Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2016 Páx. 48173

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2016 pola que se corrixen erros na publicación do expediente de contratación de servizos 2AE/16, servizo de cafetaría-comedor en diversos centros da universidade, e se abre un novo prazo de presentación de ofertas.

Por Resolución reitoral do 20 de setembro de 2016 aprobouse o expediente para a contratación do servizo de cafetaría-comedor en diversos centros da Universidade de Vigo, 2 lotes (expediente 2AE/16). Nesta ordenábase a realización dos trámites necesarios para a adxudicación do servizo mediante procedemento aberto a través da publicación no boletín oficial correspondente e no perfil do contratante.

Publicado anuncio de licitación no DOG núm. 187, do 30 de setembro de 2016, rematou o prazo de presentación de ofertas o 17 de outubro de 2016.

Non obstante, tense advertido un erro na publicación do expediente no perfil do contratante, de xeito que este tense publicitado como administrativo especial, co cal na documentación a través da que se incorpora información no perfil se proporcionou un prego de cláusulas administrativas que non se corresponde cun contrato de servizos, polo que se debe emendar o dito erro.

Así mesmo, no anexo C-I apréciase unha discrepancia na ponderación atribuída (45 puntos) fronte á asignada na folla resumo de características (48 puntos) debendo ser distribuída a ponderación por produtos de xeito que se acaden eses 48 puntos.

Por todo o anteriormente exposto, acórdase ditar a seguinte resolución:

1. Corrixir o anexo C-I para que acade a ponderación atribuída ao criterio 3: oferta económica de 48 puntos.

2. Outorgar un novo prazo de presentación de ofertas de 15 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

3. Publicar o expediente 2AE/16 como contrato de servizos no perfil do contratante, suprimindo este como contrato administrativo especial.

4. Aqueles licitadores que xa teñan presentado oferta e desexen manter esta deberán facer manifestación expresa en tal sentido neste novo prazo de presentación de ofertas, ou ben poderán presentar unha nova oferta que a substitúa.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán os interesados interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao do recibo da notificación desta. Non obstante, os interesados poderán optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 19 de outubro de 2016

O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 7.5.2015; DOG do 13 de maio)
Manuel Fernández Jáuregui
Xerente da Universidade de Vigo