Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 25 de novembro de 2016 Páx. 52678

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2016, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura de sección (P. Infecciosas) do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Mediante Resolución do 30 de xaneiro de 2015, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés (DOG núm. 37, do 24 de febreiro), convocouse para a súa provisión, polo sistema de avaliación colexiada, un posto de xefatura de sección (P. Infecciosas) do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 47, do 7 de marzo), e a Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG núm. 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo), esta xerencia

RESOLVE:

1. Adxudicar o posto de xefatura de sección (P. Infecciosas) do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a Ricardo Rodríguez Real, aspirante que acadou a maior puntuación.

2. O/a aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado/a nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

3. O/a aspirante seleccionado/a obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, o/a profesional seleccionado/a será avaliado/a para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia ao/á interesado/a.

4. Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 8 de novembro de 2016

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés