Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56763

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funcións e dos obxectivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a de garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Para fomentar a mellora enerxética dos edificios de vivendas existentes, co fin de acadar os obxectivos da normativa europea de eficiencia enerxética e favorecer a transición a unha economía baixa en carbono no sector residencial, faise necesario incentivar as actuacións de rehabilitación e mellora enerxética.

Con estas axudas preténdese apoiar aos concellos titulares de edificios de vivendas para que poidan acometer as obras necesarias, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de carbono nas vivendas de protección destinadas aos colectivos sociais máis desfavorecidos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece nesta orde as bases reguladoras das axudas aos concellos para rehabilitación enerxética dos edificios de vivendas de titularidade municipal.

As axudas están cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cunha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento público elixible achegado polas entidades beneficiarias polo 20 % restante. En particular, teñen encaixe no Obxectivo Temático 4-Favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, Prioridade de investimento 4.3-O apoio da eficiencia enerxética, da xestión intelixente da enerxía e do uso de enerxías renovables nas infraestruturas públicas, incluídos os edificios públicos e as vivendas, Obxectivo específico 4.3.1-Mellorar a eficiencia enerxética e reducción de emisiones de CO2 na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos., actuación 4.3.1.5-Rehabilitación de edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de reducir as emisións de carbono e o consumo enerxético.

A presente orde estrutúrase en dous capítulos e 28 artigos. O capítulo I regula as disposicións xerais que rexen as axudas; no capítulo II, baixo a rúbrica de bases reguladoras, establécense as actuacións subvencionadas, os requisitos esixibles para ser beneficiario e as súas obrigas, a documentación que debe presentar e o procedemento para a concesión da axuda.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

Para os efectos desta orde, equipáranse as vivendas unifamiliares aos edificios de vivendas.

Artigo 2. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG) e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, axustarase á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); á Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP) e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, LOFAXGA).

Ademais, ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Unión Europea, será de aplicación a normativa contida no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, así como o Regulamento (UE) 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos que figuren en poder das Administracións públicas, agás no caso de que na solicitude conste a oposición expresa do concello interesado, en cuxo caso deberá achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ao concello a súa presentación.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, feito que terá lugar excepto nos supostos legalmente establecidos. A aceptación da axuda supón aceptar a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115 apartado 2 do Regulamento 1303/2013, de acordo aos requisitos previstos no anexo XII do regulamento, así como na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Artigo 4. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, a contar desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

Artigo 5. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono de Fontiñas, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dtsoloedificacionecalidade.igvs@xunta.gal

2. Estes datos tamén serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.es

CAPíTULO II

Bases reguladoras

Artigo 6. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas subvencións teñen por obxecto as actuacións de mellora enerxética nos edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de subir, como mínimo, unha letra na escala de valores de cualificación enerxética en emisións de carbono e, ademais, reducir, polo menos, o 20% da demanda enerxética respecto a situación actual.

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o custo total da actuación subvencionable. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto.

Artigo 7. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos titulares dos edificios contemplados no ámbito de aplicación que vaian realizar actuacións obxecto da subvención.

2. Para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentada no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior á correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do texto refundido da lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

3. Os beneficiarios non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da LSG.

Artigo 8. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras que, cumprindo o obxecto previsto no artigo 6, consistan en actuacións integrais de melloras do illamento térmico e/ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de melloras nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Artigo 9. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo prezo das obras, os honorarios facultativos, os honorarios correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio e a auditoría enerxética do edificio, así como o gasto relativo á placa de información e publicidade da actuación.

Tamén terán a consideración de orzamento subvencionable os tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións, sempre que non poidan ser obxecto de recuperación polo beneficiario.

2. Establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento das obras os das partidas da «Base de datos da construción de Galicia,» vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes desta base de datos ou a aqueles que debidamente se xustifiquen.

O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.es/web/paraquen/66

Artigo 10. Contía da subvención

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do 80% do orzamento subvencionable, unha vez conformado polos servizos técnicos do IGVS.

Artigo 11. Criterios de baremo

1. Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

a) Redución da demanda de enerxía do edificio.

Calcularanse de xeito proporcional entre todos os edificios, obtendo 1 punto as actuacións que reduzan a demanda máis dun 20% e 4 puntos as que alcancen o porcentaxe máximo de redución, respecto de todos os edificios para os que se presente solicitude da axuda.

b) Mellora na escala de certificación enerxética global de consumo de enerxía primaria.

Obterán 1 punto as actuacións que melloren ata dúas letras, 2 puntos as que melloren ata tres letras e 4 puntos as que melloren máis de tres letras.

c) Mellora na escala de certificación enerxética global de emisións de CO2 do edificio.

Obterán 1 punto as actuacións que melloren ata dúas letras, 2 puntos as que melloren ata tres letras e 4 puntos as que melloren máis de tres letras.

2. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, tendo prioridade a actuación que afecte a máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade virá por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos esixidos nesta orde.

Artigo 12. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iniciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Artigo 13. Órganos competentes

A instrución dos procedementos corresponderalle a Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 14. Solicitude e documentación que deben presentar

1. A solicitude de axuda, debidamente cumprimentada e asinada, deberá presentarase conforme co artigo 15, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

– Copia do DNI da persoa representante da entidade solicitante, só no caso de denegación expresa da súa consulta ao IGVS.

– Certificado expedido polo/a secretario/a do concello no que se acredite o acordo adoptado polo pleno ou, no seu caso, pola xunta de goberno local para a realización das obras e a petición desta subvención.

– Certificado do/da secretario/a do concello no que se acredite a presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia.

– Copia do título de propiedade do/s edificio/s para o/s que se solicite esta axuda ou certificado do/da secretario/a do concello no que se acredite a titularidade municipal do/s edificio/s.

– Datos do/s edificio/s nos que se pretende facer as actuacións de mellora enerxética, indicando a súa referencia catastral e dirección, así como o seu número de vivendas.

b) Documentación técnica:

– Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, con indicación dunha previsión sobre o seu prazo de execución.

– Orzamento das obras, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións subvencionables.

– Xustificación da mellora enerxética obtida despois da actuación, sobre a base dunha auditoría enerxética de cada edificio que conteña, polo menos, descrición do estado actual, descrición da medida proposta, porcentaxe de redución da demanda, aforro de emisións de CO2, cualificación enerxética comparativa do antes e despois da mellora, investimento preciso a realizar e período de retorno desta actuación.

O concello solicitante poderá achegar calquera outro documento que considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. A solicitude de axuda poderá referirse a varios edificios. Neste caso, deberá xuntarse o listado deles e o seu número de vivendas, así como a documentación administrativa e técnica relativa a cada un dos edificios para os que se pide a axuda.

Artigo 15. Forma e lugar de presentación da solicitude

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarase tamén por medios electrónicos. Os concellos responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán do concello interesado.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase ao concello para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixera teráselle por desistido, previa resolución ditada para o efecto.

Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido na convocatoria correspondente.

Artigo 17. Admisión das solicitudes

1. Á vista da documentación administrativa e técnica presentada, o persoal técnico da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS elaborará un informe para cada unha das solicitudes presentadas. Nel informarase sobre a pertinencia da súa admisión e, no seu caso, sobre o orzamento subvencionable das actuacións procedentes, o prazo máximo de execución e a preavaliación das actuacións, calculada conforme á aplicación do baremo establecido no artigo 13.

2. En calquera momento poderase requirir aos concellos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 18. Selección dos beneficiarios

1. Para a selección dos beneficiarios constituirase unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, quen realizará as funcións da secretaría.

– Servizo de Calidade do IGVS.

– Oficina Técnica do IGVS.

– Xefaturas de Área do IGVS.

2. O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na LRXSP.

3. A comisión de valoración, á vista dos informes técnicos e de preavaliación, acordará a orde de prelación das solicitudes, segundo as puntuacións obtidas e a dispoñibilidade de crédito orzamentario, así como a anualidade a que corresponderá a finalización das obras. Tamén acordará sobre as solicitudes excluídas no procedemento por mor do incumprimento das bases ou por non existir dispoñibilidade no crédito orzamentario.

4. O órgano instrutor do procedemento, á vista dos acordos da comisión de valoración, requirirá aos seleccionados para que no prazo dun mes, a contar desde a recepción da correspondente notificación, acheguen, por cada edificio para o que teñan solicitado a axuda, a seguinte documentación:

– Memoria técnica ou, no seu caso, proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente, que conteña as actuacións subvencionables, conforme os acordos da comisión.

– Orzamento das obras consideradas subvencionables, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

Cando o importe do gasto subvencionado supere a contía de 50.000 €, no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 €, no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, requirirase a presentación de polo menos tres ofertas de diferentes provedores e, se é o caso, a xustificación da elección, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da LSG.

– Informe de avaliación do edificio, asinado por técnico competente, de data anterior á da solicitude. O devandito informe deberá ser achegado tanto en formato papel como en formato dixital.

De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que o solicitante desiste da súa solicitude.

Artigo 19. Propostas de resolución

1. Analizada a documentación achegada polos seleccionados, a persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS fará as propostas de resolución de concesión nas que se indicará as solicitudes excluídas e, no seu caso, as actuacións solicitadas que son subvencionables, con indicación do seu importe, o prazo previsto para a finalización das obras e a anualidade de pagamento dela, así como a forma de pagamento, conforme o disposto no artigo 24.

2. As propostas de resolución de concesión non crearán ningún dereito fronte á Administración.

Artigo 20. Resolución da axuda

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista das propostas, resolverá de maneira motivada sobre a concesión e a denegación da axuda.

2. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do solicitante, as actuacións subvencionadas, a contía de subvención, o prazo final fixado para a execución das obras e a forma de pagamento, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación, que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

3. As resolución de non outorgamento da subvención determinará a causa da súa exclusión. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva para ser atendidas co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución é de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes.

5. Transcorrido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O citado recurso poderase interpoñer no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos concellos beneficiarios, ademais das recollidas no artigo 11 da LSG, as seguintes:

a) Xustificar ante o IGVS o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute desta.

b) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución da concesión e manter os investimentos durante, polo menos, 5 anos.

c) Someterse ás actuacións de comprobación material do investimento que efectúe o IGVS, así como calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información se lle requira no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Para este fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e abono dos gastos e inversións subvencionables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O IGVS informará da data de inicio a que se refire esta obriga.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas aos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar inmediatamente ao IGVS cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais en relación coas actuacións que solicita, así como a modificación das circunstancias que teñan fundamentado a concesión da subvención. A dita comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente o en concorrencia con outras subvenciones doutras administracións públicas, supere o custe elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

f) Cumprir as obrigas en materia de información e comunicación sobre o apoio procedente do Feder, de acordo co apartado 2.2 o Anexo XII do Regulamento nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 e, de acordo coas especificacións técnicas establecidas nos artigos. 3 ao 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, de 28 de xullo de 2014.

En particular, o beneficiario deberá informar ao público do apoio obtido do Feder facendo unha breve descrición no sitio web, no caso que se dispoña deste e colocará unha placa permanente, unha vez rematadas as obras, nun lugar visible do edificio obxecto da actuación. Para estes efectos o IGVS, xunto coa resolución de concesión, facilitará ao beneficiario as características, tamaño e modelo desta placa de información.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da LSG.

Artigo 22. Execución e prazo das obras

1. As obras deberán suxeitarse estritamente á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como ás instrucións do facultativo/a director/a das obras contratado polo concello, se fose o caso, para o efecto. Calquera modificación introducida durante a execución deberá ser comunicada ao IGVS, para os efectos da súa autorización.

2.Os incrementos de orzamento, incluídos os debidos ás modificacións dos proxectos, en ningún caso serán obxecto de subvención. As diminucións de orzamento, incluídas as debidas ás modificacións do proxecto, provocarán a diminución proporcional do importe da subvención.

3. O prazo máximo para rematar as obras e solicitar o pagamento será o que se indique en cada caso na resolución de concesión.

4. Os concellos beneficiarios poderán solicitar ao IGVS, a través da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, prórrogas respecto da data de remate concedida para a execución das obras. O director xeral do IGVS pronunciarase sobre ela, previo informe dos servizos técnicos, e notificaráselle a resolución aos interesados.

5. O IGVS realizará un seguimento puntual das actuacións subvencionadas, comprobando a realización das obras certificadas polo/a director/a destas, con carácter previo ao seu pagamento.

6.Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 23. Responsabilidade na contratación

1. Os concellos beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións que constitúan as obras obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución das obras subvencionadas fronte a Administración.

2. A contratación das obras será realizada polos concellos, conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención realizarase previa presentación da solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cumprimentada e asinada

2. O pagamento poderase realizar, de acordo co artigo 31 da LSG, conforme unha das seguintes opcións:

a) Solicitude de pagamento única, unha vez finalizadas as obras e dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión.

Neste caso, o concello beneficiario deberá solicitar á Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS o pagamento da subvención. A solicitude de pagamento (Anexo II) deberá ir acompañada da seguinte documentación:

– Fotografías que mostren a execución das obras e o cartel de información, de acordo coas obrigas do beneficiario contidas no apartado f) do artigo 21.

– Factura do contratista polo importe total das obras realizadas.

– Factura dos honorarios facultativos, dos honorarios de elaboración do informe de avaliación do edificio e da auditoría enerxética, para o caso de que fosen contratados externamente polo concello beneficiario.

– Certificado de non ter débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Certificado de non ter débedas coa Seguridade Social, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Xustificantes de pagamento do importe total das facturas correspondentes ao orzamento subvencionable.

Non obstante, no caso de que o beneficiario cedera o dereito de cobramento da subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda, de acordo co artigo 25, non será necesario a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

– Certificado final de obra, debidamente asignado polo técnico director da obra, así como das autorizacións que fosen necesarias, para o caso de actuacións de instalacións no edificio.

b) Solicitudes de pagamento á conta.

Neste caso, o concello beneficiario deberá solicitar á Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS os pagamentos da subvención (Anexo II), presentando a debida xustificación mediante certificacións ao ritmo de execución das obras, con certificación a orixe. Así mesmo, cada solicitude de pagamento deberá ir acompañada da seguinte documentación:

– Fotografías que mostren o avance das obras executadas.

– Facturas do contratista polo importe das obras realizadas, relativas a este período.

– Facturas dos honorarios facultativos correspondentes as obras rematadas.

– Certificado de non ter débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Certificado de non ter débedas coa Seguridade Social, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta na solicitude de axuda.

– Xustificantes de pagamento polo importe das facturas presentadas.

No caso da última solicitude de pagamento, ademais da documentación anterior, acompañarase o certificado final de obra, debidamente asignado polo técnico director da obra, así como das autorizacións que fosen necesarias, para o caso de actuacións nas instalacións térmicas no edificio.

3. No caso de pagamentos á conta, o importe destes pagamentos non poderán ser superiores ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co artigo 62.2 do Regulamento da LSG aprobado polo Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro.

4. Previo informe favorable do servizo técnico e á vista da documentación presentada, a persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade remitirá ao órgano competente do IGVS unha proposta de pagamento pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 25. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao contratista

1. Se o concello beneficiario quixera ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda, deberá presentar, xunto á solicitude de pagamento e a documentación prevista no artigo 24, os seguintes documentos:

– Certificado do/a secretario/a do concello no que se recolla o acordo do pleno ou, no seu caso, da xunta de goberno local da cesión do dereito de cobramento da subvención.

– Documento xustificativo da cesión do dereito de cobramento da subvención (anexo III).

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS respecto do beneficiario sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, no seu caso, do reintegro da subvención.

Artigo 26. Reintegro da subvención e sancións

1. A falsidade das condicións requiridas para a obtención da subvención, o incumprimento dos seus obxectivos ou a existencia de calquera outra circunstancia das previstas no artigo 33 da LSG conlevará, ademais da imposición das correspondentes sancións, a obriga do reintegro por parte do beneficiario das cantidades percibidas, incrementadas co xuro legal correspondente, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da LSG. A estes efectos, enténdese que se incumpre o obxecto da subvención cando non se obteñan os resultados tidos en conta para a selección da actuación ou cando a execución das actuacións non alcance polo menos o 75 %.

2. Pese a que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial nos seguintes supostos:

a) Cando no se cumpran as condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable. O alcance deste incumprimento determinarase proporcionalmente, segundo os conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo reintegrarse as cantidades percibidas nesta proporción.

b) Cando non se manteñan os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido. Este incumprimento suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período incumprido.

c) Cando non se manteña a publicidade do financiamento do proxecto segundo a normativa comunitaria, de conformidade co apartado f) do artigo 21 destas bases. Este suposto conlevará a perda dun 2 % da subvención concedida.

d) Cando non se manteña un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Este incumprimento suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Cando non se comunique ao IGVS a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas. Este caso suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5% da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

f) Cando non se comunique ao IGVS a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Este caso suporá a perda do 5% da subvención concedida.

Artigo 27. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94.3 da LPACAP.

Artigo 28. Aplicación orzamentaria

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde instrumentarase financeiramente con cargo á aplicación dos orzamentos do IGVS, segundo o que se determine en cada convocatoria.

Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por producirse algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da LSG e no artigo 30 do seu regulamento.

Disposición adicional primeira. Inicio das obras

As actuacións subvencionables poderán comezar despois da presentación da solicitude de axuda, sempre que se comunique o seu inicio previamente ao IGVS. De ningún xeito esta circunstancia dará dereito a concesión da subvención, nin creará obrigas para o IGVS.

Disposición adicional segunda. Información aos interesados

1. Poderase obter documentación e información adicional relativa a este procedemento a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da xunta: https: //sede.xunta.es ou na páxina web oficial do IGVS: www.igvs.es

b) Presenciais, nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela, na Dirección Técnica de Solo Edificación e Calidade.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición dos concellos interesados unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da LPACAP.

Disposición adicional terceira. Notificación aos interesados

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora na que se produza a posta a disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a do acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, o IGVS poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, agás que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, de 23 de decembro de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file