Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43712

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo.

A Ribeira Sacra ocupa un territorio de máis de 2.500 hectáreas repartidas en 19 concellos das provincias de Lugo e Ourense, a maioría situados nas ladeiras dos ríos Miño e Sil. A súa poboación actual é de 64.000 habitantes, un 35 % deles no grupo de idade maior de 65 anos (10 puntos máis que a media de Galicia, sendo esta xa das máis altas de Europa).

Case a metade do seu territorio, unhas 1.200 hectáreas, están incluídas na denominación de orixe vinícola Ribeira Sacra, baixo o control do seu Consello Regulador. O cultivo da vide e a elaboración do viño é xa desde épocas romanas, o motor económico e cultural de toda a zona.

A Ribeira Sacra está incluída no grupo exclusivo de media ducia de rexións en todo o mundo cualificadas como de «viticultura heroica». O traballo nas viñas realízase de forma manual, a maior parte nos socalcos construídos en época romana situados nas ladeiras dos ríos con pendentes de máis do 30 %, moitas delas alcanzan desniveis de máis do 70 %. Toda a zona, ademais, foi propicia ao longo da súa historia (e é aínda factible a súa recuperación) para moitos cultivos que agora se englobarían na agricultura ecolóxica. E todo isto enmarcado nunha contorna de excepcional valor ambiental e paisaxístico, configurada recentemente como un xeodestino turístico con alto potencial para a súa comercialización.

Segundo o informe emitido polo organismo Meteogalicia sobre a información meteorolóxica do día 15 de agosto na zona do concello de Sober, a xornada deste día foi de inestabilidade atmosférica causada pola entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera. Esta inestabilidade deu lugar a chuvascos tormentosos, acompañados de aparato eléctrico e pedrazo na zona de estudo.

Esta zona de Sober foi a única de Galicia na cal se rexistraron precipitacións nese día, incluso con grandes diferenzas entre as distintos estacións meteorolóxicas da zona, as de Xábrega, Ponte Boga e Marroxo. Así, mentres na de Xábrega unicamente se rexistraron 0,7 l/m2, nos de Marroxo e Ponte Boga rexistráronse 23,4 e 21,2 l/m2 respectivamente, e segundo indica este informe unha boa parte desta precipitación foi en forma de pedrazo. O núcleo máis importante vai desde o río Sil cara a o norte desde a zona de Doade a Marroxo, que é onde o radar detectou as precipitacións de pedrazo máis importantes.

Un aspecto importante destas precipitacións é o intervalo de tempo en que se produciron, así do estudo das precipitacións cada 10 minutos das estacións de Ponte Boga e Marroxo estas van desde as 18.50 ata as 20.00 horas.

A Consellería do Medio Rural avaliou os danos producidos polas intensas precipitacións de pedrazo e determinou que os danos producidos nos viñedos encadrados dentro da zona xeográfica delimitada no anexo II traen como consecuencia a perda da colleita desta campaña e que, posiblemente, afectará as vindeiras campañas.

Os recentes danos causados polo pedrazo poden provocar perdas económicas aos viticultores que os leven a abandonar total ou parcialmente os viñedos, deixando de realizar uns labores fundamentais de conservación e mantemento que inflúen directamente na conservación do hábitat e na prevención da erosión do solo.

A Consellería do Medio Rural ten atribuídas as accións referentes aos sistemas de produción agraria e de conservación do medio rural, segundo o establecido no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo e convocar para o ano 2016 as axudas de minimis (procedemento MR451A), en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A finalidade perseguida é que nas parcelas vitícolas que foron afectadas polo pedrazo (área delimitada xeograficamente no anexo II) se siga realizando unha viticultura de montaña cualificada como heroica polo Centro de Investigacións, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (Cervim), que axuda á conservación do medio rural da Ribeira Sacra.

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia como viticultoras, que teñan viñedos na zona xeográfica delimitada no anexo II, da Ribeira Sacra.

Artigo 4. Requisitos para todos os beneficiarios da axuda

1. Todos os viticultores que soliciten a axuda deberán:

a) Atoparse inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia.

b) As parcelas vitícolas polas que se solicita a axuda deben estar encadradas dentro da área xeográfica delimitada no anexo II, e non estean abandonadas ou en situación ilegal no Rexistro Vitícola de Galicia.

c) O viñedo terá unha antigüidade mínima de catro anos (ano de plantación 2012 ou anterior).

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades cas cales concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Artigo 5. Compromisos dos beneficiarios

O beneficiario deberá cumprir o compromiso de manter en cultivo a superficie subvencionada durante polo menos un ano contado desde a data de pagamento da axuda.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Serán subvencionables as operacións de conservación e mantemento do viñedo nas cales se inclúen a poda e a xestión dos restos de poda, os tratamentos fitosanitarios e o mantemento do solo.

Artigo 7. Contía e tipo de axuda

Establécese un custo de referencia de 7.000 € por hectárea para a operación subvencionada de conservación e mantemento do viñedo, cunha porcentaxe de axuda do 100 % do custo de referencia.

No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte a todos os beneficiarios, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe máximo para percibir, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, será de 15.000 € para un período de tres exercicios fiscais (o actual e os dous anteriores), segundo o establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As persoas que estean interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Consellería do Medio Rural, conforme o modelo normalizado que figura no anexo I.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

8. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1 e 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de un mes contado a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

3. O prazo para resolver será de dous meses desde a publicación desta orde.

Artigo 10. Notificacións

Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Artigo 11. Publicación

As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, onde figurarán os datos do beneficiario, finalidade da axuda, contía e aplicación orzamentaria. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 12. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa.

Artigo 13. Incompatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra, incluídas as indemnizacións derivadas dos danos producidos pola acción meteorolóxica descrita nesta orde.

Artigo 14. Reintegro da axuda

Atendendo ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 15. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 16. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos e as informacións previstos nesta norma, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

CAPÍTULO II
Convocatoria

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para os viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 20. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 21. Documentación que hai que presentar

As solicitudes de subvención axustaranse ao modelo que figura como anexo I, o cal inclúe unha declaración das parcelas afectadas, á cal se acompañará a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI da persoa física solicitante, no caso de non autorizar á Consellería do Medio Rural á consulta dos datos DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Copia cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación (se é o caso).

c) Copia do DNI do seu representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación (se é o caso).

Unha vez finalizado o prazo de presentación revisaranse as solicitudes e verificarase que conteñen a documentación exixida e que reúnen todos os requisitos para a concesión das axudas que se establecen na presente orde. Se se aprecia algunha omisión ou erro, requirirase ao solicitante para que no prazo de 10 días achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, e faráselle saber que, en caso contrario, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 22. Xustificación e pagamento da axuda

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario, xa que todos os datos necesarios constan en poder da Administración. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes de axuda, procederase a realizar a resolución de aprobación e o pagamento da axuda simultaneamente.

O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada polo solicitante na súa solicitude de axuda.

Artigo 23. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.712B.772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2016 por un importe de cincocentos mil euros (500.000).

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que tal incremento orzamentario implique a apertura de novo prazo para a presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

– A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a directora xeral de Gandaría, Agricultura, e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II
Delimitación xeográfica da área subvencionable

Inclúe parcelas nos polígonos 31 e 92 do concello de Sober, e parcelas no polígono 161 do concello de Monforte de Lemos.

missing image file