Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2017 Páx. 6393

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2017 pola que se convoca o Curso superior sobre elaboración, xestión e avaliación de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable.

Conforme os fins que asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o presente Curso superior sobre elaboración, xestión e avaliación de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

O curso ten, entre outros, os seguintes obxectivos:

• Dar a coñecer ao persoal da Administración pública en Galicia os obxectivos das políticas europeas en materia de desenvolvemento urbano e territorial a través do concepto estratexia DUSI e da convocatoria do IDAE.

• Profundar na necesidade de incorporar esta visión e obxectivos estratéxicos da EE2020 na planificación municipal galega.

• Transmitir a necesidade de desenvolver este tipo de estratexias non só para optar a fondos Europeos do período 2014-2020 senón tamén como instrumento que permite aumentar a capacidade de interlocución das entidades locais con axentes privados e outros organismos de financiamento.

• Dar a coñecer unha metodoloxía e ferramentas de xestión de fondos europeos a través da implementación das estratexias DUSI.

• Coñecer experiencias de referencia de desenvolvemento, implementación e xestión das estratexias DUSI.

• Dar a coñecer unha metodoloxía para a confección de pregos públicos de licitación de asistencia técnica de xestión e avaliación da estratexia.

• Formación básica para o control e interrelación con outros axentes/equipos internos e externos intervenientes no proceso de elaboración de estratexias DUSI que permita unha axeitada supervisión, xestión e avaliación do dito traballo.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes bloques:

– Bloque 1.

A. Consideracións xerais sobre a problemática da estratexia das cidades:

• A planificación estratéxica. Elementos que a caracterizan.

• Utilidade de dispoñer dunha estratexia para xestionar os cambios urbanos contemporáneos.

• Xestión da estratexia da cidade: xestión, seguimento e avaliación.

• Nova gobernanza territorial.

B. O marco da Axenda urbana europea e o desenvolvemento urbano nas políticas europeas. O impacto no POCS.

– Bloque 2.

Consideracións xerais sobre as estratexias integradas de desenvolvemento urbano.

• Os marcos conceptuais de referencia (UE, Europa 2020, Rede de Iniciativas Urbanas, etc.).

• Concepto de área urbana (ámbitos territoriais da planificación estratéxica).

• Concepto de autoridade urbana (gobernanza territorial).

• Sinerxías de fondos e financiamento cruzado (Feder e FSE).

• Estratexia europea para as zonas urbanas.

• Principais plans de fondos europeos (Feder, FSE, Horizon 2020, etc.).

• Grandes eixos temáticos da política europea:

Sustentabilidade.

Inclusión social.

Crecemento intelixente.

– Bloque 3.

Elaboración, implementación e xestión da estratexia. Principais elementos:

• Análise inicial integrada da problemática/retos urbanos da área.

• Diagnóstico e identificación de prioridades.

• A participación cidadá. Consulta pública.

• Delimitación do ámbito de actuación.

• Programa de actuacións.

• Proxectos e actuacións.

• Indicadores de seguimento e avaliación

– Bloque 4.

Práctica e aplicación a un caso concreto.

• Parte 1. Metodoloxía e criterios de avaliación na elaboración dunha estratexia DUSI.

• Parte 2. Análise individual de caso (á escolla entre 3 propostos).

• Parte 3. Taller peer review (revisión entre pares) sobre os tres casos analizados (10 alumnos por caso).

• Parte 4. Análise de indicadores.

– Bloque 5.

Os concellos e a nova gobernanza pública.

• Transparencia, bo goberno e participación cidadá.

– Bloque 6.

Práctica final: esquematización para casos concretos.

– Bloque 7.

Principios e criterios xerais na xestión dunha estratexia de desenvolvemento urbano.

– Bloque 8.

Traballo de fin de curso.

Elaboración dunha reflexión de avance sobre unha estratexia DUSI vinculada ao ámbito territorial de procedencia (desempeño laboral) do alumnado.

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

O curso está dirixido a aqueles profesionais que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

4.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

4.2. Pertencer aos grupos I ou II do persoal laboral.

4.3. Persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, cargos electos, así como profesionais que se atopen en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

O curso valorarase con 1 punto a aqueles/as alumnos/as que fosen considerados aptos á súa finalización e, polo tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento da Administración local, de acordo co establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2009).

5. Matrícula.

5.1. Importe.

5.1.1. O importe da matrícula é de trescentos cincuenta euros (350 €), salvo o indicado no número seguinte:

5.1.2. Terán un réxime bonificado e correspóndelles un importe de matrícula de douscentos euros (200 €), todos aqueles solicitantes que se atopen encadrados nas situacións descritas nos números 4.1 e 4.2.

5.2. Pagamento.

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %) deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación por parte da EGAP de que o alumno foi seleccionado. No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante farase efectivo entre o 27 e o 31 de marzo de 2017.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou fraccionado, deberá enviarse xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o nome e apelidos do alumno. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do xustificante no prazo establecido.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono, unha vez iniciado o curso.

5.3. Prazo de inscrición e documentación requirida.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 17 de febreiro de 2017, ou ben ata que se cubra a totalidade das prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán inscribirse accedendo á parte da área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php) que figura na web da EGAP.

Todas as persoas solicitantes, agás as que pertenzan á Administración autonómica, deberán enviar, antes de que finalice o prazo de inscrición, un correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, achegando copia da certificación acreditativa do grupo de destinatarios a que pertencen ou, se for o caso, copia do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a devandita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, o 17 de febreiro de 2017.

6. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

7. Publicación da listaxe de admitidos e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados publicarase na parte deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación.

8. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, entre o 2 de marzo e o 11 de maio de 2017.

Terá unha carga lectiva de 100 horas teórico-prácticas distribuídas do seguinte xeito:

• 58 horas presenciais, en sesións de 4 horas pola mañá e 3 horas pola tarde, todos os xoves, agás o xoves 4 de maio, que se desenvolverá nunha sesión de 4 horas pola mañá e de 2 horas pola tarde, e o xoves 11 de maio, nunha sesión matinal de 3 horas e nunha sesión vespertina de 2 horas.

• 22 horas non presenciais, de traballo en liña titorizado.

• 20 horas de traballo individual final titorizado.

Durante o desenvolvemento deste curso, levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para este efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a asistencia a cada unha das sesións académicas.

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, que se poderá descargar desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que teñan participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará firmado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Para a superación deste curso e a obtención do citado certificado, os alumnos deberán presentar, ademais, un traballo nos termos que estableza a dirección do curso.

10. Asistencia e puntualidade.

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) Faltas de asistencia: non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c) perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

11. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puideren xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública