Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 19 de outubro de 2016 Páx. 47168

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2016 pola que se aproban os modelos de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

No Boletín Oficial del Estado do 13 de abril de 2013 publicouse o Real decreto 235/2013, do 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética dos edificios. O real decreto establece, na súa disposición transitoria terceira, que o órgano competente de cada comunidade autónoma en materia de certificación enerxética habilitará o rexistro de certificacións no seu ámbito territorial, co fin de dar cumprimento ás exixencias de información que establece a Directiva 2010/31/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de maio de 2010.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, mediante o artigo 17 do Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, xa tiña creado o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á dirección xeral competente en materia de enerxía. Ademais, tiña aprobado o procedemento e o modelo de solicitude para a inscrición dos edificios de nova construción segundo a Orde do 23 de decembro de 2010 pola que se modifica a Orde do 3 de setembro de 2009 pola que se desenvolve o procedemento, a organización e o funcionamento do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, no momento en que entra en vigor o Real decreto 235/2013, do 15 de abril, Galicia necesita habilitar un modelo de solicitude para a inscrición dos edificios existentes e faino coa publicación da Resolución do 20 de maio de 2013 pola que se aproba o modelo de solicitude para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

Dado o gran volume de expedientes que se xeraron coa entrada en vigor do Real decreto 235/2013, do 15 de abril, e co fin de axilizar os trámites e beneficiar o administrado, o Instituto Enerxético de Galicia aprobou a Resolución do 21 de maio de 2015 pola que se aprobou o modelo de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética de edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia. Esta resolución substituíu o modelo de solicitude anterior por un novo modelo de comunicación para presentar o certificado de eficiencia enerxética dos edificios existentes ante o órgano competente na materia.

Dado o necesario desenvolvemento do Real decreto 235/2013, do 5 de abril, e a derrogación do Decreto 42/2009, no ámbito das competencias de desenvolvemento lexislativo da Comunidade Autónoma, publicouse o pasado 29 de setembro no Diario Oficial de Galicia o Decreto 128/2016, do 25 de agosto, polo que se regula a certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este decreto recolle un capítulo específico para o Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia e concretamente no artigo 8 (Comunicación ao rexistro) establece que a comunicación dos certificados ante o órgano competente se fará usando exclusivamente medios electrónicos no prazo dun mes desde a sinatura do certificado de eficiencia enerxética polo técnico. Ademais, establece que os propios técnicos que emitan os certificados poderán comunicalos en representación do/da promotor/a ou propietario/a, de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (na actualidade o artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), que entrou en vigor o 2 de outubro de 2016).

Recóllese tamén na disposición adicional cuarta (Formularios normalizados), que a dirección xeral con competencias en enerxía establecerá o formato e o contido dos formularios normalizados para os procedementos necesarios para a execución deste decreto.

Neste marco legal, é necesario publicar os novos modelos de comunicación para os procedementos de inscrición dos edificios de nova construción (IN413C) e para os edificios existentes (IN413D). Así, igualarase a tramitación de ambos os procedementos e a comunicación de todos os certificados farase de xeito electrónico a través dunha nova aplicación que permitirá tamén a xeración automática do impreso de aboamento da taxa vixente e incluso a opción do pagamento telemático. Unha vez presentada telematicamente a comunicación do certificado de eficiencia enerxética e realizado o pagamento da taxa correspondente, o usuario poderá obter automaticamente a súa etiqueta enerxética xa rexistrada, o cal facilitará e axilizará o procedemento.

Sobre a base do anterior e en uso das competencias atribuídas a este organismo en virtude do establecido na Resolución do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar os formularios normalizados para a comunicación dos certificados de eficiencia enerxética de edificios existentes (código de procedemento IN413D) e de edificios de nova construción tanto en fase de proxecto como en fase de edificio terminado (código do procedemento IN413C) no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

O/a propietario/a ou promotor/a de todo edificio incluído no ámbito de aplicación do Decreto 128/2016, do 25 de agosto, polo que se regula a certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia, deberá comunicar ao Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia o certificado de eficiencia enerxética segundo o disposto no devandito decreto. A comunicación deberá realizarse no prazo máximo dun mes desde a sinatura do certificado de eficiencia enerxética polo/a técnico/a competente.

Os técnicos que emitan os certificados poderán comunicar os certificados de eficiencia enerxética en representación do/a propietario/a ou promotor/a do edificio de acordo co previsto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que se garante en todo caso a capacidade de obrar.

A presentación das comunicacións dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios para proceder ao seu rexistro realizarase unicamente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación dos formularios normalizados de comunicación no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Para o acceso á aplicación que permite a formalización electrónica das comunicacións será necesario darse de alta cun usuario e un contrasinal determinado por este. No momento da presentación requirirase o documento nacional de identidade (DNI) electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa comunicante ou de calquera outra persoa que actúe na súa representación para a realización deste trámite.

Xunto cos modelos de comunicación que se aproban nos anexos da presente resolución achegarase obrigatoriamente a documentación que a seguir se detalla, en función do código do procedemento.

Para o procedemento IN413D, que regula o rexistro dos certificados de edificios existentes, a comunicación (anexo I) virá acompañada de:

• Certificado de eficiencia enerxética asinado por técnico competente segundo os documentos recoñecidos para a certificación de eficiencia enerxética do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e adscrito á Secretaría de Estado de Enerxía.

• Informe de medidas de mellora xerado polos programas recoñecidos para a obtención da cualificación enerxética dos edificios.

• Arquivos de cálculo do programa escollido para a obtención da cualificación enerxética do edificio. O procedemento utilizado para a cualificación enerxética dun edificio debe ser documento recoñecido e estar inscrito no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación enerxética adscrito á Secretaría de Estado de Enerxía.

• Arquivo dixital de saída de datos en formato «xml» xerado polos programas recoñecidos para a obtención da cualificación enerxética do edificio.

• Planos de superficie do edificio, unicamente no caso de que fosen cargados no programa para o cálculo da cualificación.

• Poder de representación segundo o modelo facilitado pola propia aplicación de rexistro, unicamente no caso de que a comunicación a asine calquera persoa en representación do comunicante.

• No caso de que para o cálculo da cualificación se usase unha solución singular individual non considerada por un procedemento de certificación recoñecido, deberá achegarse tamén un informe para a xustificación da dita solución singular, segundo o anexo I do documento «Aceptación de solucións singulares e capacidades adicionais aos programas de referencia e alternativos de cualificación de eficiencia enerxética de edificios» publicado polo Ministerio de Industria Enerxía e Turismo.

• Ademais, poderá enviarse calquera outra documentación que o usuario considere necesaria ou oportuna.

Para o procedemento IN413C, que regula o rexistro dos certificados de edificios de nova construción, a comunicación (anexo II) virá acompañada de:

• Certificado de eficiencia enerxética asinado por técnico competente segundo os documentos recoñecidos para a certificación de eficiencia enerxética do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e adscrito á Secretaría de Estado da Enerxía.

• Arquivos de cálculo do programa escollido para a obtención da cualificación enerxética do edificio. O procedemento utilizado para a cualificación enerxética dun edificio debe ser documento recoñecido e estar inscrito no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación enerxética adscrito á Secretaría de Estado de Enerxía.

• Arquivo dixital de saída de datos en formato «xml» xerado polos programas recoñecidos para a obtención da cualificación enerxética do edificio.

• Cando se rexistre o certificado de eficiencia enerxética de edificio terminado dun edificio de máis de 2.500 m2, achegarase unha acta de verificación asinada por un axente autorizado segundo o artigo 15 do Decreto 128/2016, do 25 de agosto, polo que se regula a certificación enerxética de edificios na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Planos de superficie e alzados do edificio.

• Poder de representación segundo o modelo facilitado pola propia aplicación de rexistro, unicamente no caso de que a comunicación a asine calquera persoa en representación do comunicante.

• No caso de que para o cálculo da cualificación se usase unha solución singular individual non considerada por un procedemento de certificación recoñecido, deberá achegarse tamén un informe para a xustificación da dita solución singular, segundo o anexo I do documento «Aceptación de solucións singulares e capacidades adicionais aos programas de referencia e alternativos de cualificación de eficiencia enerxética de edificios» publicado polo Ministerio de Industria Enerxía e Turismo.

• Ademais, poderá enviarse calquera outra documentación que o usuario considere necesaria ou oportuna.

Esta documentación presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa comunicante ou representante. O Inega poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a presentación electrónica da documentación requirida, a persoa comunicante deberá aboar a taxa 31.50.00 (Inscricións no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia) correspondente en función do tipo de edificio que se estea rexistrando. A propia aplicación informática permitirá o pagamento telemático ou, no caso de querer efectuar o pagamento de xeito presencial, facilitará o modelo de impreso de taxa cuberto. Cando a aplicación confirme que o pagamento está realizado, rexistrará automaticamente o certificado de eficiencia enerxética, poñendo á disposición da persoa comunicante a etiqueta de eficiencia enerxética co número de rexistro outorgado polo Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

En ningún caso o feito de que un certificado de eficiencia enerxética se rexistre suporá a aprobación ou pronunciamento favorable da Administración sobre a súa idoneidade técnica, segundo a normativa vixente. Do mesmo xeito, o rexistro dos certificados de eficiencia enerxética non suporá a acreditación do cumprimento de ningún outro requisito exixible ao edificio.

A propia aplicación habilitada para o rexistro permitirá o seguimento do expediente, a modificación de datos e realizar xestións e consultas.

As etiquetas de eficiencia enerxética dos certificados de eficiencia enerxética de edificios que queden inscritos no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Galicia poderán ser consultadas na páxina web do Inega na ligazón habilitada para a consulta pública do Rexistro.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios de comunicación dos datos relativos ao rexistro de certificados de eficiencia enerxética, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalo novamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Ademais, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das comunicacións serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética» cuxo obxecto é xestionar os presentes procedementos, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia do Inega. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal.

Coa entrada en vigor desta resolución queda derrogada a Resolución do 21 de maio de 2015 pola que se aproba o modelo de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética de edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file