Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8431

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 1 de febreiro de 2017 pola que se actualizan os procedementos e os formularios normalizados para a obtención da carta de artesán e a cualificación de taller artesán.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, regula, entre outras cuestións, o procedemento para a obtención da carta de artesán e o procedemento para a obtención da cualificación e inscrición do taller artesanal, e establece os requisitos para a súa obtención.

O artigo 13 do devandito decreto determina que as persoas que desexen obter a carta de artesán presentarán solicitude normalizada segundo o anexo I deste decreto, perante a dirección xeral competente en materia de artesanía.

Do mesmo xeito, o artigo 21 recolle que para obter os documentos de cualificación e inscrición do taller artesanal haberá que presentar a correspondente solicitude normalizada, segundo o anexo III deste decreto, en única instancia ante a dirección xeral competente en materia de artesanía.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou as «Guías para a habilitación electrónica de procedementos e formularios» que teñen o obxectivo de axudar aos órganos e unidades da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e facilitar o cumprimento da normativa en materia de Administración electrónica, a simplificación administrativa e a utilización de novas ferramentas de tramitación administrativa.

De acordo co anterior, procedeuse a unha revisión, de conformidade coas previsións recollidas nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos, dos formularios de inicio destes dous procedementos regulados no Decreto 218/2001, do 17 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Con esta revisión emerxeu a necesidade de actualizar os devanditos procedementos e os formularios normalizados para a obtención da carta de artesán (anexo I) e a cualificación e inscrición do taller artesanal (anexo III), e suprimir os formularios relativos á renovación da carta de artesán (anexo VI) e á renovación da cualificación do taller artesanal (anexo V).

Nesta liña, coa presente orde actualízanse os procedementos e os formularios normalizados para a obtención da carta de artesán e a cualificación e inscrición do taller artesanal ás previsións vixentes aplicables.

Por todo, á vista do exposto, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto actualizar os procedementos e os formularios de inicio normalizados para a obtención da carta de artesán e a cualificación e inscrición do taller artesanal previstos no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, ás previsións vixentes contidas nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e formularios na Administración xeral e do sector público autonómico.

2. Os formularios normalizados publícanse como anexos I e III a esta orde.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes destas.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa súa solicitude os seguintes documentos necesarios para a súa tramitación:

En relación co procedemento relativo para a obtención/renovación da carta de artesán/a as persoas solicitantes deberán achegar, xunto coa solicitude:

Para a obtención da carta de artesán/a:

• Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Certificado de residencia da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Memoria das actividades profesionais realizadas (máximo 6 folios, engadidas as fotografías).

• Certificación ou documento acreditativo dalgún dos requisitos que recolle o artigo 12 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, para a obtención da carta de artesán.

Para a renovación/modificación da carta de artesán/a:

• Certificado de residencia da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• No caso de cambios na tipoloxía da actividade (actividades artesanais) deberá incluír tamén a documentación para a obtención da carta de artesán/a.

En relación co procedemento relativo para a obtención/renovación do obradoiro artesanal as persoas solicitantes deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

Para a obtención do obradoiro artesanal:

• Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Copia do NIF de persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Relación por categorías dos traballadores do obradoiro, só no caso de persoas xurídicas.

• As entidades cooperativas ou asociativas (reguladas no artigo 2.3 da Lei 1/1992, de artesanía de Galicia) que comercialicen a produción dos seus socios ou asociados xuntarán, ademais, certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal, estatutos e relación de socios compoñentes.

Para a renovación/modificación do obradoiro artesanal:

• Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

• Copia do NIF de persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa súa solicitude, os documentos previstos salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas, de acordo co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán indicar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios do contido a que se refire o documento.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á contas de correo que consten na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 3ª planta, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 7. Prazo para resolver

Para os efectos establecidos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes será de cinco meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Disposición adicional única. Formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes neste procedemento será necesario utilizar o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente actualizado e accesible para as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file