Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43710

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de setembro de 2016 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

De acordo co previsto no número 6 do artigo 8 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, con data do 31 de maio de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se daba publicidade á solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida «Ribeiras do Morrazo», na cal se recollían os enderezos electrónicos onde se podían consultar tanto o seu prego de condicións coma o documento único, e pola que se abría un prazo para que calquera persoa física ou xurídica que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, puidese opoñerse ao rexistro da devandita indicación xeográfica protexida mediante a correspondente declaración de oposición. Co mesmo obxectivo, tamén se deu publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 29 de abril de 2016. A solicitude fora presentada anteriormente perante a Consellería do Medio Rural pola agrupación de produtores que se constituíu para o efecto.

Xunto coa publicidade da solicitude estableceuse un prazo de dous meses, contados desde a publicación máis tardía de ambas, para a presentación de declaracións de oposición.

O dito prazo legal transcorreu sen que se formulase ningunha oposición. Seguíronse todos os trámites preceptivos e constan acreditados no procedemento os fundamentos para a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida «Ribeiras do Morrazo».

Polo tanto, tendo en conta o establecido no Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os reglamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2001 e (CE) nº 1234/2007; de acordo co previsto no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade e os seus consellos reguladores, e segundo o previsto nos artigos 13 e 15 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar decisión favorable en relación coa inscrición da indicación xeográfica protexida «Ribeiras do Morrazo» no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Segundo. Ordenar a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e informar de que o prego de condicións e o documento único correspondentes á solicitude á que se refire esta decisión favorable están accesibles nos enderezos electrónicos seguintes, da web da Xunta de Galicia:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/Prego_Condicions_Ribeiras_do_Morrazo_abril_2016_G.pdf.

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/Documento_unico_Ribeiras_do_Morrazo_abril_2016_G.pdf.

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural