Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2017 Páx. 4682

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

BDNS (Identif.): 330736.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os pagamentos directos indicados no título II e as axudas de desenvolvemento rural recollidas no capítulo III e na sección 3ª do capítulo IV do título III desta orde só se concederán a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria. O requisito da actividade agraria tamén será exixible aos solicitantes das axudas de agroambiente e clima recollidas na sección 2ª do capítulo IV do título III.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2017 os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. Tamén se convoca a axuda excepcional de adaptación ao sector produtor do vacún de leite.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Cuarto. Contía

A concesión destas axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga e da Dirección Xeral de Ordenación Forestal conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2017, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

1. Para as axudas especificadas no título II da orde:

a) Aplicación 13.80.713F.779.0, superficies e intervención de mercado, por importe de cen mil (100.000) euros.

b) Aplicación 13.80.713F.779.1, primas gandeiras, por importe de corenta e tres millóns setecentos dezaseis mil catrocentos dezanove (43.716.419) euros.

2. Para as axudas especificadas no título III de esta orde:

a) Aplicación 13.02.713B.770.0, compromisos da anualidade 2017 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas de forestación de terras non agrícolas, por importe de catrocentos sesenta e nove mil trescentos noventa e catro con sesenta e seis (469.394,66) euros.

b) Aplicación 13.80.712B.772.1:

1º. Pagamentos a zonas con limitacións naturais, por importe de dezaseis millóns novecentos noventa e cinco mil vinte e catro con noventa (16.995.024,90) euros.

2º. Compromisos da anualidade 2017, das axudas relativas á medida de agroambiente e clima, por importe de catorce millóns douscentos corenta e seis mil setecentos corenta e un con cincuenta e sete (14.246.741,57) euros.

3º. Compromisos da anualidade 2017 das axudas relativas á medida de agricultura ecolóxica, por importe de dous millóns trescentos sete mil douscentos vinte e nove con trinta e nove (2.307.229,39) euros.

4º. Axudas da medida de agricultura ecolóxica, por importe de corenta mil (40.000,00) euros no ano 2017; para o ano 2018, trescentos sesenta mil (360.000,00) euros; para o ano 2019, catrocentos mil (400.000,00) euros; para o ano 2020, catrocentos mil (400.000,00) euros; para o ano 2021, catrocentos mil (400.000,00) euros; e para o ano 2022, catrocentos mil (400.000,00) euros.

Quinto. Prazo de presentación da solicitude única

O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2017, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos inclusive.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria