Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2016 Páx. 49205

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de outubro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de fachadas e cubertas de lousa e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN314A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 249, do 31 de decembro, e se modifica o artigo 15 das bases reguladoras.

O día 31 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de fachadas e cubertas de lousa e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN314A).

No artigo 15 das bases reguladoras da dita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria e terá de prazo máximo ata o 14 de novembro de 2016 (inclusive). O elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e de resolución dos respectivos expedientes. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 15 de decembro de 2016 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 28 de decembro de 2015, de renovación de fachadas e cubertas de lousa.

Artigo 2. Modificación da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de fachadas e cubertas de lousa

O número 1 do artigo 15 da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de fachadas e cubertas de lousa e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, queda redactado da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, cun prazo máximo ata o 15 de decembro de 2016 (inclusive), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, e non será necesario esgotar o prazo máximo.

Cando non se achegue a documentación directamente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, deberase comunicar a presentación mediante fax, número 981 54 55 15, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, dentro do prazo de xustificación, e indicar o código de solicitude e entrada no rexistro. Asemade e para os efectos de axilizar a tramitación administrativa, neste caso poderase remitir a documentación presentada ao enderezo electrónico cei.dxiem.axudasminas@xunta.es».

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria