Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2017 Páx. 954

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2016 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal de dúas prazas de titulado/a superior para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia Galega para a Xestión de Coñecemento en Saúde, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade, asume a coordinación do proxecto europeo TITTAN (Network for Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing).

A Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, no seu artigo 15 prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG nº 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal de dúas prazas de titulado/a superior para a execución e xestión do proxecto europeo TITTAN (Network for Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2016

Sonia Martínez Arca
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO I
Bases da convocatoria

Bases da convocatoria para a provisión mediante contrato laboral temporal de dúas prazas de titulado/a superior para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección de dous efectivos de persoal laboral temporal do grupo I do V Convenio colectivo único para persoal laboral da Xunta de Galicia para traballar na execución e xestión do proxecto europeo TITTAN (Network for Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing).

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Convócase un proceso selectivo para a contratación, ao abeiro do artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, de dous efectivos (xestor de proxectos de innovación e xestor de proxectos de investigación) de persoal laboral temporal do grupo I do citado convenio colectivo cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no número 2.1.3 das presentes bases.

As persoas seleccionadas van traballar na execución e xestión do proxecto europeo TITTAN (Network for Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing). Trátase dun proxecto que pretende establecer unha rede de intercambio de coñecemento con sete rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde e, especialmente, naquelas enfermidades e liñas de traballo que afectan o envellecemento.

Por unha banda, o xestor de proxectos de innovación asumirá a xestión da área temática 1 do proxecto TITTAN, que promove a transferencia da innovación que se xera no sector privado e académico cara aos sistemas de saúde.

Por outra banda, o xestor de proxectos de investigación vai asumir a xestión da área temática 2, que trata de promover a transferencia dos resultados de investigación obtidos nos grupos de investigación adscritos aos sistemas de saúde cara ao sector privado.

Tamén asumirá tarefas de promoción de colaboracións público-privadas arredor da investigación clínica.

En concreto, as persoas seleccionadas contrátanse para a realización das seguintes funcións:

Ambos os dous efectivos asumirán as tarefas de xestión e coordinación das anteriormente mencionadas áreas temáticas levando a cabo as tarefas de actividades administrativas e de xustificación económica asociadas ao proxecto:

1. Preparar, organizar e dinamizar reunións de traballo co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados.

2. Preparar informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto.

3. Analizar e priorizar tecnoloxías susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

Desenvolver metodoloxías de control do proxecto, así como indicadores de seguimento del.

4. Representar a ACIS nos diferentes foros, redes e organismos, e a interlocución con outros axentes públicos e privados relacionados co proxecto.

5. Calquera outra función non definida aquí e considerada pola ACIS relacionada coa execución e coordinación do proxecto TITTAN.

* Número de efectivos: 2.

* Centro directivo: o centro directivo é a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, adscrita a Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela, aínda que terán que facer desprazamentos a países de Europa, por mor do seu traballo.

* Duración: desde a súa formalización ata un máximo de 2 anos e 5 meses.

De acordo co artigo 15 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Modalidade de contrato.

As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo temporal a tempo completo para a realización dun proxecto específico de investigación científica e técnica seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

A relación contractual axustarase á duración do proxecto obxecto da presente convocatoria, sen que poida dar lugar a unha relación laboral de carácter indefinido nin ser empregada para a reclamación por vía xudicial da dita condición.

1.3. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para seren admitidos no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal, os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.4, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren feitos dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

Necesidades de formación do xestor de proxecto de innovación.

Estar en posesión da titulación de grao (ou licenciado) nalgunha das seguintes titulacións: Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Químicas, Farmacia, Ciencias Biolóxicas, Medicina, Bioquímica, Biotecnoloxía, Psicoloxía, Enfermaría, Ciencias Ambientais, Física, Veterinaria ou Enxeñaría.

Ademais da titulación antes indicada, requírese posuír un dos seguintes másters: máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, máster en Innovación, máster en Xestion de Políticas Públicas ou máster en Xestión e Administración de Empresas.

Finalmente, solicítase nivel de inglés B1 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditarse que se está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Necesidades de formación do xestor de proxecto de investigación.

Estar en posesión da titulación de grao (ou licenciado) nalgunha das seguintes titulacións: Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Químicas, Farmacia ou Medicina.

Ademais da titulación antes indicada, requírese posuír un dos seguintes másters: máster en Ensaios Clínicos ou máster en Investigación Clínica.

Finalmente, solicítase nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditarse que se está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación para os aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.5. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego, ao cal cursará oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, todas aqueloutras persoas que desexen formar parte do presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que a seguir se sinala, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se for o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da titulación ou titulacións académicas obtidas, que, no caso de térense obtido no estranxeiro, deberán estar homologadas en España.

d) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares relacionados coa materia obxecto da convocatoria.

e) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

f) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia número 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figure nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións e son responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española.

A presentación da solicitude farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) e no taboleiro de anuncios desta. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Na mesma data da publicación, as presentes bases enviaranse á Oficina do Servizo Público de Emprego para a súa difusión segundo o disposto no artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no número de teléfono 981 55 51 03.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo.

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/as aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

4.1.1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría a que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

4.1.2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,10 puntos ao mes.

4.1.3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos ao mes.

A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder 5 puntos.

Todos os méritos relativos á experiencia profesional terán que ser xustificados documentalmente. Os prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas poderán acreditarse por calquera destes dous medios:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración onde veñan desempeñando os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e remate do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante.

– Fotocopia cotexada dos documentos orixinais xunto con informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/os de tempo alegado/os).

4.2. Formación: ata un máximo de 5 puntos.

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, Fegas, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidade autónomas, universidades, Inem, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria:

Cursos de ata 25 horas: 0,1 puntos.

Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de 75 horas ou máis: 0,3 puntos.

4.3. Polo coñecemento acreditado do idioma galego.

Grao superior ao Celga 4: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso será nomeado, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á comisión de selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, comprobado polo tribunal que os/as aspirantes reúnen os requisitos exixidos segundo o disposto nas bases da presente convocatoria e valorados os candidatos/as presentados/as, con base nos méritos por eles alegados, conforme o baremo establecido, o tribunal de selección ditará resolución declarando aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión.

A dita resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no taboleiro de anuncios desta.

Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de 5 días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para poderen emendar, se é o caso, as causas da súa exclusión.

6.2. A estimación ou desestimación das ditas emendas entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as coas puntuacións provisionais dos méritos alegados polos/as aspirantes.

A relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as coas puntuacións provisionais dos méritos alegados polos/as aspirantes farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios.

Os/as aspirantes admitidos/as disporán dun prazo de 5 días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para facer as reclamacións que consideren oportunas sobre elas.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se recoñeza aos interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algúns dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación neste procedemento.

6.3. Finalmente, o tribunal ditará unha resolución que se publicará na páxina web da Axencia (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios aprobando a relación definitiva de puntuacións dos méritos alegados polos/as aspirantes admitidos/as.

6.4. Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá á Xerencia da Axencia como aspirante para contratar para a cobertura da vacante obxecto desta convocatoria aquel que tiver alcanzado o primeiro posto na orde de prelación de resultados das puntuacións definitivas.

6.5. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación perante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde en que se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.4.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.5.

6.6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presentase a documentación no prazo establecido ou presentase a súa renuncia á súa contratación para o posto para que foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de 5 días hábiles desde o remate do anterior, a documentación indicada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

Do mesmo xeito, se ao longo da duración do contrato o/a aspirante seleccionado/a renunciase ao posto, proporase para a súa substitución o seguinte candidato/a da lista por estrita orde de prelación.

6.7. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II
Solicitude de participación

Datos persoais:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

DNI/pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Teléfono:

Correo electrónico:

Data de nacemento:

Solicito:

1º. Ser admitido/a na convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, da praza de titulado/a superior como (marcar opción/s):

□ Xestor de proxecto en innovación

□ Xestor de proxecto en investigación

2º. Para tal efecto presento a seguinte documentación: (relacionar a dita documentación).

Lugar, data e sinatura

Santiago de Compostela, ... de ... de 2017

Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º A (Edificio CNL), San Lázaro

15707 Santiago de Compostela (A Coruña)