Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3167

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2017.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve.

As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses do sector gandeiro, que sofre a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para conciliar o interese pola pervivencia da especie co das actividades gandeiras, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino de Galicia, sempre que os danos procedan de ataques que non poidan evitarse polo tipo de gando ou polo sistema de explotación e non cando poida demostrarse neglixencia ou intencionalidade de non protexer o gando.

Tendo en conta a información sobre os ataques de lobos, recollida nos últimos anos, o importe das axudas incrementarase nun 30 % cando afecte explotacións dos concellos recollidos no anexo III desta orde.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para 2017, o referido importe recóllese no artigo 14 desta orde.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos/das titulares de actividades gandeiras afectados/as polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas os/as propietarios/as do gando que se especifica no anexo I e que foi afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios/as das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os/as propietarios/as de gando vacún leiteiro naqueles casos en que se poida demostrar unha clara neglixencia na protección dos animais contra os ataques do lobo.

Artigo 3. Requisitos

1. O gando danado polo que se solicita a axuda deberá cumprir cos seguintes requisitos:

a) Pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.

b) O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

No caso do gando porcino, deberá pertencer á raza Celta e cumprir cos requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 599/2011, do 29 de abril, polo que se establecen as bases do Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino, e no Real decreto 360/2009, do 23 de marzo, polo que se establecen as bases do programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.

c) Estar identificado de acordo coa normativa aplicable para o efecto e, no caso de gando porcino de raza Celta, deberá estar identificado individualmente e estar inscrito no Libro xenealóxico da raza.

Artigo 4. Ámbito temporal

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017.

Artigo 5. Comunicación do dano

1. Nas vinte e catro horas seguintes á constatación do ataque, os/as propietarios/as das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará unha chave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas, os sábados.

Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo.

Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos/das axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta. Para isto tomaranse as medidas oportunas para evitar no posible a alteración do escenario do acto de predación, evitando en todo caso o seu traslado do lugar dos feitos.

Os animais feridos poderán ser atendidos polos/as veterinarios/as coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

2. A partir do 1 de outubro de 2017, poderán realizarse comunicacións por danos de lobo de acordo co establecido nos parágrafos anteriores, quedando condicionada a concesión de axudas a unha nova convocatoria no ano 2018.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes destas. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude de axuda (anexo II desta orde) inclúe as seguintes declaracións do/da solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e a referida publicidade.

6. A presentación de solicitudes de concesión de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

7. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións informativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación

1. Xunto coa solicitude de axuda presentarase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa do gando afectado:

Do gando bovino:

– DIB dos animais con identificación.

– DIB da nai no caso dos animais que estean sen identificar.

– Copia da folla do último saneamento gandeiro.

Do gando ovino:

– Copia da folla do último saneamento gandeiro.

Do gando equino:

– Documento DIE ou documento LISE (para animais provistos de microchip antes do 1.7.2009) ou DIE simplificado para animais con marca auricular electrónica.

Do gando porcino:

– Certificado da asociación da identificación e rexistro no libro xenealóxico dos animais polos que se solicita a axuda.

b) Fotocopia do DNI da persoa solicitante, no suposto de persoas físicas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Cando se actúe en nome doutra persoa física ou xurídica, fotocopia do DNI da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Fotocopia do NIF do/da titular da explotación, no suposto de persoas xurídicas, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

e) Se a titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

f) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa e, ademais, o acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade.

g) No caso de animais feridos, a factura dos gastos veterinarios segundo o especificado no artigo 9.2.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notific@ dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Ante o carácter compensatorio destas axudas, para a xustificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable da persoa interesada que xa se inclúe na propia solicitude formalizada.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2016 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2016.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Artigo 9. Importe das axudas

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde.

Este importe incrementarase nun 30 % cando afecte explotacións dos concellos recollidos no anexo III desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se relacione de xeito individual cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

No caso de animais que, tras o tratamento prescrito, morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, máis os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 por cento das anteditas contías.

3. O sacrificio eutanásico poderase equiparar á morte e, neste caso, a atención veterinaria non será obxecto de indemnización.

Artigo 10. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo lobo, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os servizos de Conservación da Natureza examinaranas e revisarán a documentación adxunta que se especifica no artigo 7 desta orde.

No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase o/a interesado/a para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de valoración creada para tal fin nos servizos de Conservación da Natureza, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais. Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Esta comisión será presidida polo/a xefe/a do servizo ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular da Xefatura de Sección de Biodiversidade ou da Xefatura de Sección de Caza e Pesca Fluvial, e o persoal axente de medio ambiente que determine a persoa que presida a citada comisión, segundo os casos.

Poderá, así mesmo, asistir as reunións destas comisións, en calidade de persoal asesor, o persoal veterinario, xente experta na materia e persoas representantes do sector gandeiro, por invitación da persoa que presida a comisión.

3. Os servizos de Conservación da Natureza remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural a documentación relativa ás solicitudes avaliadas.

4. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

5. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, os/as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 14. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2017, no momento da resolución.

2. As axudas reguladas na presente orde financiaranse, no exercicio 2017, con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.541B.470.1. O importe asignado é de trescentos setenta e nove mil novecentos cincuenta e oito euros (379.958 €) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As solicitudes e recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación por causa da Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se producir.

Artigo 15. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia.

2. Os/as interesados/as terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser beneficiario/a de axudas para paliar os danos producidos polo lobo levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións, dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, os/as solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 16. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 17. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os/as beneficiarios/as están obrigados/as a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o seu importe, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1, consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO I
Baremo utilizado para o pagamento de axudas polos ataques do lobo

Especie

Clase e idade

Custo calidade normal

Custo calidade selecta (*)

Ovino

Cordeiro < 12 meses

58 €

88 €

Ovino

Adulto ≥ 12 e < 6 anos

102 €

124 €

Ovino

Adulto ≥ 6 anos

26 €

31 €

Cabrún

Cabrito < 12 meses

73 €

109 €

Cabrún

Adulto ≥ 12 e < 6 anos

102 €

131 €

Cabrún

Adulto ≥ 6 anos

26 €

31 €

(*) Razas incluídas no Catálogo oficial de razas de gando de España (anexo I do Real decreto 2129/2008) ou calquera outra de pura raza.

Especie

Clase e idade

Raza Celta

Porcino

Leitón < 3 meses

90 €

Porcino

Porco ≥ 3 meses e < 6 meses

150 €

Porcino

Porco ≥ 6 meses e < 9 meses

200 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 9 e < 12 meses

300 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 12 meses

380 €

Porcino

Reprodutoras

360 €

Porcino

Reprodutora preñada

400 €

Porcino

Reprodutor

450 €

Especie

Clase e idade

Custo Rubia Galega

Custo outras razas autóctonas*

Custo vacún leiteiro

Resto de reses de gando vacún

Vacún

Becerro < 2 meses

277 €

327 €

218 €

218 €

Vacún

Becerro ≥ 2 meses e < 4 meses

348 €

416 €

277 €

277 €

Vacún

Becerro ≥ 4 meses e < 6 meses

581 €

763 €

509 €

509 €

Vacún

Becerro ≥ 6 meses e < 1 ano

598 €

788 €

526 €

526 €

Vacún

Vacún ≥ 1 ano e < 2 anos

799 €

1.045 €

871 €

697 €

Vacún

Vacún ≥ 2 anos e < 6 anos

1.090 €

1.635 €

1.452 €

1.090 €

Vacún

Vacún ≥ 6 anos e < 9 anos

871 €

1.198 €

799 €

799 €

Vacún

Vacún ≥ 9 anos

523 €

653 €

436 €

436 €

* Cachena, Caldelá, Vianesa, Limiá e Frieiresa.

Especie

Clase e idade

Custo Pura Raza Galega

Custo outros cabalos

Equino

Poldro < 2 meses

198 €

158 €

Equino

Poldro ≥ 2 meses e < 4 meses

258 €

198 €

Equino

Poldro ≥ 4 meses e < 6 meses

396 €

330 €

Equino

Poldro ≥ 6 meses e < 1 ano

594 €

496 €

Equino

Equino ≥ 1 ano e < 2 años

634 €

541 €

Equino

Equino ≥ 2 anos e < 10 anos

792 €

594 €

Equino

Equino ≥ 10 anos

594 €

449 €

Asnal

Asnal < 1 ano

60 €

Asnal

Asnal ≥ 1 ano e < 10 anos

200 €

Asnal

Asnal ≥ 10 anos

150 €

Mular

Mular < 1 ano

100 €

Mular

Mular ≥ 1 ano e < 10 anos

300 €

Mular

Mular ≥10 anos

225 €

ANEXO III
Lista de concellos

– Provincia da Coruña

Aranga

As Pontes de García Rodríguez

Curtis

Dumbría

Mazaricos

Melide

Monfero

Muxía

Ortigueira

Santiago de Compostela

Sobrado

Toques

Vimianzo

– Provincia de Lugo

Abadín

Alfoz

A Pastoriza

Baralla

Cervantes

Chantada

Cospeito

Friol

Guitiriz

Láncara

Mondoñedo

Monterroso

Muras

O Saviñao

O Corgo

O Incio

O Páramo

O Valadouro

Outeiro de Rei

Ourol

Pol

Riotorto

Samos

Triacastela

Vilalba

Xermade

– Provincia de Ourense

Allariz

A Bola

A Teixeira

Avión

Baltar

Bande

Beariz

Calvos de Randín

Carballeda de Avia

Cualedro

Entrimo

Lobeira

Lobios

Maceda

Melón

Montederramo

Muíños

Nogueira de Ramuín

O Bolo

Os Blancos

Rairiz de Veiga

Viana do Bolo

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Xinzo de Limia

– Provincia de Pontevedra

A Cañiza

A Estrada

A Lama

Cerdedo-Cotobade

Covelo

Cuntis

Forcarei

Fornelos de Montes

Lalín

Valga

missing image file
missing image file