Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56993

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de decembro de 2016, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.

Segundo. Convocatoria e prazo de presentación de solicitudes

Convocar o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado nas entidades financeiras iniciarase o 2 de xaneiro de 2017 e rematará o 31 de outubro de 2017. As axudas concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Os créditos dispoñibles para concesións de subvención nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2017

2018

09.A1.741A.7700

1.200.000,00 €

400.000,00 €

Así mesmo, as dotacións ao fondo de garantía do Igape para a cobertura do risco dos reavais farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.8900, cun crédito de 149.600 € para o exercicio 2017.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as sociedades de garantía recíproca que subscriban o convenio asinado para o efecto, no período de vixencia. Establécese un límite máximo de reavais de 1.496.000,00 €, respectando xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Anualmente e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido e minorarase, de ser o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas sociedades de garantía recíproca.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións leiteiras, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Igape, as entidades financeiras e as SGR.

O Instituto Galego de Promoción Económica, en cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade Autónoma galega.

O sector lácteo galego está a experimentar unha situación de profundos cambios, derivados fundamentalmente da desaparición das cotas lácteas. A UE é a maior produtora de leite mundial, polo que unha vez que desapareceron as cotas lácteas a produción nela experimentou grandes aumentos con respecto á produción existente baixo o réxime de cotas.

Non hai que esquecer tampouco a gran volatilidade que experimentan os prezos da leite de xeito habitual.

As explotacións lácteas de vacún de leite encóntranse, polo tanto, nunha situación que repercute nas necesidades financeiras, tanto de carácter estrutural coma conxuntural.

Nesta liña convócanse as axudas do Igape ás explotacións leiteiras galegas, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán bonificables todas as operacións financeiras que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, poidan levar adiante as empresas.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as solicitudes de axuda financeira poidan ser atendidas coa debida dilixencia e en todo momento mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido ás explotacións leiteiras galegas, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira:

Liña 1. Refinanciamento de pasivos

Liña 2. Apoio ao circulante

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou estean na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, deberán desenvolver a actividade de explotación de gando bovino para a produción de leite e ter radicado o centro da súa actividade económica en Galicia.

2. En aplicación do artigo 51.b) da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

3. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións, e non ser considerados empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.

Artigo 3. Condicións das liñas de financiamento

1. Refinanciamento de pasivos

Poderanse acoller a esta liña aquelas explotacións gandeiras que formalicen un préstamo a longo prazo que se destine a cancelación, en todo ou en parte, de pasivos financeiros formalizados con entidades de crédito e con vencemento a curto ou medio prazo, co obxecto de alcanzar o equilibrio financeiro e acomodar os fluxos monetarios de entrada e saída e evitar, deste xeito, problemas de liquidez.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, entenderanse por pasivos financeiros refinanciables os seguintes:

a) Pólizas de préstamo ou contratos de leasing, con vencemento non superior a 3 anos a partir da data de solicitude da axuda no Igape.

b) Pólizas de crédito, con vencemento non superior a 3 anos a partir da data de solicitude da axuda no Igape.

c) Posicións bancarias debedoras, sempre que sexan consecuencia de non atender os vencementos de operacións financeiras das modalidades descritas nas letras a) e b) anteriores.

Non se consideran pasivos refinanciables aqueles que tivesen calquera tipo de subvención encamiñada a mellorar as condicións financeiras respecto das normais de mercado.

Non se poderán acoller a esta liña aquelas empresas incursas en situación concursal ou ben estean nalgunha das situacións legais de disolución da sociedade.

2. Apoio ao circulante

Poderanse acoller a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios.

Artigo 4. Características das operacións de préstamo

1. Liña de refinanciamento de pasivos

a) Modalidade

Préstamos

b) Importe

O importe mínimo atendible será de 3.000 €. O préstamo con dereito a subsidiación constiuirao a suma do importe do capital vivo, na data de solicitude, dos préstamos/leasing para cancelar e do importe nominal das pólizas de crédito.

c) Prazo

Serán atendibles, para os efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 5 anos. Non se establece prazo máximo. Non obstante, a subsidiación calcularase para un préstamo teórico a 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

2. Liña de apoio ao circulante

a) Modalidade:

Préstamos.

b) Importe:

O importe mínimo atendible será de 3.000 €.

c) Prazo:

Serán atendibles, para os efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 3 anos e un máximo de 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

3. As explotacións poderán solicitar unha das liñas ou ben compatibilizar as dúas, en función do límite máximo de axudas en réxime de minimis, de acordo co Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), que establece un límite máximo de 15.000 € a unha única empresa nun período de tres anos. Tendo en conta o anterior, establécese un límite máximo, potencialmente atendible, de 300.000 €, importe que en determinadas condicións de xuro, carencia e prazo, levaría implícita una subvención bruta equivalente igual ao límite máximo de axudas en réxime de minimis antes citado.

Artigo 5. Tipos de xuro e comisións

1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser fixo ou variable.

No caso de tipo de xuro fixo, este será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder o 4 %. No caso de contar con aval dunha SGR, non poderá superar o 3 %.

No caso de tipo de xuro variable, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes, e o seu sistema de variación establécese do seguinte xeito:

Tipo de referencia: será euríbor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder os 3 puntos porcentuais sen aval de SGR e de 2 puntos porcentuais, no caso de contar co aval da SGR.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

2. Se o euríbor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

4. No caso de operacións avaladas por unha SGR, estas poderán cobrar ao cliente ata o 0,5 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR.

5. A garantía a favor das entidades financeiras será a achegada pola prestameira ou, de ser o caso, o aval da sociedade de garantía recíproca adherida ao convenio, polo 100 % do risco.

6. As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa, adicionais ás achegas reintegrables aos fondos das SGR estipuladas para a operación. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración.

Artigo 6. Axuda do Igape, compatibilidade e límite

1. A axuda financeira do Igape poderá consistir nos seguintes apoios:

a) Bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases de tal xeito que o tipo de xuro sexa cero para o beneficiario. No caso de préstamos a tipo de xuro fixo, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para toda a vida do préstamo. No caso de préstamos a tipo de xuro variable, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para o primeiro período semestral.

b) Axudas en forma de garantía: no caso de contar co aval dunha SGR, o Igape compensará o custo da comisión do aval financeiro prestado pola SGR, e para o caso da liña de apoio ao circulante prestará ademais un reaval de ata o 25 % do principal da operación.

2. A axuda financeira que se conceda, tanto a bonificación ao tipo de xuro como, se é o caso, a compensación da comisión de aval da SGR, calcularase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das bonificacións que se deberán percibir durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia. Tomarase coma base para o cálculo o 100 % da operación formalizada e como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da formalización da operación financeira.

c) No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, a bonificación e compensación da comisión de aval da SGR calcularase de xeito teórico, como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

3. Axuda en forma de garantía:

Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía de ata o 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02, relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Dentro do límite do 25 %, a cobertura do reaval do Igape outorgarase por unha porcentaxe que, sumada aos reavais doutros organismos, non supere o 80 % do risco asumido pola SGR.

4. Compatibilidade.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda e no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas en minimis implícitas nel. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. Límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis. O importe da axuda financeira determinarase aplicando os criterios establecidos nos puntos anteriores. Non obstante, o dito importe limitarase, de ser o caso, en función do límite máximo de axudas en réxime de minimis, de acordo co Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), que establece un límite máximo de 15.000 € a unha única empresa nun período de tres anos.

No caso de operacións avaladas por unha SGR, nas cales o importe das axudas establecidas no artigo 6.1 supere o límite de minimis, darase prioridade ás axudas en forma de garantía.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento. Deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente e no artigo 51.b) da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Artigo 8. Tramitación das solicitudes

1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Unha vez cuberto o formulario, este pasará á disposición da entidade financeira e, de ser o caso, da SGR a través da extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel, que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante, que a título informativo se xunta como anexo I a estas bases. Nesta solicitude, apodérase a entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira. Para estes efectos as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

2. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitarán en nome do interesado as axudas financeiras ao Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do formulario na extranet das entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a entidade financeira só comunicará a súa denegación.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario.

4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), e esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo II, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

6. Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo I); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo II entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.

7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro electrónico, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

8. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante e a entidade de crédito para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento, se emende a falta, con indicación de que, no caso contrario, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

9. Dentro dos 15 días hábiles seguintes á presentación da solicitude no Igape, por parte da entidade financeira, a SGR deberá manifestar, de ser o caso, a súa posición a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Posteriormente, o Igape comunicará, a través desta mesma canle, á sociedade de garantía recíproca correspondente e á entidade financeira a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

Artigo 9. Resolución

1. Unha vez recibida a solicitude e, de ser o caso, que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no formulario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe do préstamo e os seus destinos concretos, a entidade financeira prestamista, o prazo de vixencia e carencia, o importe da axuda financeira e, de ser o caso, a SGR avalista e o importe da axuda en forma de garantía.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito suporá a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 10. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralles á entidade financeira e á SGR, de ser o caso, a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. A notificación realizarase vía electrónica a través do enderezo da internet http://tramita.igape.es. No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, deberá indicar no formulario de solicitude a súa preferencia polo emprego da notificación electrónica, para o cal deberá cumprir os requisitos do artigo 14.4.b), ou en papel, neste procedemento de axudas.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación completa da solicitude no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

3. Será causa de denegación da operación a falta de comunicación pola SGR, de ser o caso, da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 11. Publicación

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impor, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, con expresión da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 12. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicaráselles á entidade financeira e á SGR, de ser o caso, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 8.10.

a) A formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

b) No contrato de préstamo formalizado anticipadamente de acordo co previsto no punto anterior deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras, non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, de ser o caso, se dite recolla unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, en que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para a formalización do préstamo ou, de ser o caso, adaptación da póliza ás condiciones da resolución de concesión do Igape será de 2 meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase ou adaptase, considerarase que o solicitante renuncia á axuda concedida e ordenarase o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

4. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar o Igape e a entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

Artigo 13. Disposicións

A disposición dos fondos do préstamo deberase efectuar no prazo máximo de 3 meses desde a data de formalización da operación, e sempre con anterioridade á primeira amortización do préstamo subsidiado. Se existisen fondos pendentes de utilizar unha vez transcorrido o dito período, deberán destinarse a amortizar o principal do préstamo.

As amortizacións que se fagan por este motivo non se penalizarán, aínda que suporán un recálculo da subvención inicialmente concedida. Neste caso, a entidade financeira non poderá cobrar ningunha comisión pola amortización anticipada do principal do préstamo.

Artigo 14. Pagamento da axuda financeira

1. Para facer efectivo o pagamento da axuda, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, no prazo máximo de 3 meses desde a data de formalización da operación ou, de ser o caso, adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión aprobada polo Igape.

2. Para iso, deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo III a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou cales que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, se o beneficiario é unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo III), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos seguintes:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDEL, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén empregarán a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace de tramitación electrónica, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.5. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física, unha vez xerada a solicitude, alternativamente, tamén a poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo III) co IDEL, xunto coas copias simples dos documentos relacionados no artigo 14.5. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

5. Coa dita solicitude deberá presentar a seguinte documentación:

a) Para calquera das liñas:

Póliza ou escritura de préstamo.

b) Para o programa de refinanciamento de pasivos:

1º. Pólizas correspondentes ás operacións canceladas.

2º. Certificación bancaria da cancelación total ou parcial destas e, de ser o caso, da amortización anticipada do importe correspondente á diferenza entre o préstamo formalizado e o importe das cancelacións, como consecuencia do desfase temporal entre a solicitude e a formalización ou respecto do saldo vivo das pólizas de crédito.

No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

c) Para o programa de apoio ao circulante, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada establecida no artigo 51 do Decreto 11/2009, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia (por tratarse de axudas por importe inferior a 30.000,00 €). No formulario de liquidación solicitaranse os datos e información necesarios para a súa composición, establecidos no citado artigo, que son:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

3º. Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

4º. Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

O Igape poderá requirirlle ao beneficiario a remisión dos xustificantes das finalidades do préstamo bonificado seleccionados con base en técnicas de mostraxe, e o Igape comprobará para estes efectos un mínimo do 10 % dos expedientes con subvención bruta equivalente aprobados por importe ata 6.000 €, e un mínimo do 20 % dos expedientes con axudas aprobadas por importe superior a 6.000 € e ata 15.000 €.

Porén, cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape requiriralles aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos.

6. O Igape revisará a documentación xustificativa, e poderalle solicitar ao beneficiario, á entidade de crédito ou, se é o caso, á SGR calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

7. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da axuda financeira á conta designada polo beneficiario no formulario de solicitude.

En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Cando o beneficiario da axuda poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da axuda, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 17 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da axuda poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder conforme á Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo e tras un período de 180 días en que tanto a entidade financeira como a sociedade de garantía recíproca efectuarán as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade financeira prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de demora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o establecido no artigo 6.1 destas bases reguladoras.

2. A SGR non aboará os xuros de demora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade financeira.

3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia nos trinta días naturais seguintes. O Igape recoñecerá cada mes as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

4. As sociedades de garantía recíproca obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape segundo o establecido no número seguinte.

5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados. Este importe deberá ser ingresado no Igape ao final de cada ano, na conta que este designe. Se a SGR se adxudica en pagamento de débedas, bens ou dereitos coa intención de vendelo a un terceiro, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais, as SGR reembolsaranlle ao Igape a parte dos importes obtidos na transmisión dos citados bens a un terceiro que lle corresponda ao instituto proporcionalmente á porcentaxe de reaval do principal, ao final de cada ano e na conta que o instituto sinale.

Artigo 16. Información periódica e custodia da documentación

1. As SGR remitiranlle mensualmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval, a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e a especialmente establecida nestas bases, durante un período de cinco anos desde a súa cancelación.

Artigo 17. Modificacións

1. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

2. O beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución, con carácter previo á formalización da operación. Unha vez formalizada a operación, só se admitirán solicitudes relativas ao troco de titularidade. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá ao director do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, poderá acordar as modificacións da resolución relativas ao importe e características do préstamo atendible, importe reavalado e titularidade, tidas en conta para a concesión da axuda sempre que a modificación non prexudique terceiros, e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de beneficiario deberase acreditar documentalmente, así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e especificamente da operación subsidiada. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto co consentimento do anterior beneficiario.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da subvención inicialmente aprobada.

4. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

5. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou beneficiario.

6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 18. Reintegros, incumprimentos e sancións

1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario das axudas financeiras e, de ser o caso, do compoñente de axuda do reaval concedido con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e debe resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. Deberán, se for o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total, e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

2º. Non manter a vixencia do préstamo bonificado durante o período inicialmente establecido na escritura de formalización suporá o reintegro do importe correspondente á seguinte gradación:

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o primeiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 90 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o segundo cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 40 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o terceiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 20 % da axuda.

b) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos do préstamo supón un importe de préstamo atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras, deberán reintegrarse todas as cantidades aboadas, en concepto de compoñente de axuda financeira e do reaval e os seus xuros de demora.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, sobre todo a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

2. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e será competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

3. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e no título VI do seu regulamento.

Artigo 19. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestameiro.

Artigo 20. Control

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 21. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros ás pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V a estas bases.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, e na Orde da Consellería de Economía e Industria do 27 de agosto do 2009 (DOG nº 173, do 3 de setembro), e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file