Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2017 Páx. 4547

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de decembro de 2016 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis.

O Concello de Caldas de Reis remite, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal consonte o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa D.T.2ª.1) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que no 23.11.2016 eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Caldas de Reis dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 5.7.1995.

Está afectado polos instrumentos de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal seguintes: proxecto sectorial do parque empresarial do Pousadoiro (AD do 7.7.2004), recollido no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (AD do  7.5.2004); e os proxectos sectoriais do parque eólico Xiabre (AD do 12.5.2005 e 29.3.2007).

2. Constan informes municipais: técnicos, do 31.8.2011, 8.2.2016 e 7.3.2016; xurídicos, do 31.8.2011, 5.2.2016, 15.2.2016 e conformidade do 7.3.2016; e da Intervención, do 16.2.2016 e 8.3.2016.

3. O Concello pleno do 25.1.2013 aprobou inicialmente o PXOM. Foi sometido a información pública, mediante anuncios no DOG do 20 de febreiro de 2013 e nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 20 de febreiro.

4. Deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes aos distintos organismos sectoriais. Obtívose resposta dos seguintes organismos:

– Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

– Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento.

– Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento.

– Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria.

– Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (concentracións parcelarias).

– Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Axencia Galega de Infraestruturas.

– Augas de Galicia.

– Instituto de Estudos do Territorio.

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

5. O 11.5.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Caldas de Reis (DOG do 28 de maio de 2015).

6. O Concello Pleno de Caldas de Reis aprobou provisoriamente o PXOM, en sesións do 16.3.2016 e 11.11.2016.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar o PXOM de Caldas de Reis, aprobado provisoriamente polo Concello Pleno do 11.11.2016, púidose comprobar que se deu cumprimento ao indicado no informe previo á aprobación inicial emitido o día 20.2.2012, e ao establecido na lexislación urbanística vixente, agás nos seguintes aspectos:

II.1. Capacidade residencial e usos produtivos.

En cumprimento dos artigos 4.e) e 52 da LOUG; artigos 3 e 20.1.a) do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana (RDL 7/2015, do 30 de outubro); e determinacións 3.1.2 e 3.1.4 das DOT, analizáronse as previsións de crecemento que realiza o PXOM e as xustificacións das determinacións de ordenación establecidas para tal efecto.

Considerando o parque residencial (3.492 vivendas no ano 2001) e a tendencia poboacional, a previsión de 1.635 vivendas novas no solo urbano e urbanizable (sen incluír os núcleos rurais) resulta excesiva, e débese limitar aos desenvolvementos que respondan a razóns urbanísticas ou de completamento da malla.

Cómpre xustificar a previsión do novo solo urbanizable industrial/terciario SP-1-I de 862.000 m2, e máis dos 880.000 m2 dos asentamentos xurdidos á marxe do planeamento.

II.2. Solo urbano.

1. Atendendo ao disposto no artigo 11 da LOUG, o ámbito AP-17-R, fóra da vixente delimitación de solo urbano e que non está integrado na malla urbana, non reúne os requisitos para a súa clasificación como solo urbano.

2. A clasificación como urbano consolidado dos tres ámbitos de planeamento incorporado exixe xustificar a súa urbanización e recepción por parte do Concello (artigo 22 e 128.2 da LOUG e artigo 21.2.b) e 7.2 do RDL 7/2015).

3. Cómpre prever as actuacións illadas necesarias (artigo 124 da LOUG) ao oeste do AP-6-R.

II.3. Solo de núcleo rural.

1. Existen varias delimitacións que non reúnen a estrutura e morfoloxía propia do modelo tradicional de asentamento: a parte común do NR-47 Penalta e o NR-35 O Pazo, así como o NR-72 O Somonte e o NR-67 Caldas de Reis. Igualmente acontece na parte sur do núcleo NR-41 Foxacos.

2. O núcleo NR-40 Marán semella reunir as características de solo de núcleo rural histórico-tradicional, en vez de común, de acordo co artigo 13 da LOUG.

3. Os graos de consolidación que recollen as fichas dos núcleos rurais non sempre se corresponden coa realidade física, polo criterio do cálculo ou ben pola existencia de erros aritméticos. Non cumpren o grao de consolidación os seguintes núcleos: NR-40 Marán (27,50 %), NR-17 Outeiro (40 %), NR-65 O Reguengo (28 %), NR-51 O Carballal (20 %) e SNR-61 Soutelo de Arriba (29 %).

4. En aplicación do artigo 23.3.b) da LSG, a delimitación dos núcleos rurais comúns adecuarase ás previsións de crecemento. Non se xustifican delimitacións que engloben parcelas vacantes na periferia dos núcleos cun crecemento deficitario: NR-40 Marán, NR-44 San Martiño, NR-22 O Outeiro e NR-69 Santa Catalina.

5. Os crecementos artificiosos para incluír nos núcleos edificacións alleas a eles son contrarios á determinación 3.1.5.a) das DOT: NR-23 Follente, NR-12 O Gorgullón, NR-16 O Cope, NR-61 Soutelo de Arriba, NR-52 Cardín e NR-05 O Campelo.

II.4. Solo urbanizable.

1. Como resultado do sinalado no punto II.2.1, non se xustifica o sector residencial SP-11.

2. Tampouco queda acreditada a necesidade de reserva de solo para atender novas demandas de uso industrial do SP-1-I que duplica a previsión dos desenvolvementos nos asentamentos ocupados por edificacións industriais preexistentes e os terreos contiguos, que permiten acoller un crecemento racional destes.

3. Atendendo ás determinacións dos artigos 4.e), 14, 15, 32, 52.2 e 52.3 da LOUG e o artigo 3 do TRLSRU, e sen prexuízo das alíneas a), b), c) e d) do artigo 32.2 da LOUG:

– Deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos afectados polas liñas eléctricas de alta tensión e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, nos sectores SP-17, SP-19, SP-15 e SUND-R-D, a non ser que se prevexa o seu soterramento.

– Parte dos sectores SP-4-I, SP-1-I están ocupados por cursos fluviais e as súas zonas de protección polo que, de acordo co artigo 32.2.d) da LOUG, deben clasificarse como solo rústico de protección de augas.

– O sector SP-11 debe clasificarse como solo rústico de protección agropecuaria, de acordo co artigo 32.2.a) da LOUG, sen prexuízo de que se lles poida outorgar calquera outra categorización en aplicación do artigo 32.2 da LOUG.

II.5. Solo rústico.

En aplicación do artigo 32.2.b) da LOUG, as áreas afectadas por incendios que aparecen recollidas nos planos de información do plan deberanse clasificar, a partir da entrada en vigor da dita lei, como solo rústico de protección forestal, o que sucede nas zonas delimitadas ao norte do núcleo urbano de Caldas de Reis, por riba da N-550, clasificadas como solo rústico de protección ordinaria, de infraestruturas ou de canles; parcelas entre os núcleos de Casal do Mato e Saiar; e parcela clasificada como sistema xeral de espazos libres situada entre os núcleos do Gorgullón, As Cortiñas, O Campo e O Cruceiro.

No sector SP-19 existen grandes masas arbóreas, polo que, consonte o artigo 32.2.b) da LOUG e salvo xustificación axeitada, deberán ser clasificadas como solo rústico de protección forestal, o mesmo que unha área entre os núcleos do Follente e O Outeiro.

II.6. Estratexia de actuación e estudo económico.

1. A obtención do solo previsto polas actuacións illadas farase de acordo co establecido no artigo 129.1 da LSG.

2. No estudo económico detallarase para cada sistema xeral e actuación prevista, o custo de execución e obtención do solo, así como a iniciativa de financiamento.

II.7. Cuestións documentais.

1. De conformidade co artigo 47.1.b) da LOUG, non poden computarse como sistema xeral de equipamentos comunitarios, para efectos do cumprimento dos estándares, os terreos ocupados pola subestación eléctrica, xa que son de titularidade privada.

2. Ao carón do SUND-I hai un solo urbanizable delimitado, correspondente ao polígono industrial do Pousadoiro, non recollido como tal no plano O-1.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e as disposicións adicional 10ª e transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior; deixando en suspenso:

– Solo urbano: AP-17-R.

– Núcleos rurais: NR-05 O Campelo, NR-12 O Gorgullón, NR-16 O Cope, NR-17 O Outeiro, NR-22 O Outeiro, NR-23 Follente, NR-35 O Pazo, NR-40 Marán, NR-41 Foxacos, NR-44 San Martiño, NR-47 Penalta, NR-51 O Carballal, NR-52 Cardín, NR-61 Soutelo de Arriba, NR-65 O Reguengo, NR-67 Caldas de Reis, NR-69 Santa Catalina e NR-72 O Somonte.

– Solo urbanizable: sector residencial SP-11; e sector industrial/terciario SP-1-I.

2. O Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas, elaborar un novo documento coas correccións indicadas e, logo da súa aprobación polo Pleno da corporación, presentalo ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio