Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56758

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 189/2016, do 29 de decembro, polo que se regulan as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

O artigo 54 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que se a lei de orzamentos xerais non foi aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico en que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

O Decreto 92/2016, do 1 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia, acordou a súa disolución e a convocatoria de eleccións para o pasado 25 de setembro. O novo goberno de Galicia tomou posesión o pasado 14 de novembro. Como consecuencia disto, non foi posible presentar o 20 de outubro o proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, como acontece de xeito habitual.

Malia que o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de orzamentos para 2017 o pasado 2 de decembro, non está programada a súa votación no Parlamento de Galicia ata o mes de febreiro de 2017.

A Consellería de Facenda elaborará, ao abeiro do antedito artigo 54, os correspondentes estados de gastos en que se detallarán os importes dos créditos prorrogados.

Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado a exclusión daqueles gastos correspondentes a actuacións que deben quedar ultimadas ao finalizar o exercicio de 2016, así como aqueles que non se consideren precisos para o exercicio que se inicia. A Consellería de Facenda determinará que modificacións orzamentarias, das realizadas durante o exercicio cuxos orzamentos se prorrogan, se consolidarán nos referidos estados de gastos.

A Consellería de Facenda confeccionará, así mesmo, os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga. Estes elaboraranse en función das previsións que poidan derivar das liquidacións de ingresos do exercicio prorrogado, ou de calquera outro dato válido para sustentar as referidas previsións, sempre que non supoña introducir ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio no cal se prorroga o orzamento.

Como consecuencia, o principio de que se parte é o de que se produce a prórroga xeral da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, salvo nos créditos correspondentes a actuacións que rematan ou obrigas que se extingan en 2016.

Do mesmo modo, e aínda que a lei de orzamentos xerais ten vixencia anual, a prórroga non afectará aquelas normas de vixencia indefinida que esta poida recoller, que seguirán estando vixentes.

De acordo co anterior, prorróganse, a partir do 1 de xaneiro de 2017 e ata a entrada en vigor do novo orzamento, os créditos iniciais aprobados para o ano 2016, salvo os correspondentes a actuacións que concluirán no exercicio prorrogado ou sexan financiadas con fondos finalistas non prorrogables.

Na súa virtude, e en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2017

A partir do 1 de xaneiro de 2017 prorróganse os créditos iniciais dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016, aprobados pola Lei 12/2015, do 24 de decembro, de acordo cos seguintes criterios e excepcións:

1. O orzamento inicial prorrogado adaptarase para recoller os efectos das modificacións consolidables aprobadas durante 2016.

2. Non se prorrogarán os créditos para gastos destinados a programas e actuacións que finalicen en 2016.

3. Os créditos precisos para facer fronte ás obrigas do endebedamento, que sexa preceptivo recoñecer, prorrogaranse segundo os compromisos adquiridos.

4. Os créditos financiados ou cofinanciados con recursos procedentes doutras administracións prorrogaranse polo importe aprobado na lei de orzamentos para 2016, axustadas nos importes das baixas ou retencións de non dispoñibilidade tramitadas en 2016, sempre que exista constancia da súa continuidade.

Artigo 2. Orzamentos das entidades públicas instrumentais

Os orzamentos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico durante o período de prórroga axustaranse e executaranse segundo os mesmos requirimentos que os establecidos para a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 3. Estado de ingresos

A Consellería de Facenda confeccionará os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga. Estes elaboraranse en función das previsións que poidan derivar da liquidación dos orzamentos do exercicio prorrogado e da programación de fondos europeos e finalistas para o exercicio de 2017.

Artigo 4. Dispoñibilidades dos créditos no orzamento prorrogado

A dispoñibilidade dos créditos, aos cales se fai referencia neste decreto, supeditarase na súa contía ao cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria para o exercicio de 2017, previsto no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 2 de decembro de 2016.

Artigo 5. Tramitación de expedientes de gasto durante o período de prórroga

1. Durante o período de vixencia da prórroga do orzamento, a tramitación de expedientes de gasto axustaranse aos seguintes criterios:

a) Os gastos de persoal realizaranse con base nas remuneracións previstas individualmente para a categoría respectiva na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016 e nas disposicións que a desenvolven, excluídos os importes percibidos en concepto de recuperación da paga extraordinaria e adicional de decembro de 2012.

b) Os gastos correntes en bens e servizos, con cargo ao capítulo II, e ata o límite do crédito inicial a nivel de vinculación, aprobados no orzamento de 2016:

1º. Polos gastos ordinarios de funcionamento precisos para a prestación dos servizos públicos imputados ao capítulo II do orzamento de gastos.

2º. Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

3º. Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivadas de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2016.

4º. Polos compromisos, aprobación e retención de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

5º. Os compromisos de gasto que resulten dos acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

c) Os gastos financeiros, con cargo ao capítulo III, e os pasivos financeiros, con cargo ao capítulo IX, segundo o calendario de pagamentos e amortizacións da débeda da Comunidade Autónoma previsto pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) O resto dos gastos, é dicir, as transferencias correntes e de capital, os investimentos reais e os activos financeiros, con cargo aos capítulos IV, VII, VI e VIII, respectivamente, e ata o límite do crédito inicial, a nivel de vinculación, aprobado no orzamento de 2016:

1º. Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

2º. Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivadas de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2016.

3º. Polos compromisos, aprobación e retención de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

4º. Polos compromisos de gasto que resulten dos acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

5º. Polos compromisos derivados de disposicións, convenios e contratos programa que estivesen en vigor o 31 de decembro de 2016 e supoñan obrigas para 2017, así como aqueles compromisos debidamente adquiridos que se destinen a pensións, prestacións económicas, subvencións e axudas ás cales a persoa beneficiaria tivese dereito o 1 de xaneiro de 2017. Estes compromisos imputaranse trimestralmente.

6º. Polos gastos financiados con recursos finalistas sempre que se acredite a existencia do compromiso de financiamento da Administración ou entidade cofinanciadora.

7º. Polo libramento das transferencias correntes de financiamento ás entidades instrumentais do sector público autonómico, que se realizará por doceavas partes do crédito dispoñible.

2. Fóra dos supostos recollidos no número 1 anterior, non procederá a tramitación de ningún expediente novo agás nos supostos de expedientes de gasto de urxente e inaprazable necesidade.

Nestes supostos, deberá quedar acreditado no expediente a urxencia e a necesidade que xustifiquen a excepción, así como a certificación do órgano xestor en que se indique a existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o exercicio de 2017, concretando o proxecto ao que se lle imputará, se é o caso, que financie tanto os expedientes incluídos neste número como os previstos no número 1 deste artigo.

Disposición adicional. Normativa aplicable

Durante o período de prórroga continuará en vigor, coas excepcións da súa adaptación ao establecido neste decreto, o texto articulado da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación deste decreto, así como para realizar os axustes previstos para adaptar o orzamento aos cambios de estrutura que xurdan respecto da existente no momento de elaboración dos orzamentos para 2017.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2017 e permanecerá vixente ata a entrada en vigor da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda