Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2016 Páx. 43089

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería durante o curso escolar 2016/17.

O artigo 105 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o recoñecemento do labor do profesorado dos centros educativos que amose unha especial dedicación ao centro e á implantación de plans que supoñan innovación educativa.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar de xeito continuado con distintos organismos para facilitar a integración de determinados programas educativos nos centros de ensino non universitario.

As distintas estruturas que presentan estes programas, os diversos protocolos de desenvolvemento, as variadas metodoloxías que os sustentan e os distintos calendarios que rexen a súa posta en práctica fan imprescindible a adopción dun sistema de coordinación eficaz que permita optimizar a utilización destes recursos educativos.

Xa que logo, trátase de establecer un marco xeral de colaboración entre as distintas entidades que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos, de fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, de integrar estes programas na planificación anual dos centros e nas programacións didácticas do profesorado participante e, ao mesmo tempo, de crear unha rede de centros na cal se fomente o traballo cooperativo e recoñecerlle ao profesorado a súa participación nos proxectos de innovación educativa que se estean a desenvolver no ámbito deste plan. Este marco xeral busca, en suma, ser unha referencia para o fomento da innovación educativa mediante a metodoloxía centrada na realización de proxectos nos centros de ensino non universitario.

Esta resolución pretende regular estes programas mediante o Plan Proxecta establecendo as bases para que participen nel os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o Plan Proxecta e establecer as bases para a participación dos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o curso escolar 2016/17.

Os programas educativos e as súas características, ofertados aos centros docentes nesta convocatoria, pódense consultar na ligazón:

ttp://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3. Definición do Plan Proxecta

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro no cal se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.

Artigo 4. Obxectivos xerais do Plan Proxecta

Con este plan preténdese lograr os seguintes obxectivos:

1. Dotar a comunidade educativa galega con programas educativos de diferentes ámbitos que fomenten a innovación educativa.

2. Establecer un marco xeral de colaboración para presentar todos os programas implicados dun xeito estruturado.

3. Fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, dirixidos á realización de proxectos educativos de innovación que desenvolvan as competencias clave e os elementos transversais.

4. Establecer unhas pautas comúns en relación ao recoñecemento do traballo do profesorado nestes proxectos educativos.

5. Ofrecerlles aos centros e ao profesorado a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e das súas programacións, segundo corresponda, a participación naqueles programas que mellor se adapten ás súas características específicas.

6. Crear unha rede de centros nos cales se fomente o traballo cooperativo e interdisciplinario, que consiga transformar e mellorar a práctica educativa, transferindo eficazmente as iniciativas innovadoras.

Artigo 5. Eixes e accións do Plan Proxecta

Os eixes do plan son tres:

1. Organización.

Este eixe está marcado por tres accións centrais:

a) Sistematizar e actualizar os programas educativos dos distintos organismos.

b) Difundir o plan entre todos os axentes da comunidade educativa.

c) Utilizar ferramentas eficaces de xestión do plan.

2. Apoio.

As principais accións deste eixe son:

a) Ofrecerlle ao profesorado un marco para o desenvolvemento de accións nas aulas que fomenten a innovación mediante actividades formativas, propostas, materiais didácticos diversos e outras iniciativas que conduzan á mellora da calidade do ensino.

b) Establecer un sistema de asesoramento e seguimento a través das estruturas de formación permanente do profesorado, da inspección educativa, dos equipos responsables de cada un dos programas e da asesoría de innovación educativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. Avaliación e recoñecemento.

Neste caso as accións que cómpre seguir son:

a) Recoñecer a participación das persoas coordinadoras e do profesorado participante nos proxectos como actividade de innovación educativa.

b) Difundir os mellores proxectos a través das canles dixitais desta consellería e, máis especificamente, mediante a publicación das mellores experiencias de cada programa na sección específica do Plan Proxecta en Eduga, Revista Galega do Ensino.

Artigo 6. Liñas estratéxicas do Plan Proxecta

Este plan organízase ao redor de tres grandes liñas estratéxicas:

1. Desenvolvemento das competencias clave.

O desenvolvemento das competencias é fundamental na organización curricular do ensino non universitario. A Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, recolle no artigo 2 as seguintes competencias clave: 1) Comunicación lingüística; 2) Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía; 3) Competencia dixital; 4) Aprender a aprender; 5) Competencias sociais e cívicas; 6) Sentido de iniciativa e espírito emprendedor; 7) Conciencia e expresións culturais.

2. Desenvolvemento dos elementos transversais.

Os programas incluídos neste plan teñen en común o obxectivo de desenvolver a educación en valores e mais os elementos transversais conforme o artigo 11 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 6 do Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

3. Utilización de estratexias metodolóxicas comúns.

A terceira liña estratéxica é o fomento de estratexias metodolóxicas comúns a todos aqueles programas educativos que participen no Plan Proxecta. Abordarase unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos baseada en dinámicas activas, cooperativas e contextualizadas, centradas na experiencia práctica do alumnado sobre o seu contorno inmediato. Esta proposta leva ao desenvolvemento de valores desde unha crecente posición crítica e autónoma, partindo dos seus intereses e das súas experiencias. Deste xeito, as actividades levadas a cabo no centro por cada programa organizaranse conformando un proxecto interdisciplinario que inclúa elementos do currículo de diversas materias, áreas, ámbitos ou módulos e que se integre nas programacións específicas do profesorado participante e na programación xeral anual.

