Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 2 de novembro de 2016 Páx. 48493

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca una bolsa de profesores especialistas para o ciclo formativo de grao superior de mantemento aeromecánico que se impartirá no CIFP As Mercedes de Lugo.

A vinculación da formación profesional co sistema produtivo leva consigo a necesidade de dispoñer de profesores especialistas no ámbito educativo.

Os artigos 95, parágrafo 2, 96, parágrafo 3, e 98, parágrafo 2, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE nº 106, do 4 de maio), recollen a figura do profesor especialista coa finalidade de incorporar ao ámbito educativo da formación profesional profesionais, non necesariamente titulados, que desenvolvan a súa actividade no ámbito laboral, en determinados módulos ou materias que poidan achegar ao alumnado destas ensinanzas a súa especial cualificación en materias moi concretas e sempre tendo en conta as necesidades do sistema educativo.

O Real decreto 1560/1995, do 21 de setembro, regula o réxime de contratación de profesores especialistas en centros públicos.

No centro integrado de formación profesional As Mercedes de Lugo, o alumnado que curse o plan formativo relacionado coas ensinanzas de mantemento de aeronaves pode obter o título de técnico superior en Mantemento Aeromecánico.

O Real decreto 625/1995, do 21 de abril, regula o título de técnico superior en Mantemento Aeromecánico e as correspondentes ensinanzas mínimas, así como os módulos profesionais e a especialidade do profesorado. A citada normativa establece condicións moi específicas respecto ao persoal que pode impartir a formación, polo que resulta imprescindible a necesidade de contar con persoal adecuado para poder cumprir os requisitos do persoal formador.

Por todo iso, en aplicación do Real decreto 1560/1995, e vista a proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, esta dirección xeral resolveu convocar a constitución dunha bolsa de profesores especialistas en determinadas ensinanzas, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto da convocatoria

O obxecto desta convocatoria é a constitución dunha bolsa de traballo relativa ao ensino dos módulos do plan de estudos do ciclo formativo de grao superior de Mantemento Aeromecánico que se relacionan no anexo I desta resolución. Nese anexo I indícase, así mesmo, a xornada semanal dos citados postos.

Segunda. Participantes e requisitos

Para ser admitidos a este procedemento, os aspirantes deberán reunir, cando finalice o prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais e específicos seguintes:

A) Requisitos xerais:

– Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos, ou maiores da devandita idade que vivan ás súas expensas.

– Ter cumpridos os dezaseis anos e non exceder a idade establecida para a xubilación.

– Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño de funcións correspondentes a posto a que se opta.

– Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas, nin se achar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes cuxa nacionalidade non sexa a española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

B) Requisitos específicos.

– Os de titulación e de experiencia relacionados na presente resolución.

Todos os requisitos para poder participar na bolsa deben posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a toma de posesión ou a formalización do contrato.

Terceira. Solicitudes

As solicitudes de participación faranse mediante instancia axustada ao modelo que aparece como anexo II a esta convocatoria.

Estas solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo e poderán presentarse:

a) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.

b) Nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.

c) En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Xuntamente con esta solicitude, os aspirantes deberán presentar fotocopia compulsada ou validada:

– Do título que se achegue para participar na presente convocatoria.

– Da documentación que acredite a súa experiencia profesional: certificación da empresa en que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se desenvolveu a devandita actividade, ou informe da vida laboral onde conste a empresa, a categoría laboral e o período de contratación. Tamén se poderá acreditar por calquera outro medio de proba admitido en dereito a ou as titulacións académicas alegadas como méritos.

– De calquera documento que se considere de interese para unha mellor valoración dos seus méritos e competencia profesional.

Soamente se terán en conta aqueles méritos establecidos nesta convocatoria que se xustifiquen debidamente durante o prazo de presentación de solicitudes.

Cuarta. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación que con estas se achegue será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinta. Relación de admitidos e excluídos

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo publicará a relación provisional de admitidos, ordenada alfabeticamente, así como os excluídos, con indicación da causa ou causas de exclusión no portal de educación www.edu.xunta.es

As reclamacións contra esta relación de admitidos e excluídos serán dirixidas á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo no prazo de cinco días hábiles, contados a partir da súa exposición pública en calquera das oficinas a que se fai referencia na base terceira.

