Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2017 Páx. 4542

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.13 do seu Estatuto de autonomía aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, ten atribuída a competencia exclusiva no relativo a instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non afecte outra provincia ou comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución.

Así mesmo, o artigo 28.3 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, do réxime mineiro e enerxético.

O traspaso de competencias en materia de industria, enerxía e minas levouse a cabo, conforme o establecido na disposición cuarta do mencionado Estatuto de autonomía de Galicia, en virtude do Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas.

A Lei básica estatal 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece no seu artigo 3.13 as instalacións eléctricas cuxa autorización é competencia da Administración xeral do Estado.

A disposición derradeira segunda da citada lei establece que se exclúen dese carácter básico as referencias aos procedementos administrativos, que serán regulados pola Administración pública competente, axustándose en todo caso ao establecido na normativa básica de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, regula no seu título VII os procedementos de autorización das instalacións eléctricas competencia da Administración xeral do Estado. Na súa disposición derradeira primeira exclúe do carácter básico o título VII para aqueles procedementos administrativos en que sexan competentes as comunidades autónomas.

Actualmente segue en vigor o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOG do 16 de febreiro).

As modificacións normativas posteriores xa mencionadas, así como as diferentes interpretacións do citado decreto que deron lugar a varias instrucións aclaratorias deste, fan que resulte necesario proceder á súa actualización.

Por outra banda, a entrada en vigor dos novos regulamentos técnicos de alta e baixa tensión (Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas ITC-BT 01 a 51) implica que xa non se poida aplicar gran parte do articulado do Decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento a que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución, e da Orde do 28 de outubro de 2002 pola que se establece o programa aplicable para a realización das operacións de mantemento e se establecen os prazos de emenda dos defectos tipo que se detecten nas operacións de inspección e mantemento das instalacións eléctricas de distribución, salvo no referente ás obrigas de presentación dos programas anuais de mantemento e dos informes de cumprimentos do programas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Órganos competentes para a autorización de instalacións eléctricas

1. Os órganos competentes para outorgar as autorizacións administrativas a que se refire o artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (autorización de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas) cando sexan competencia da Comunidade Autónoma, salvo os regulados por lexislación autonómica específica, serán os seguintes:

a) As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de enerxía, para o outorgamento das autorizacións administrativas previas e de construción relativas a:

1º. Liñas de enerxía eléctrica de tensión inferior a 132 kV (xa sexan de distribución, de evacuación ou liñas directas).

2º. Subestacións e centros de transformación de potencia inferior a 75.000 kVA (con independencia da tensión das súas posicións de liña).

En todo caso, as xefaturas territoriais serán competentes para outorgar a autorización de explotación de todas as instalacións eléctricas executadas (con independencia de que órgano as autorice).

b) A dirección xeral competente en materia de enerxía, para o outorgamento das autorizacións administrativa previa e de construción relativas a:

1º. Centros de produción de enerxía de calquera natureza ou potencia.

2º. Subestacións de potencia igual ou superior a 75.000 kVA.

3º. Liñas de enerxía eléctrica de tensión igual ou superior a 132 kV (de calquera tipo: transporte, distribución, evacuación ou liñas directas) e interprovinciais de calquera tensión.

c) O Consello da Xunta de Galicia cando o/a peticionario/a e mais a Administración, organismo ou empresa de servizo público ou de servizos de interese xeral afectada que emitiu o condicionado manteñan a discrepancia en canto ás condicións técnicas establecidas nel e o órgano competente para autorizar a instalación eléctrica non acepte as ditas condicións técnicas.

2. O órgano competente para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública das referidas instalacións eléctricas será o que teña atribuída a competencia para a autorización daquelas, de conformidade co establecido no punto anterior, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia no caso de que as administracións ou organismos consultados manteñan expresamente a súa oposición ou obxeccións á declaración de utilidade pública e a consellería competente en materia de enerxía discrepe das súas propostas.

Disposición adicional primeira. Procedementos de autorización

1. As autorizacións das instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitaranse de acordo co procedemento establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ou norma estatal que a substitúa, salvo que a Xunta de Galicia promulgue as disposicións que regulen as materias obxecto daquel na nosa comunidade autónoma. As publicacións das solicitudes e resolucións a que fai referencia o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, realizaranse no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial das provincias respectivas.

2. As autorizacións para a construción, ampliación, modificación e explotación das instalacións de gas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, ou norma estatal que a substitúa, salvo que a Xunta de Galicia promulgue as disposicións que regulen as materias obxecto daquel na nosa comunidade autónoma. As publicacións das solicitudes e resolucións a que fai referencia o Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, realizaranse no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial das provincias respectivas.

Disposición adicional segunda. Modificación do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP)

Modifícase o artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), engadíndolle un punto 4 coa seguinte redacción:

«4. Non poderán iniciar nin presentarse ao trámite de competencia para unha determinada autorización administrativa aquelas empresas ás cales lles fose revogada unha autorización administrativa previa para o mesmo obxecto, durante o prazo dun ano desde a data da súa revogación».

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Queda derrogado o Decreto 275/2001, de 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento a que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución, e a Orde do 28 de outubro de 2002 pola que se establece o programa aplicable para a realización das operacións de mantemento e se establecen os prazos de emenda dos defectos tipo que se detecten nas operacións de inspección e mantemento das instalacións eléctricas de distribución, coa excepción dos artigos 7, 8 e 9. Os citados artigos serán de aplicación aos/ás titulares de instalacións de distribución de enerxía eléctrica, que deberán presentar con carácter anual os programas de mantemento e os informes de cumprimento, ante as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de enerxía.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria