Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 25 de novembro de 2016 Páx. 52673

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2016 pola que se convoca un curso de análise do custo efectivo dos servizos públicos municipais para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 4 de xaneiro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de análise do custo efectivo dos servizos públicos municipais (CV16049).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de análise do custo efectivo dos servizos públicos municipais (CV16049) que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

Contribuír a que os empregados públicos se introduzan na contabilidade analítica pública que por primeira vez será obrigatoria á hora de calcular os custos efectivos dos servizos públicos locais e incidir na obrigatoriedade do envío de datos ao Ministerio de Facenda para a súa publicación.

Actualizar os coñecementos do marco normativo de desenvolvemento do novo artigo 116 ter. Custo efectivo dos Servizos da Lei de bases de réxime local.

Dar a coñecer e debater o alcance e efectos xurídicos que ten a nova obrigación de calcular o custo efectivo dos servizos públicos por parte das entidades locais.

Coñecer e dominar as ferramentas e procesos para efectuar o cálculo do custo efectivo, según os criterios e metodoloxía da Orde Ministerial e da Resolución do 23 de xuño de 2015.

Segunda. Contido

1. Configuración da obrigación de calcular e publicar o custo efectivo dos servizos. Efectos na lei.

2. Obrigacións no ordenamento xurídico de calcular os custos. A cultura da avaliación. Transparencia e calidade.

3. Xestión orzamentaria local, para efectos de coñecer as aplicacións orzamentarias obxecto de cálculo do custo.

3.1. Clasificación económica de gastos.

3.2. Clasificación por programas de gasto.

3.3. Bolsas de vinculación.

3.4. Xestión orzamentaria básica.

3.5. Fases do gasto.

4. Conceptos básicos sobre o cálculo de custos na Administración.

4.1. Os criterios de cálculo na lei.

4.2. A Orde HAP/2075/2013, do 6 de novembro.

4.3. Principios e directivas para o cálculo.

4.4. Obrigacións de información.

5. Cálculos de custos dos distintos tipos de servizos.

5.1. Criterios de cálculo.

5.2. Guía básica para operar.

5.3. Formularios e modelos simplificados.

Terceira. Destinatarios

Funcionarios das entidades locais con habilitación de carácter estatal e persoal técnico e administrativo ao servizo da Administración local que ocupe postos de responsabilidade na xestión de servizos públicos locais.

Cuarta. Desenvolvemento

Nº de edicións: unha.

Duración: 25 horas.

Prazas: 35.

Lugar de realización: Aulas do Centro Cultural Marcos Valcárcel (rúa Progreso, 30-2º, Ourense).

Datas: 12, 13, 14, 15, 19, 20, 21 e 22 de decembro de 2016.

Horario: das 16.45 ás 20.00 horas.

Quinta. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 206 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Sexta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

Sétima. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.