Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 19 de outubro de 2016 Páx. 47163

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2016 pola que se convoca o Curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP).

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o Curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015, do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP), de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo do curso é a análise e o estudo das reformas do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común operadas polas novas leis 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Preténdese que o alumnado coñeza as principais novidades que achegan estas leis e a súa incidencia, entre outros, na organización e o funcionamento da Administración, o réxime xurídico dos convenios, a responsabilidade patrimonial das administracións públicas, os recursos administrativos, a tramitación electrónica dos procedementos e os dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración.

2. Contido.

O curso estrutúrase en 3 módulos, nos cales se tratarán, entre outros, os seguintes temas:

– As novas leis de procedemento administrativo común e de réxime xurídico do sector publico. Ámbito de aplicación, principios xerais e entrada en vigor.

– Principios e réxime dos órganos administrativos, en especial, os órganos colexiados.

– A organización da Administración xeral do Estado, en especial, a reconfiguración do sector público institucional estatal.

– Réxime dos convenios e relacións interadministrativas.

– A potestade sancionadora da Administración na nova lexislación de réxime xurídico do sector público e do procedemento administrativo común.

– A responsabilidade patrimonial das administracións públicas na Lei 40/2015 e as especialidades do seu procedemento na Lei 39/2015.

– A configuración dos dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración pública na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Especial referencia aos rexistros e á lingua no procedemento administrativo.

– Os prazos na Lei 39/2015. Cómputo. Os prazos para resolver nos procedementos de oficio e por instancia dos interesados: caducidade e silencio administrativo.

– A tramitación electrónica dos procedementos administrativos na nova Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas. Identificación e sinatura electrónica dos interesados. O rexistro electrónico de apoderamentos. As solicitudes electrónicas. Os documentos electrónicos e as súas copias. O expediente electrónico.

– A resolución administrativa: motivación e notificación. Especial referencia ás notificacións electrónicas.

– A eficacia dos actos administrativos e a súa execución na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común. A nulidade e anulabilidade.

– A revisión de oficio e a revogación dos actos administrativos.

– Os recursos administrativos na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– A iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria.

– Retos que expón a aplicación da nova lexislación de réxime xurídico do sector público e do procedemento administrativo común nas entidades locais.

3. Prazas: 100.

4. Destinatarios.

O curso está dirixido a aqueles profesionais que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

4.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

4.3. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas polos destinatarios referidos nas bases 4.1 e 4.2, as vacantes que resulten poderá cubrilas o persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, así como cargos electos, profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

5. Matrícula.

5.1. Importe.

O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para os destinatarios incluídos na base 4.3.

5.2. Pagamento.

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %) deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación por parte da EGAP de que o alumno foi seleccionado. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 28 de novembro e o 2 de decembro de 2016.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou fraccionado, deberá enviarse xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o nome e apelidos do alumno. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do devandito xustificante no prazo establecido.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

5.3. Prazo de inscrición e documentación requirida.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 27 de outubro de 2016, ou ben, ata que se cubran a totalidade das prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán inscribirse accedendo á epígrafe de área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php) que figura na web da EGAP.

Os solicitantes deberán enviar, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, achegando certificación acreditativa do grupo de destinatarios a que pertencen ou, se é o caso, copia debidamente cotexada do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, o 27 de outubro.

6. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.

7. Publicación da lista de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/). O prazo para a presentación de alegacións será de dous días hábiles a partir da data de publicación.

8. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, os mércores e xoves, entre o 2 de novembro de 2016 e o 22 de decembro.

Terá unha carga lectiva de 42 horas presenciais distribuída en 14 sesións de 3 horas, que se impartirán en horario de tarde.

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

10. Asistencia e puntualidade.

Durante o desenvolvemento deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para este efecto. Os alumnos terán que acreditar a súa asistencia a cada unha das sesións académicas, á entrada e saída de cada sesión.

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c) perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública