Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45436

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras ocasionados polos incendios forestais, e se convocan para o ano 2016.

O 7 de setembro de 2016 publicouse o Decreto 120/2016, do 1 de setembro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de agosto do ano 2016, no cal se estableceron as axudas para a reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o mes de agosto de 2016 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na disposición derradeira segunda do decreto facúltase a Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento dese decreto, en concreto, para a concesión das axudas previstas nos seus artigos 7 e 10, para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e polos danos ocasionados nas explotacións agrícolas e gandeiras.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

O Decreto 120/2016, do 1 de setembro, fai unha declaración comprensiva de danos polos incendios producidos no mes de agosto con repercusión tanto no ámbito das explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, como no ámbito económico e social, que afectan vivendas, enxoval, establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos.

Pero, ademais, no mes de setembro producíronse sinistros similares que provocaron danos exclusivamente en explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, polo que cómpre atender a reparación daqueles danos, para que non se produza un agravio entre uns e outros titulares de explotacións.

Por outra parte, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia, sen que coa tramitación das axudas a través deste regulamento sexa necesaria unha declaración da medida de emerxencia imposta pola autoridade competente.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento de concesión

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas no réxime de minimis a favor das persoas afectadas polos danos causados polos incendios forestais que se produciron en 2016, coa finalidade de reparar eses danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rateo ao abeiro segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ás infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais, á maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios forestais, e aos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, e á subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios que se produciron en agosto e setembro de 2016.

Artigo 3. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento, estas axudas non poderán ser:

a) Axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados;

b) Axudas a actividades relacionadas coa exportación;

c) Axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

Artigo 4. Liñas de axuda

As liñas obxecto de axuda son as seguintes:

a) Axuda para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada (liña I).

b) Axuda para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados por estes (liña II).

c) Axuda aos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial (liña III).

d) Axuda para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras (liña IV).

e) Axuda pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras (liña V).

f) Axuda pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas (liña VI).

g) Axuda para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas (liña VII).

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, así como os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión dos organismos públicos. No caso de danos causados á maquinaria e ao equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión dos organismos públicos.

2. Unha mesma persoa solicitante poderá solicitar as sete liñas de axuda e o expediente de axudas será único.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

4. No caso das CMVMC, deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

5. No caso das explotacións agrícolas e gandeiras, estas deberán estar rexistradas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e, se é o caso, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Para o caso dos animais e colmeas, consideraranse unicamente, para efectos das axudas, os correctamente identificados e/ou declarados.

Artigo 6. Ámbito temporal

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polos incendios forestais acontecidos en Galicia nos meses de agosto e setembro de 2016.

Artigo 7. Contía da axuda e requisitos

1. A contía da axuda calcularase con base no establecido nas alíneas seguintes:

a) Liña I: no caso de reparación dos danos causados a infraestruturas, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9 desta orde, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 €.

b) Liña II: no caso de maquinaria e equipamento forestal danadas en tarefas de colaboración nos labores de extinción, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo de 15.000 €.

c) Liña III: no caso dos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 €.

d) Liña IV: no caso de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, o 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo de 15.000 €.

e) Liña V: no caso de danos derivadas da perda total ou parcial da produción agrícola a axuda, será do 70 % e calcularase mediante o resultado de multiplicar a cantidade media anual de produtos agrícolas producidos durante o trienio anterior ao incendio forestal polo prezo medio de venda obtido, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 €.

f) Liña VI: no caso de morte de gando non equino, o importe establecido na Orde do 4 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades destes, e se convocan para o ano 2016. No caso de morte de gando equino, 200 € se se trata de animais de máis de 24 meses e 60 € no caso de animais menores de 24 meses. No caso de destrución das colmeas, 100 € por colmea destruída. O límite máximo por persoa beneficiaria será de 15.000 €.

g) Liña VII: no caso de adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas, o 100 % do custo calculado deste para un máximo de tres meses, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 3.000 €.

2. As axudas das alíneas a) a g) do punto anterior poderanse acumular nun mesmo beneficiario, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, ata o máximo de 15.000 € para un período de tres exercicios fiscais establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

3. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ao importe calculado de acordo co punto 1 desta orde, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Como requisito para as liñas de axuda I, II, III, IV e VII deberanse presentar tres orzamentos de diferentes provedores no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos.

Artigo 8. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Liña I: a reparación dos danos causados polos incendios en terreos forestais de titularidade privada nos seguintes investimentos:

Pistas forestais.

Captacións de augas (caseta en que figura a toma de auga, instalación de distribución).

Cerramentos (cancelas, colocación de postes, malla ou arame, pasos do gando).

Bebedoiros e comedeiros. No caso de que quedasen inutilizados, poderán ser substituídos por bebedoiros e comedeiros móbiles.

b) Liña II: os gastos de reparación dos danos causados na maquinaria e equipamento forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

c) Liña III: os gastos da madeira amoreada queimada, e de corta, recollida e asteladura da madeira queimada non comercial.

d) Liña IV: os gastos de reparación dos danos causados nos bens, maquinaria, equipamentos e medios de produción das explotacións agrícolas e gandeiras. No caso de que quedasen inutilizados, poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

e) Liña V: os danos sufridos na produción agrícola na campaña.

f) Liña VI: o valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas como consecuencia dos incendios forestais nas zonas afectadas.

g) Liña VII: o valor da alimentación complementaria que hai que subministrar aos animais e colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de tres meses, calculado en función do número de animais ou colmeas.

Artigo 9. Cálculo das axudas

1. As axudas das liñas I, II, III, IV e VII calcularanse tomando como referencia o importe dos investimentos elixibles que figuran no orzamento presentado de menor custo ao cal se lle aplicará, se é o caso, o límite máximo establecido para cada tipo de investimento segundo o anexo IV desta orde.

2. O IVE non é subvencionable.

3. Porén, as axudas para compensar os danos sufridos na produción agrícola calcularanse mediante o resultado de multiplicar a cantidade medial anual de produtos agrícolas producidos durante o trienio anterior ao incendio forestal polo prezo medio de venda obtido.

4. Así mesmo, as axudas para compensar a morte de gando non equino calcularanse con base nos animais afectados e nos baremos oficiais establecidos na Orde do 4 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades destes, e se convocan para o ano 2016. No caso de morte de gando equino, a axuda calcularase con base nos animais mortos, a razón de 200 € se se trata de animais de máis de 24 meses e 60 € no caso de animais menores de 24 meses. No caso das colmeas destruídas, as axudas calcularanse con base nas efectivamente afectadas, tomando como referencia un valor de 100 € por colmea.

Artigo 10. Delimitación dos terreos forestais ou agrarios afectados

A Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais delimitará as superficies de terreos forestais ou agrarios afectados polos incendios polas que se soliciten estas axudas.

Artigo 11. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ás xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural.

2. A solicitude de axuda inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración da conta para a transferencia bancaria (anexo I).

b) Declaración do total das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas (anexo I).

c) Declaración da titularidade do terreo en que se produciron os danos (anexo III).

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante ou do seu representante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e a referida publicidade.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 13. Documentación

1. Xunto coa solicitude de axuda, presentarase a seguinte documentación:

a) Nas liñas I e III, para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común, documentación xustificativa da propiedade dos terreos por propiedade ou por contrato de arrendamento. Nas liñas II e IV, documentación xustificativa da propiedade da maquinaria e equipamento (permiso de circulación) e comprobarase a súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, se é o caso.

b) Fotocopia do DNI da persoa física solicitante ou da persoa representante, só no caso de non autorizar expresamente a súa consulta. Cando se trate dun pro indiviso, de varas, de fabeo, de vocerío, de voces, abertais, cooperativa agrícola ou comunidade de bens deberase presentar o anexo II debidamente cuberto.

c) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, copia do NIF, só no caso de non autorizar expresamente a súa consulta, e copia do DNI da persoa representante só no caso de non autorizar expresamente a súa consulta, así como acordo do órgano competente polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

d) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.

e) Referencias Sixpac das parcelas afectadas polos incendios (anexo III).

f) Memoria xustificativa dos danos polos que se solicita axuda:

Liña I.

– Pista forestal, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros, comedeiros: informe do concello respecto da non titularidade municipal da pista forestal, e no caso de captación de augas, certificación expedida polo órgano competente ou entidade da titularidade da dita captación; plano de situación e delimitación do trazado ou da localización dos investimentos polos cales se solicita a axuda; reportaxe fotográfica en que se comproben fidedignamente os danos nos investimentos; resumo do danos causados e tres orzamentos de diferentes provedores en que se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable. Quedarán excluídas as axudas ás captacións de auga instaladas de xeito superficial e sen sinalizar (sen respectar a lexislación vixente ao respecto), e queda vinculada á instalación a unha profundidade mínima de 70 cm e á instalación dos fitos precisos para sinalizala, así como á legalización do acto de disposición correspondente no caso de atravesar montes veciñais.

Liña II.

– Maquinaria e equipamentos de uso forestal: informe oficial (Distrito Forestal, Oficina Agraria Comarcal, Garda Civil, Concello) no cal se indique que a maquinaria e os equipamentos foron danados como consecuencia dun incendio forestal; resumo dos danos causados e tres orzamentos de diferentes provedores nos cales se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

Liña III.

– Gastos da madeira amoreada queimada, e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial: plano de situación e delimitación da superficie queimada; resumo do danos causados e tres orzamentos de diferentes provedores nos cales se desagreguen detallada e cuantificadamente os metros cúbicos de madeira amoreada afectada polo incendio, e a superficie de corta, recollida e esteladura da madeira queimada. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

Liña IV.

– Bens, maquinaria e equipamentos de explotacións agrícolas e gandeiras: informe oficial (Distrito Forestal, Oficina Agraria Comarcal, Garda Civil, Concello) no cal se indique que os bens, a maquinaria, os equipamentos ou os medios de produción foron danados como consecuencia dun incendio forestal; resumo do danos causados e tres orzamentos de diferentes provedores nos cales se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

Liña V.

– Danos sufridos na produción agrícola: informe oficial (Distrito Forestal, Oficina Agraria Comarcal, Garda Civil, Concello) no cal se indique que as producións foron danadas como consecuencia dun incendio forestal. Resumo dos danos causados e xustificación dos produtos obtidos e os prezos de venda das tres últimas campañas.

Liña VI.

– Gando e colmeas mortas: detalle dos animais ou das colmeas afectadas, coa súa identificación e concreción dos lugares en que se atopaban no momento da morte, así como código de identificación da explotación rexistrada. Informe oficial (Distrito Forestal, Oficina Agraria Comarcal, Garda Civil, Concello) no cal se indique que o gando ou as colmeas morreron como consecuencia dun incendio forestal. Se é o caso, documento de recollida do cadáver por parte da empresa autorizada.

Liña VII.

– Alimentación complementaria de gando ou colmeas: descrición detallada do número de animais ou colmeas afectados, así como da súa localización; informe oficial (Distrito Forestal, Oficina Agraria Comarcal, Garda Civil, Concello) no cal se indique que os terreos en que se atopaba o gando ou as colmeas estiveron afectados como consecuencia dun incendio forestal; xustificación da necesidade de proporcionar alimentación complementaria; cálculo desagregado do volume de alimento necesario, en función do número de animais ou colmeas, para un período de tres meses; tres orzamentos de diferentes provedores no cal se desagreguen detallada e cuantificadamente as ofertas presentadas para proporcionar o alimento sinalado. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

g) No caso de tractores ou máquinas automotrices, copia do seguro de circulación e informe da compañía de seguros respecto da indemnización resultante como consecuencia do incendio forestal.

2. Ademais, nas liñas I e III, na memoria xustificativa farase constar se a superficie en que figuran as actuacións se atopa dentro da Rede Natura 2000. Para garantir que as actuacións toman adecuadamente en consideración os obxectivos de conservación destes lugares, e de conformidade coas directivas 92/43/CEE e 2009/147/CE, solicitaráselle, de forma interna, informe á autoridade competente en conservación da natureza. E, neste sentido, a aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia e os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terán en conta este aspecto.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 15. Tramitación e resolución das axudas

1. As xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural instruirán os expedientes, realizarán de oficio cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, para o que distribuirán as solicitudes de cada liña de axudas nos servizos territoriais competentes. Ademais, proporán a resolución das solicitudes e o pagamento das axudas concedidas.

Se a solicitude de cada liña de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1 e 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Antes da concesión destas subvencións compararanse todas as solicitudes presentadas que cumpren todos os requisitos e farase unha análise global de todas elas co fin de efectuar a modulación da contía da axuda que se vai conceder, de acordo co establecido no punto 3 do artigo 7 desta orde.

3. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, unha vez feita a análise global establecida no punto anterior, ditará a correspondente resolución de concesión da axuda e o seu importe previsto, segundo as normas e os criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, o interesado poderá entender rexeitada a súa solicitude.

Artigo 16. Inspección previas

Funcionarios da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección para comprobar o estado da madeira queimada amoreada, da queimada non comercial, das infraestruturas, bens, maquinaria, equipamentos ou medios de produción que figuren na solicitude de axuda, ou ben para comprobar as perdas de produción ou as necesidades de alimentación, que se poderá realizar antes da resolución de aprobación. Os resultados das comprobacións feitas nas inspeccións previas serán comunicadas aos beneficiarios das axudas.

Artigo 17. Xustificación dos traballos subvencionables

1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde é de 6 meses desde a súa aprobación. Atendendo ao artigo 49 da Lei 30/1992, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un mes antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

2. Só serán subvencionables os gastos elixibles que se realicen e que se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) desde a data de inicio do incendio, e como límite na data de xustificación das axudas.

3. Xunto coa notificación de remate dos traballos achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da axuda.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

– Contía da axuda calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos no anexo IV.

c) No caso de pistas forestais, certificado final de obra emitido polo responsable da obra, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.

d) Facturas e xustificantes de gasto. Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo indicando a axuda para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á axuda e reflectirase, neste último caso, a contía exacta que resulte.

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, e marcaranse cun selo indicando a axuda para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á axuda e reflectirase, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola axuda.

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– A data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir a factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co cal realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

h) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

– Presentaranse o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada, e estará selado pola entidade bancaria.

– Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

– No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

– No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

– No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

e) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos polas distintas administracións públicas polos que se aprobou a axuda.

4. No caso de perdas de produción agrícola, a xustificación farase mediante a presentación de documentación acreditativa das correspondentes cantidades producidas e prezos medios cobrados nas tres campañas anteriores, e é suficiente para tramitar o pagamento o informe favorable da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, tras as comprobacións oportunas.

5. No caso do gando morto ou as colmeas destruídas, non é necesario presentar ningún documento xustificativo e é suficiente para tramitar o pagamento o informe favorable da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, tras as comprobacións oportunas.

6. No caso de alimentación complementaria ao gando ou ás colmeas, para a xustificación será suficiente a presentación das facturas e xustificantes de gasto.

Artigo 18. Certificación dos traballos

1. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final in situ, cando proceda, realizada por funcionarios da Consellería do Medio Rural.

2. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

Artigo 19. Recursos administrativos

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda rexeitada por silencio administrativo, ou ben sexa impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución for expresa.

Artigo 20. Crédito

1. As axudas reguladas na presente orde financiaranse, no exercicio 2016, con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.02.713B.770.0 CP 2010 00929 (475.000 €) e CP 2016 00208 (125.000 €), e no exercicio 2017 por importe de 400.000,00 € na devandita aplicación, no proxecto 2010 00929, polo que o importe total asignado é dun millón de euros (1.000.000,00 €) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. A Consellería do Medio Rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 21. Publicidade

1. A concesión das axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados polos incendios forestais reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia.

2. As persoas interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados polos incendios forestais levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, os/as solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 22. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 23. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería do Medio Rural, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007 citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Anexo IV

Investimento

Límite máximo

Arranxo pista forestal

2.956,07 €/km

Captacións de augas (incluída toma e edificación)

2.000,00 €/km

Peches (colocación de postes, malla, pasos do gando)

7.580,00 €/km

Bebedoiros e comedeiros portátiles

1.200,00 €/ud

Bebedoiros e comedeiros obra civil

500,00 €/ud

Tractor

15.000,00

Fresadora e arado

4.000,00 €/ud

Rolo

1.800,00 €/ud

Grade de discos

7.000,00 €/ud

Rozadora

5.000,00 €/ud

Rozadora de man

500,00 €/ud

Cisterna de xurro

6.000,00 €/ud

Eliminación de madeira non comercial afectada polo incendio (corta polo pé,

tronza, empilla e esteladura)

1.000 €/ha

Madeira amoreada afectada por incendio forestal

20 €/m3

Os límites máximos aplicables á maquinaria correspóndense con maquinaria nova. No caso de maquinaria de segunda man, aplicaráselle unha diminución do 60 %, mentres que no caso de reparacións a diminución será do 90 %.