Examinadas as reclamacións, aprobaranse as relacións definitivas de aspirantes admitidos e excluídos, as cales serán expostas nos lugares citados no punto 1 desta base.

Sexta. Procedementos de selección

O procedemento de selección dos candidatos realizarase a través dun concurso de méritos en que se terá en conta a formación académica e a experiencia profesional dos participantes. Para a valoración dos méritos dos candidatos en relación coas ensinanzas obxecto desta convocatoria realizarase a seguinte baremación:

1. Titulación (ata un máximo de 4 puntos).

– Enxeñeiro: 1,5 puntos.

– Persoal titulado en calquera das outras titulacións previstas no Real decreto 625/1995, do 21 de abril, en que se regula o título: 1 punto por cada titulación achegada.

– Técnico de mantemento de aeronaves con licenza: 0,75 puntos.

– FPII de ramas industriais (automoción, metal, electricidade, electrónica, telecomunicacións), técnico superior de Mantemento Aeromecánico, técnico superior de Mantemento de Aviónica ou técnico superior de Automoción: 0,5 puntos.

2. Experiencia docente en aeromecánica e/ou aviónica (ata un máximo de 5 puntos).

– Por curso académico de docencia en aeromecánica e/ou aviónica: 1 punto. Cada
mes/fracción de ano supoñerá 0,083 puntos.

3. Experiencia real en mantemento de aeronaves (ata un máximo de 7 puntos). Esta experiencia refírese á experiencia laboral adquirida no desempeño de labores na área correspondente á materia ou módulo que se vaia impartir no centro.

– 0,5 puntos por ano de experiencia en mantemento de aeronaves. Cada mes/fracción de ano supoñerá 0,041 puntos.

4. Por nivel B2 de inglés: 1,5 puntos.

5. Por posuír o curso de aptitude pedagóxica ou equivalente: 1,5 puntos.

Sétima. Comisión de selección

1. A valoración dos méritos dos participantes será efectuada na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo e será presidida polo titular desta ou persoa en que delegue.

Formarán parte dela, ademais, catro funcionarios designados pola Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo. Un dos seus membros realizará as funcións de secretario/a, os tres restantes, entre persoal docente da provincia, dos cales dous deles, polo menos, deberán ser profesores relacionados coas ensinanzas obxecto desta convocatoria.

O xefe territorial poderá resolver a incorporación á devandita comisión de asesores especialistas.

2. Os membros das comisións de selección estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Oitava. Relación de seleccionados

1. Finalizado o procedemento, a comisión de selección elaborará unha relación de candidatos ordenados de maior a menor puntuación, e faraa pública na páxina web do portal de educación www.edu.xunta.es

2. Nesta relación indicarase, ademáis, o tipo de funcións que poderá desenvolver como profesor en cada un dos módulos. En todo caso o seu chamamento condicionarase á capacidade profesional para desenvolver as funcións correspondentes.

A puntuación final de cada aspirante será a suma das puntuacións alcanzadas pola titulación académica, a experiencia profesional e o resto de méritos achegados.

3. Contra a devandita relación os interesados poderán presentar reclamación no prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos mesmos lugares que se relacionan na base terceira desta resolución, dirixida á xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo.

As reclamacións presentadas serán aceptadas ou denegadas por resolución expresa, publicada nos mesmos lugares en que se fixo a publicación da relación de candidatos, con indicación da puntuación total obtida.

A devandita lista terá validez durante o ano natural en que se realice a convocatoria e poderá prorrogarse en caso de necesidade ata un máximo de tres anos.

4. Contra a devandita resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Santiago de Compostela, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Novena. Características da contratación de profesores especialistas

Os contratos terán unha duración non superior a un ano académico, prorrogables por períodos de tempo non superiores a un ano, ata un máximo de tres.

Décima. Interpretación da presente resolución e recursos

Da convocatoria e dos resultados do procedemento darase información ás organizacións sindicais máis representativas.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2016

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO I

Duración: 1.000 horas

Módulos que se impartirán durante o curso 2016/17

Denominación

Curso 1º

1º-2º-3º trimestre

(horas semanais)

Motor de émbolo. Hélices e os seus sistemas

5

Sistemas da aeronave I

6

Sistemas eléctricos-electrónicos das aeronaves

5

Constitución e navegación das aeronaves

2

missing image file