria existentes no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, na cal se deixa claro, no caso das explotacións existentes no solo de núcleo rural, que será o concello, na súa competencia exclusiva para a formulación do planeamento, o que determine as condicións de ampliación das edificacións vinculadas ás actividades agropecuarias.

Os planeamentos municipais que incorporan na súa ordenanza de solo de núcleo rural determinacións similares ás recollidas na disposición transitoria 11ª da Louga manterán a súa plena vixencia por canto acadan a consideración de normativa municipal propia.

É por iso que nos casos dos concellos en que non se recollan estas determinacións, os concellos terán que modificar os seus planeamentos.

Cando se aprobou a liña de axudas mencionada non se preveu a entrada en vigor da nova Lei 2/2016, do 10 de febreiro, polo que a súa aplicación comporta cambios nesta situación respecto dos títulos administrativos habilitantes que teñen que presentar os beneficiarios das axudas e o artigo 7 indicaba que as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso, deberían presentar a licenza municipal, como máis tarde, antes da aprobación. Establecíase o mesmo prazo para o caso de investimentos que deben contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporía a denegación da axuda.

Porén, como queira que debido á entrada en vigor da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, non todos os concellos poden estar na mesma disposición para outorgar as licenzas solicitadas, cómpre, nos casos que proceda, condicionar a resolución á presentación do oportuno título administrativo municipal no prazo que na propia resolución se indique, polo que cómpre modificar a orde no sentido de posibilitar que se dite unha resolución condicionada á presentación da antedita documentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG do 29 de decembro) pola que se convocan as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020

O artigo 7 da Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG do 29 de decembro) pola que se convocan as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, queda redactado como segue:

«Artigo 7. Presentación dos permisos administrativos

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a licenza municipal, como máis tarde, o 15 de outubro de 2016. Establécese o mesmo prazo para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

Nos casos en que, como consecuencia da entrada en vigor da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non sexa posible a presentación do correspondente título habilitante municipal, esta circunstancia acreditarase mediante informe técnico municipal. Este informe tamén verificará o cumprimento dos restantes requisitos necesarios para obter o devandito título. O dito informe presentarase no prazo sinalado no punto anterior, para os efectos de que se dite a oportuna resolución condicionada á súa obtención no prazo que se sinale nela, na cal tamén se indicarán os novos prazos que terán que ser cumpridos polo beneficiario».

Disposición derradeira única. Produción de efectos

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural