Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 6 de marzo de 2017 Páx. 11330

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se delega no titular da Xefatura Territorial de Pontevedra o exercicio de determinadas competencias en materia de patrimonio cultural.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural desenvolve un gran volume da actividade administrativa derivada das competencias que a normativa lle atribúe. A vacante da xefatura do Servizo de Coordinación de Pontevedra aconsella adoptar con inmediatez as medidas administrativas conducentes a que as funcións que viña desempeñando por delegación do mencionado órgano directivo sexan exercidas polo titular da xefatura territorial de quen organicamente depende.

En consecuencia, co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se delegue na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o exercicio de determinadas competencias. Estas competencias aparecen reflectidas, entre outros, no artigo 13.1.f) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; nos artigos 34, 39, 52, 54, 57, 58, 61, 66, 96, 100, 101 e 102 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e nos artigos 1.1.a), 1.2 e 3.1 do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autonómica de Galicia.

Así mesmo, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 35.2 establece que as xefaturas territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellerías, co alcance que se lles atribúa na estrutura orgánica da consellería e demais normativa aplicable ou que se lles delegue, e estarán integrados por aqueles servizos, aquelas áreas ou aquelas unidades que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa.

Pola súa parte, o artigo 30.1.f) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recolle a posiblilidade do exercicio de funcións delegadas por parte das xefaturas territoriais.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 9 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño delegar na persoa titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras e intervención que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou zona de amortecemento, sometidos ao informe das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, de conformidade co artigo 2.a) do Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, modificado polo Decreto 103/2010, do 17 de xuño, así como aqueloutros relativos a obras de entidade menor que se proxecten sobre os devanditos bens ou nos seus contornos de protección.

2. A autorización e o informe relativos ás intervencións que afecten conxuntos históricos declarados bens de interese cultural que teñan aprobado un plan especial de protección, cando este estableza expresamente a necesidade de obter a autorización ou informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Autorizar as actuacións arqueolóxicas preventivas (controis, prospeccións, sondaxes e escavacións) derivadas de proxectos de obra ou plans que afecten o patrimonio cultural e o seu contorno que sexan exixidas polos informes e autorizacións aprobados na xefatura territorial, de conformidade con esta resolución, as que determinen as figuras de planeamento especial aprobadas nos conxuntos históricos e as que deriven das determinacións adoptadas en relación coas propostas dos departamentos territoriais na tramitación dos expedientes sobre os cales emitiu informe a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico-Artístico da Igrexa Católica en Galicia e dos instrumentos de planeamento.

4. Emitir informes sobre os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos, como a paisaxe, o desenvolvemento rural, as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio, nos cales se establecerán as medidas protectoras, correctoras e compensatorias que se consideren necesarias.

5. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se vexan ameazados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá avocar para si, en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 7 Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017

María del Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural