Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 19 de outubro de 2016 Páx. 47149

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2016 pola que se convocan dúas actividades en materia enerxética e de rehabilitación para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e das entidades locais galegas.

De conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo, convócanse dúas actividades en materia enerxética e de rehabilitación para o persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e das entidades locais galegas, que se detallan nos anexos desta resolución.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria de cursos para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e das entidades locais galegas que figuran no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e das entidades locais galegas que se atopen en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada actividade na epígrafe de destinatario do curso.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades así como as súas posibles modificacións será actualizada e ampliada na páxina web http://egap.xunta.gal

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo
http://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 54, e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 12 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

– Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

– Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

– As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

1. Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP poderá modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: FC16300.

Certificación enerxética con CE3X e CE3 para residencial e pequeno terciario.

1. Descrición do curso.

Formación dirixida á capacitación dos profesionais da edificación co obxectivo de que aprendan a realizar os cálculos térmicos necesarios para a obtención do consumo enerxético e as emisións de CO2 anuais dos edificios existentes e a súa cualificación enerxética cos programas CE3x e CE3, segundo a lexislación vixente.

2. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e das entidades locais galegas.

Esta formación está orientada especialmente ao persoal técnico que precise adquirir coñecementos relativos á cualificación enerxética de edificios co fin de traballar baixo os criterios de eficiencia enerxética. Enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, arquitecto, arquitecto técnico de acordo coas competencias e especialidades de cada un.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 25 horas.

Datas: do 3 ao 24 de novembro de 2016 (os días 3, 8, 10, 15, 17, 22 e 24).

Horario: das 16.30 ás 20.00 horas.

Lugar: aula 12 (os días 3, 8 e 10) e aula 8 (os días 15, 17, 22 e 24) da Escola Galega de Administración Pública (Santiago de Compostela).

Prazas: 25.

4. Contido.

Unidade didáctica 1. Normativa.

Unidade didáctica 2. Uso de CE3x para certificación de edificios residenciais.

Unidade didáctica 3. Uso de CE3 para certificación de edificios de uso non residencial (pequeno e gran terciario).

Unidade didáctica 4. Uso da ferramenta unificada Lider-Calener. Conceptos xerais.

Unidade didáctica 5. Influencia na edificación do uso das enerxías renovables e/ou eficientes.

• Código: FC16301.

Materiais e sistemas construtivos na rehabilitación. Envolventes.

1. Descrición do curso.

A situación económica que vivimos puxo, leva facéndoo os últimos anos, en grave crise o avance da edificación de nova planta.

Na actualidade, unha das poucas liñas de actuación arquitectónica que está levando a cabo, aínda que sen excesiva euforia, un desenvolvemento algo máis optimista é a rehabilitación do parque edificatorio tradicional, en cidades e poboacións rurais.

As accións nestes ámbitos teñen particularidades especiais e distintas ás da obra nova e, ademais, os avances tecnolóxicos aplicados á construción en xeral e á rehabilitación en particular experimentaron unha importante evolución durante os últimos anos.

2. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e das entidades locais galegas. Especialmente, persoal técnico da construción, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 25 horas.

Datas: do 2 ao 30 de novembro de 2016 (os días 2, 7, 9, 21, 23, 28 e 30).

Horario: das 16.30 ás 20.00 horas.

Lugar: aula 7 (os días 2, 7 e 9) e aula 10 (os días 21, 23, 28 e 30) da Escola Galega de Administración Pública (Santiago de Compostela).

Prazas: 25.

4. Contido.

Unidade didáctica 1. Introdución.

1.1. Definición de conceptos: materiais, elementos, sistemas e subsistemas.

1.2. Características compositivas dos materiais.

1.3. Lesións e danos nos sistemas construtivos consecuentes do uso e/ou prescrición incorrecta, deficiente posta en obra, ataques de axentes externos, etc.

Unidade didáctica 2. Pasos previos.

2.1. Coñecemento da contorna en que se actúa, características propias dela.

2.2. Proceso de entrada, de toma de datos.

2.3. Accións de demolición e consolidación de elementos que se van conservar durante a obra.

Unidade didáctica 3. Envolventes.

3.1. Solucións construtivas e sistemas de intervención.

3.2. Análise de solucións tradicionais ou frecuentes na edificación en centros históricos e as súas posibilidades de mellora abarcando todos os elementos da construción que poden necesitar melloras e na estanqueidade e illamento para alcanzar os estándares de habitabilidade.

3.3. Chans, fachadas, cubertas, carpintarías e particións.