Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2017 Páx. 1095

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2016 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas das vivendas arrendadas, no marco do Programa Aluga, no exercicio 2017.

O Decreto 84/2010, do 27 de maio, regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia. No seu título IV recóllese o marco das subvencións do programa e, entre elas, figura a axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda do alugamento das vivendas arrendadas no ámbito deste programa, que é precisamente o obxecto desta convocatoria. Así mesmo, no artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga, establécense as regras específicas para a determinación da contía da axuda ás persoas inquilinas, cando se trate dese colectivo.

Segundo o punto 2 da disposición derrogatoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, este programa mantén a súa vixencia para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do Programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias, respecto dos contratos de arrendamento en vigor de vivendas incorporadas ao Programa Aluga.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, así como ao establecido no Decreto 84/2010, do 27 de maio. A súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2017 habilítanse créditos para o financiamento da axuda ás persoas inquilinas do Programa Aluga.

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 36 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e co artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a competencia correspóndelle á Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras da axuda prevista nesta convocatoria están recollidas no capítulo III do título IV (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 103, do 2 de xuño (corrección de erros DOG núm. 114, do 17 de xuño). Así mesmo, debe terse en conta a Orde do 16 de maio de 2013 pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias, no marco do Programa Aluga (DOG núm. 103, do 31 de maio).

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para o financiamento parcial da renda dos contratos de arrendamento formalizados no marco do Programa Aluga, dirixidas ao colectivo de persoas afectadas por execucións hipotecarias, así como ás persoas inquilinas de contratos de arrendamento que están xa incorporadas ao citado programa.

Terceiro. Orzamento

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os exercicios 2017 e 2018 é a 08.80.451B.480.2.

Os importes máximos, tanto das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2017 como das imputacións para os exercicios orzamentarios 2017 e 2018, son os seguintes:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe máximo 2017-2018

Imputación exercicio 2017

Imputación exercicio 2018

08.80.451B.480.2

2013 00029

86.400,00 €

47.200,00 €

39.200,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, que terá efecto logo da súa publicación no DOG.

Cuarto. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias e que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, así como aqueloutras que sexan titulares de contratos de arrendamento de vivendas incorporadas ao Programa Aluga.

Quinto. Contía da axuda

A contía desta axuda, salvo para o colectivo de persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias, determinarase de acordo co establecido no artigo 44 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, que di o seguinte:

«1. A contía da axuda ás persoas inquilinas determinarase en función da porcentaxe sobre o prezo anual da renda do alugamento establecida no número 2 deste artigo, segundo tramos de ingresos anuais ponderados da unidade familiar ou de convivencia, cun incremento de 10 puntos porcentuais no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, co seguinte límite:

– A parte da renda anual que debe aboar a arrendataria non poderá ser inferior ao 20 % dos ingresos anuais ponderados da unidade familiar ou de convivencia.

No caso de que o importe da renda anual non supere o dito límite do 20 %, non procederá a concesión da subvención.

Este límite non será de aplicación aos colectivos cualificados relacionados no artigo 22 deste decreto.

2. As porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima das subvencións, segundo tramos de ingresos, son as seguintes:

a) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados inferiores a unha vez o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): a contía da subvención non poderá ser superior ao 70 % da renda anual do alugamento, ou ao 80 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

b) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados comprendidos entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 60 % da renda anual do alugamento, ou ao 70 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

c) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados comprendidos entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 50 % da renda anual do alugamento, ou ao 60 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero.

d) Unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados superiores a 2,5 e ata 3,5 veces o IPREM: a contía da subvención non poderá ser superior ao 30 % da renda anual do alugamento, ou ao 40 % no caso de mulleres vítimas de violencia de xénero».

2. Para o colectivo de persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectado por execucións hipotecarias, a contía da axuda determinarase de conformidade co establecido no artigo 2 da citada Orde do 16 de maio de 2013, que di o seguinte:

«Cando se trate de unidades familiares ou de convivencia pertencentes ao colectivo definido no artigo 1 desta orde con ingresos anuais ponderados que no excedan 2,5 veces o IPREM, non lles será de aplicación o límite establecido no artigo 44.1 do dito decreto, relativo á parte da renda do alugamento que deben asumir as persoas inquilinas. As porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima da subvención neste suposto, segundo os tramos de ingresos, son as seguintes:

Inferiores a 1 vez o IPREM: 100 % da renda anual do alugamento.

Entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70 % da renda anual do alugamento.

Entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60 % da renda anual do alugamento».

Sexto. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano instrutor poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano instrutor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento (anexo II), caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión deberaa realizar a persoa titular do contrato de arrendamento mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido nos artigos 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución. Este anexo tamén está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. No modelo de solicitude poderase asinar a denegación expresa para que a Administración realice as seguintes consultas:

a) Os datos de identidade (documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro (en diante, DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, a consulta dos seus datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse a copia do seu DNI ou NIE.

c) Os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Función Pública, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de denegar a súa consulta, deberá achegarse o certificado de empadroamento.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

d) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e que son:

– Ser titular dun contrato de arrendamento formalizado no marco do Programa Aluga.

– Ocupar a vivenda como domicilio habitual e permanente da unidade familiar ou de convivencia.

– Non ter relación de parentesco en primeiro ou segundo grao, por consanguinidade ou afinidade, coa arrendadora ou, se é o caso, non ser socio ou partícipe da persoa xurídica que actúa como arrendadora.

– Ter uns ingresos anuais ponderados que non excedan 3,5 veces o IPREM.

– Non ser titular doutra vivenda, salvo as excepcións previstas na normativa vixente.

– Estar ao día no pagamento da renda mensual do alugamento e, no caso de solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, non ter pendente de pagamento ningún recibo das subministracións básicas da vivenda, auga, electricidade e/ou gas.

– Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria previstas no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia e cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da dita lei, e coas previstas no Decreto 84/2010, do 27 de maio.

– Estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e non ser debedora por resolución de procedemento de reintegro de subvencións.

Oitavo. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorizacións para solicitar por vía telemática as certificacións relativas a ingresos e débedas, así como a autorización para consultar os datos de identidade e residencia (anexo II). Estas autorizacións deberán estar asinadas por todos os membros da unidade familiar ou de convivencia.

No caso de que non conste no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga e de denegar a consulta telemática da Administración, deberá achegarse a copia do DNI ou NIE de todos os integrantes da unidade familiar ou de convivencia.

No caso de que non conste no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga e de denegar a consulta telemática da Administración, deberá achegarse o certificado de empadroamento de todos os integrantes da unidade familiar ou de convivencia.

De denegar a solicitude da certificación correspondente aos ingresos do último período impositivo con prazo de presentación vencido, deberá achegarse a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) de todos os membros da unidade familiar ou de convivencia, referida ao último período impositivo co prazo de presentación vencido.

De non presentar declaración do IRPF, deberá achegarse declaración responsable de todos os ingresos da unidade familiar ou de convivencia, debidamente xustificada e referida ao último período impositivo co prazo de presentación vencido.

No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, deberá achegarse a copia da declaración similar presentada no estranxeiro, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular en España e, de ser o caso, o certificado de correspondencia a euros do importe declarado.

No caso de denegar expresamente a autorización ao IGVS para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, deberá achegarse a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Para o caso de que variasen as circunstancias que constan no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga, deberá achegarse a correspondente documentación xustificativa, conforme o sinalado no artigo 28.2 e 3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

c) Para o caso dunha solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, deberán achegarse os xustificantes de pagamento dos últimos doce meses dos recibos de auga, electricidade e/ou gas.

Noveno. Prazo de presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 45.3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberán presentarse antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberá presentarse antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do contrato ou, se é o caso, da súa prórroga.

Décimo. Órganos competentes para a instrución e resolución

1. A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda ás persoas inquilinas é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo primeiro. Procedementos de concesión

De conformidade co establecido no artigo 47 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, existirán para o exercicio 2017 procedementos mensuais de concesión. Por cada procedemento ditarase unha resolución, que conterá a contía das subvencións que se concedan nesa mensualidade, cos seguintes importes máximos:

Meses 2017

Importe exercicio 2017

Meses 2018

Importe exercicio 2018

Xaneiro-decembro

4.800,00 €

Xaneiro

0,00 €

Febreiro-decembro

8.800,00 €

Xaneiro-febreiro

800,00 €

Marzo-decembro

8.000,00 €

Xaneiro-marzo

1.600,00 €

Abril-decembro

3.600,00 €

Xaneiro-abril

1.200,00 €

Maio-decembro

3.200,00 €

Xaneiro-maio

1.600,00 €

Xuño-decembro

2.800,00 €

Xaneiro-xuño

2.000,00 €

Xullo-decembro

7.200,00 €

Xaneiro-xullo

7.200,00 €

Agosto-decembro

4.000,00 €

Xaneiro-agosto

5.600,00 €

Setembro - decembro

1.600,00 €

Xaneiro-setembro

3.200,00 €

Outubro-decembro

1.200,00 €

Xaneiro-outubro

3.600,00 €

Novembro - decembro

1.600,00 €

Xaneiro-novembro

8.000,00 €

Decembro

400,00 €

Xaneiro-decembro

4.400,00 €

Totais

47.200,00 €

39.200,00 €

Unha vez finalizado cada un dos períodos de concesión e de non esgotarse o crédito máximo, por resolución da Dirección Xeral do IGVS trasladarase a contía non aplicada ao período seguinte.

Décimo segundo. Prazo de resolución e notificación

1. As solicitudes da axuda ás persoas inquilinas resolverase no mesmo mes da súa presentación, agás nos supostos de solicitudes de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, que se poderán resolver no mes seguinte ao da súa presentación, segundo o establecido no artigo 45.8 do Decreto 84/2010, do 27 de maio. Transcorrido o prazo sinalado sen se ditar resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

2. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á contas de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 Décimo terceiro. Recursos

As resolucións que se diten nos procedementos de concesión destas subvencións porán fin á vía administrativa. Contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo cuarto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal.

Décimo quinto. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file