Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2017 Páx. 2319

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 1/2016, do 20 de xuño, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre autorizacións en materia de acometidas, modificacións de liñas eléctricas de alta tensión e licenzas urbanísticas de instalacións eléctricas.

Exposición de motivos.

As sucesivas modificacións lexislativas producidas nos últimos anos, tanto no ámbito sectorial eléctrico coa aprobación da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como as introducidas no ámbito urbanístico pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, pretenden o fomento e a consolidación da actividade emprendedora e flexibilizan ou modifican a exixencia de determinados actos de intervención administrativa. Non obstante, para facilitar a súa sistematización e comprensión polos axentes afectados e coordinar a súa aplicación polos órganos administrativos competentes, considérase necesario realizar determinadas indicacións aclaratorias.

En consecuencia, esta instrución especifica que, de non establecerse regulamentariamente de modo expreso a necesidade de autorización administrativa previa, de construción ou de explotación, as acometidas non requiren ningún dos citados tipos de autorización administrativa e defínense, para estes exclusivos efectos, as concretas instalacións que deben entenderse incluídas no concepto de acometida.

Por outra banda, indícase que determinados tipos de modificacións non substanciais das liñas eléctricas de alta tensión non quedan sometidas ás autorizacións administrativas previas previstas nos puntos 1.a) e b) do artigo 53.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, de autorización administrativa previa e de construción, respectivamente.

Así mesmo, clarifica o réxime aplicable ás instalacións eléctricas no tocante á exixencia de licenza urbanística ou á procedencia de comunicación previa, de acordo coa normativa urbanística e de política industrial vixente.

Por outra parte, a Instrución 5/2011, do 13 de abril, para o establecemento de criterios en materia de determinación dos dereitos de acometida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ben que pretendeu, no seu día, achegar un maior grao de seguridade xurídica na resolución das discrepancias e conflitos no ámbito das acometidas eléctricas, dado que introduciu, nalgúns aspectos, criterios que supuñan a innovación ou modificación da normativa básica estatal, xa non viña sendo aplicada respecto de tales aspectos, en aplicación estrita da dita normativa. Por outra parte, a xurisprudencia do Tribunal Supremo ditada en unificación de doutrina –sentenzas do 16 de setembro, 19 de setembro e 22 de setembro de 2014– estableceu determinados criterios interpretativos que difiren dos mantidos na instrución. En consecuencia, considérase conveniente facer pública a inaplicación da citada instrución en todo o que se refire á resolución de conflitos relativos á determinación das instalacións de extensión de rede que corresponde financiar ao solicitante dunha nova subministración ou da ampliación dunha subministración existente.

Con data do 21 de decembro de 2015 foi ditada a Instrución 2/2015, do 21 de decembro, sobre autorizacións en materia de acometidas, modificacións de liñas eléctricas de alta tensión e licenzas urbanísticas de instalacións eléctricas, que responde aos mesmos obxectivos e contén esencialmente o mesmo texto que a que agora se dita, ben que as últimas innovacións lexislativas aconsellan a actualización das referencias normativas e a súa substitución.

Polo exposto, tendo en conta as competencias da Comunidade Autónoma establecidas nos artigos 27.13, 28.3 e 30.1.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, así como as atribucións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de coordinar o exercicio por parte dos distintos órganos da Consellería das competencias de execución que teñen atribuídas e unificar os criterios na aplicación da normativa vixente, faise necesario ditar as seguintes instrucións:

Primeira. Autorizacións en materia de acometidas

De acordo co disposto no artigo 53.1, último parágrafo da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as acometidas poderán requirir as autorizacións administrativas previstas na devandita epígrafe de conformidade co que regulamentariamente estableza a Administración pública competente.

No ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, de non establecerse regulamentariamente de modo expreso a necesidade de autorización administrativa previa, de construción ou de explotación, entenderase que as acometidas non requiren ningún dos citados tipos de autorización administrativa.

Para os exclusivos efectos previstos no parágrafo anterior, entenderase por acometida a instalación de nova extensión de rede que non vaia ser cedida antes da súa posta en servizo á empresa distribuidora ou transportista.

As instalacións que vaian ser cedidas antes da súa posta en servizo e que, polo tanto, vaian formar parte desde o momento inicial do seu funcionamento efectivo da rede de transporte ou distribución, deberán someterse aos mesmos procedementos de autorización previstos para as instalacións de transporte ou distribución. Nestes supostos, o outorgamento da autorización de explotación realizarase a nome da empresa distribuidora ou transportista para o cal, con carácter previo, deberá terse realizado a correspondente cesión da instalación por parte do promotor á empresa distribuidora ou transportista, de conformidade coa normativa aplicable.

En todo caso, precisan das autorizacións previstas no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, os reforzos da rede de distribución existente e as instalacións que se consideren parte da rede de distribución.

Segunda. Autorizacións de modificacións de liñas eléctricas de alta tensión

O artigo 53.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, dispón que a Administración pública competente poderá establecer que determinados tipos de modificacións non substanciais das instalacións de transporte, distribución e produción e das liñas directas non queden sometidas ás autorizacións administrativas previas previstas nos puntos 1.a) e b), autorización administrativa previa e de construción, respectivamente. Especifica que regulamentariamente se establecerán, para estes efectos, os criterios que se utilizarán para considerar unha determinada modificación como non substancial, os cales deberán fundamentarse nas características técnicas da modificación proxectada, e finaliza indicando que, en todo caso, as modificacións consideradas como non substanciais deberán obter a autorización de explotación, logo da acreditación do cumprimento das condicións de seguridade das instalacións e do equipamento asociado.

Pola súa banda, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, en concreto no punto 4 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT-09, establece supostos que non considera modificacións para os efectos de aprobación do proxecto de execución.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, considéranse modificacións non substanciais para os efectos previstos no artigo 53.2 da Lei 24/2013, as actuacións que se sinalan nas alíneas a) e b) do punto 4 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT-09 do Real decreto 223/2008 que, en consecuencia, non quedan sometidas ás autorizacións administrativas previa e de construción, sen prexuízo da necesidade de obter a autorización de explotación.

En todo caso, consideraranse modificacións substanciais (e, polo tanto, necesitarán autorización administrativa previa, autorización de construción e autorización de explotación) aquelas que afecten as características básicas da liña especificadas na autorización orixinal e, como tales, a tensión de operación e o número de circuítos.

Non se considerarán modificacións as actuacións propias de mantemento (nas cales se inclúen as indicadas na alínea c) do punto 4 da ITC-LAT 09) e, polo tanto, non necesitarán ningunha autorización.

Terceira. Comunicación previa da construción de instalacións eléctricas

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, as obras relativas a instalacións eléctricas que non requiran proxecto de obras de edificación conforme a normativa xeral de ordenación da edificación, nin se atopen en ningún dos supostos a que se refire o número 2 do artigo 142 da dita Lei 2/2016, non precisarán licenza urbanística e quedarán suxeitas ao réxime de intervención municipal de comunicación previa.

De conformidade co artigo 2, ordinal primeiro, da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, enténdese por proceso de edificación a acción e o resultado de construír un edificio de carácter permanente, público ou privado, cuxo uso principal estea comprendido nos grupos que o artigo cita, entre os cales se atopa o uso da enerxía e da hidráulica. Terán a consideración de edificación para os efectos do disposto nesa lei e requirirán proxecto as obras enunciadas no número 2. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que permanezan adscritos ao edificio, consonte o número 3 do devandito artigo 2.

En concreto, e de acordo co artigo 2.2 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, non terán a consideración de edificación para os efectos do disposto nesa lei e non requirirán proxecto as obras de edificación de nova construción consistentes en construcións de escasa entidade construtiva e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.

En consecuencia, as obras relativas a instalacións eléctricas á intemperie non precisarán licenza urbanística e quedarán suxeitas ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, salvo que teñan a consideración de edificación segundo a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e requiran proxecto, ou ben impliquen grandes movementos de terra ou se atopen nalgún dos supostos a que se refire o número 2 do artigo 142 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Cuarta. Audiencia ao concello e innecesariedade de licenza urbanística

Tendo en conta o disposto na disposición adicional cuarta do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, non precisan de licenza urbanística as instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica para cuxa autorización sexa competente a Xunta de Galicia, cando, se é o caso, en relación co trámite de audiencia ou solicitude de informe ao Concello no procedemento de autorización ou no da súa avaliación ambiental, se teña remitido o proxecto ou a información relevante para os efectos urbanísticos e conste no expediente de autorización informe municipal en que se indique que o proxecto ou instalación son compatibles co planeamento e a normativa urbanísticos.

En tales casos, obtida a autorización, a persoa titular da instalación presentará a comunicación previa prevista na normativa urbanística e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinta. Carácter de sistemas de infraestruturas de servizos das infraestruturas eléctricas

As instalacións eléctricas integrantes das redes de transporte e distribución forman parte dos sistemas de infraestruturas de servizos (de carácter xeral ou local) e son as determinacións e criterios previstos para estes sistemas as que lles resultan de aplicación, en consonancia co establecido no artigo 52, alínea f), da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que se refire aos sistemas xerais de servizos urbanos, e no artigo 5.4 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, consonte o cal para todos os efectos, as infraestruturas propias das actividades da subministración eléctrica, recoñecidas de utilidade pública por esta lei, terán a condición de sistemas xerais.

Sexta. Instrución 5/2011, do 13 de abril

Respecto da Instrución 5/2011, do 13 de abril, para o establecemento de criterios en materia de determinación dos dereitos de acometida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, só resultan aplicables as determinacións contidas no punto 7, excepto os seus dous últimos parágrafos, e as contidas no punto 8 con excepción do punto 8.3.

Sétima. Instrución 2/2005, do 21 de decembro

A Instrución 2/2015, do 21 de decembro, sobre autorizacións en materia de acometidas, modificacións de liñas eléctricas de alta tensión e licenzas urbanísticas de instalacións eléctricas, queda actualizada e substituída pola presente instrución.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas