Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2016 Páx. 54999

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de decembro de 2016 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións oficiais de máster universitario nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, será acordada pola comunidade autónoma, previa solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición.

O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación; a non impartición da titulación oficial autorizada; a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para proceder á revogación da autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades do 30 de novembro de 2016, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou informar favorablemente a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Revogar a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Computación de Altas Prestacións, conxunto para a UDC e USC. Autorizado para UDC polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro (DOG do 17 de novembro) e para USC polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4312423.

2. Máster universitario en Migracións Internacionais: Investigación, Políticas Migratorias e Mediación Intercultural, autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4311077.

3. Máster universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos, autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro (DOG do 3 xaneiro de 2012), e que figura inscrito no RUCT co código 4313055.

Artigo 2

Revogar a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Computación de Altas Prestacións, conxunto para a UDC e USC. Autorizado para UDC polo Decreto 187/2010, do 11 de novembro (DOG do 17 de novembro) e para USC polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4312423.

Artigo 3

Revogar a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencias Biolóxicas: Bioloxía Molecular, Computacional e Ambiental e Bio-Industrias, autorizado pola Orde do 10 de abril de 2014 (DOG do 23 de abril), e que figura inscrito no RUCT co código 4314009.

2. Máster universitario en Enxeñaría Química, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310607.

3. Máster universitario en Innovación Industrial e Optimización de Procesos, autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314034.

4. Máster universitario en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial, autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4311052.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria