Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8441

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 2/2017, do 23 de xaneiro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se establecen criterios de actuación na inspección técnica de vehículos para a loita contra a clandestinidade nas actividades de reparación de vehículos automóbiles.

Nos derradeiros anos vénse detectando un importante aumento de actividades de reparación de vehículos automóbiles en talleres clandestinos, que non están legalmente habilitados, tal e como se establece no Decreto 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes.

As actuacións destes talleres clandestinos poñen en perigo a seguridade viaria e o ambiente, e supoñen ademais unha competencia desleal respecto dos talleres debidamente habilitados, que cumpren con todas as obrigas que establece o marco normativo e garanten que as reparacións son feitas por profesionais que contan cos medios técnicos adecuados para iso.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente na dirección e seguimento de todas as actuacións relativas á inspección técnica de vehículos, así como na prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles.

Polo dito, e para contribuír á loita contra a clandestinidade nas actividades de reparación de vehículos automóbiles, dítase a presente

Instrución

1. Os titulares dos vehículos automóbiles que sexan declarados desfavorables ao realizar a inspección nunha estación ITV por defectos graves ou moi graves en elementos esenciais de seguridade ou de control ambiental incluídos nos capítulos 5 (emisións contaminantes), 6 (freos), 7 (dirección), 8 (eixes, rodas, pneumáticos e suspensión) e 9 (motor e transmisión) do Manual de procedemento de inspección das estacións ITV, deberán presentar, cando acudan de novo á estación ITV para nova inspección, o certificado de reparación emitido polo taller.

2. A estación ITV solicitará o dito certificado, comprobará que o taller que o emite é un taller habilitado como taller de reparación de vehículos automóbiles e anotará no informe de inspección: «acredítase ter efectuado as reparacións en taller habilitado».

3. No caso de que non se facilite o certificado de reparación á estación ITV, ou que esta comprobe que o taller que o emite non consta como habilitado, farase constar no informe de ITV: «non se acredita ter efectuado as reparacións en taller habilitado», o cal non suporá impedimento para que a inspección sexa declarada favorable.

4. Os talleres de reparación de vehículos automóbiles deberán entregar aos seus clientes, cando estes os informen de que queren efectuar reparacións das recollidas no punto 1 da presente instrución e lles presenten o informe da estación ITV, un certificado de reparación segundo o modelo que se recolle como anexo.

5. No caso de que se presente á estación ITV un certificado de reparación emitido por un taller que non consta como taller habilitado de reparación de vehículos automóbiles, a estación ITV remitirá o dito certificado á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da provincia correspondente á localización do taller, para a adopción das medidas sancionadoras que correspondan.

6. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas manterá unha consulta telemática para que as estacións ITV e o público en xeral poidan consultar en tempo real se un taller determinado está habilitado como taller de reparación de vehículos automóbiles. Así mesmo, poderase descargar o modelo de certificado de reparación da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file