Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43730

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo.

BDNS (Identif.): 317512.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia como viticultoras, que teñan viñedos na zona xeográfica delimitada no anexo II, da Ribeira Sacra.

Segundo. Obxecto

A finalidade perseguida é que nas parcelas vitícolas que foron afectadas polo pedrazo (área delimitada xeograficamente no anexo II) se siga realizando unha viticultura de montaña cualificada como heroica polo Centro de Investigacións, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (Cervim), que axuda á conservación do medio rural da Ribeira Sacra.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo.

Cuarto. Importe

Esta convocatoria de axudas dispón dun orzamento de cincocentos mil euros (500.000 euros), que se distribuirá entre todos os beneficiarios a razón de 7.000 euros por hectárea.

No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias