Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2016 Páx. 55002

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se inscribe a Asociación Cultural Camiño de Santiago sen Asfalto no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Feitos.

A Asociación Cultural Camiño de Santiago sen Asfalto presenta unha solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago o día 21 de outubro de 2016.

A solicitude foi presentada segundo o modelo que figura como anexo I do Decreto 45/2001, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago (DOG núm. 36, do 20 de febreiro), modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e con ela foi achegada a documentación pertinente segundo o artigo 26 do citado decreto.

Fundamentos de dereito.

É de aplicación especificamente ao procedemento a seguinte normativa:

– Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño.

O artigo 23 deste último decreto regula que «para a súa inscrición no rexistro as entidades solicitantes deberán ter como finalidade, expresa e prioritariamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste».

O xefe do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite un informe o día 28 de novembro de 2016 sobre a solicitude en que se constata que a Asociación Cultural Camiño de Santiago sen Asfalto persegue os obxectivos fixados no decreto.

A solicitude presentada cumpre as normas establecidas no citado Decreto 45/2001, do 1 de febreiro. Por iso,

RESOLVO:

Que a Asociación Cultural Camiño de Santiago sen Asfalto quede inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co número 214.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2016

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Cultura