Artigo 7. Profesorado participante

1. Nos proxectos interdisciplinares realizados nos centros deberá tomar parte, como mínimo, unha persoa coordinadora e un profesor ou unha profesora. A participación máxima estará delimitada polo establecido especificamente por cada programa educativo.

2. O profesorado coordinador e participante deberá ter destino no centro solicitante durante o curso escolar completo.

3. Será posible realizar proxectos en que participen varios centros. Neste caso, os centros deben facer cadansúa solicitude na aplicación de xestión (véxase artigo 8). Para os efectos de avaliación terase en conta o proxecto de cada centro por separado, pero valorarase especialmente o esforzo de colaboración intercentros.

Artigo 8. Proceso e prazo de solicitude

1. Cada centro poderá presentar unha única solicitude (anexo I). Cómpre completar o proceso de solicitude coa realización do proxecto de cada programa solicitado a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/. É necesario que conste no anexo I o código do proxecto de cada programa educativo solicitado e comprobar que o seu estado na aplicación figure como «trámite».

2. Para cubrir os datos necesarios para obter cada proxecto dos programas que solicita cada centro, o/a director/a ou persoa que o/a substitúa debe cubrir os datos requiridos para cada un dos programas a través da aplicación do Plan Proxecta 2016/17 (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos), onde deberá cubrir un proxecto por cada programa en que se desexe participar. En cada un, o/a director/a deberá introducir os datos da persoa que o vai coordinar. A partir deste momento, será esta persoa coordinadora, a través da súa propia conta de usuario, quen cubra o resto de información solicitada.

Unha vez cubertos os datos requiridos pola aplicación, o/a director/a debe revisalos para confirmar o compromiso do centro de levar a cabo os proxectos nas condicións indicadas, e dará por rematado o proceso na propia aplicación. É necesario comprobar que o estado en que queda cada solicitude de proxecto sexa «trámite».

3. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED313I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado ED313I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo para presentarse a esta convocatoria vai desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de outubro de 2016.

Artigo 9. Comisión de selección

1. Unha vez pechado o prazo de solicitude de participación, a comisión de selección avaliará a solicitude dos centros participantes en cada programa, segundo os criterios publicados na ficha informativa que figura na aplicación de xestión ou tamén na sección de Programas da web do Plan Proxecta (http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas).

2. A comisión de selección estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular da Xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa.

c) Dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.

d) As persoas responsables de cada un dos programas que participan no Plan Proxecta nesta convocatoria. Estas persoas serán designadas polas institucións responsables de cada programa.

3. A comisión poderá dispor a constitución de comisións técnicas, compostas por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e das outras institucións participantes, que informen sobre os proxectos presentados.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección das solicitudes, a comisión de selección fará pública a resolución provisoria na web desta consellería (http://www.edu.xunta.gal/portal/) e notificarállela ás persoas responsables dos centros a través da aplicación de xestión do Plan Proxecta.

2. Os centros solicitantes dispoñen dun prazo de 10 días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, a comisión de selección realizará a valoración das reclamacións e renuncias recibidas, e a seguir elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que adoptará a resolución definitiva dos centros seleccionados en cada programa.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. O prazo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións desta resolución será de tres meses, e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico de administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Seguimento e avaliación dos proxectos

1. O equipo directivo do centro supervisará o desenvolvemento dos proxectos e dará conta deles aos órganos de participación e goberno, aos pais, ás nais ou aos/ás titores/as legais, así como ás institucións que participan no/s programa/s.

2. A inspección educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e a avaliación das diferentes actuacións previstas nos programas, e informará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A persoa coordinadora de cada proxecto elaborará unha memoria final do traballo realizado na sección correspondente da aplicación de xestión desta resolución. O prazo para a súa realización rematará o 30 de xuño de 2017. Esta memoria será avaliada polas persoas responsables dos programas e do plan de acordo cos criterios de avaliación que cada programa educativo establece.

4. A valoración positiva desta memoria será indispensable para acadar a certificación de innovación educativa do profesorado participante.

5. A participación do centro no Plan Proxecta deberá quedar reflectida na súa memoria anual.

Artigo 12. Certificación e recoñecemento do profesorado

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado no Plan Proxecta como actividade de innovación educativa (véxase artigo 11.4).

Dependendo da temporización do programa educativo, a equivalencia en horas de formación permanente do profesorado destas certificacións será a seguinte:

a) Curso completo: 20 horas para o profesorado participante e 30 horas para a persoa coordinadora.

b) Medio curso: 12 horas para o profesorado participante e 15 horas para a persoa coordinadora.

Cada docente (independentemente da súa condición de coordinador/a ou participante) recibirá unha única certificación por curso académico, independentemente do número de programas en que se participe. Prevalecerá a condición de coordinador/a sobre a de participante e a participación en programas de temporización do curso completo sobre os de medio curso.

2. Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difundirá as boas prácticas identificadas entre os proxectos realizados polos centros.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Avaliación do sistema educativo», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da consellería, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque II, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxoifp@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file