Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2017 Páx. 12736

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia, e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de persoas emigrantes galegas retornadas que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polas persoas afectadas, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos.

Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio; e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2017.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e de acordo co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que comportará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas, aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9.

Artigo 2. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de douscentos mil euros (200.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nacidas en Galicia.

2. Todas as persoas beneficiarias deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos exixidos para poder ser persoas beneficiarias, que deben estar referidos ao momento da solicitude son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.

b) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude.

c) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Carecer de rendas ou ingresos suficientes. Computan como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en cómputo global, o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual correspondente ao ano desta convocatoria, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5.

Así mesmo, terán a consideración de rendas para os efectos da percepción destas axudas, ás seguintes:

– Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.

– Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.

– Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

– Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

– Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades.

Para o cálculo das rendas, cando se perciban con periodicidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período ao cal correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamento cuxo importe se ratea entre doce meses.

e) Carecer de bens patrimoniais suficientes (mobles e/ou inmobles).

Entenderase como bens mobles suficientes, cando na unidade familiar da persoa solicitante o seu valor supere o límite de 10.000 €, mais 2.000 € adicionais por cada un dos restantes membros da unidade familiar.

Entenderase como bens inmobles suficientes, cando a suma dos seus valores de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 €.

Para estes efectos só se computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así como os depósitos bancarios ou a prazo, accións valores ou participacións en sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade financeira, sendo o valor para computar destes efectos o que conste na correspondente documentación bancaria.

Polo que respecta aos bens inmobles teranse en conta todos, a excepción da vivenda habitual, e o seu valor será o que figure no recibo do imposto que os grave ou, na súa falta, no contrato de compravenda.

2. Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito, non separado legal ou de feito, e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o primeiro grao en liña ascendente e descendente da persoa solicitante, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que consten no mesmo domicilio segundo os datos do Padrón Municipal ou ben da certificación municipal de convivencia, no caso de tela que achegar a persoa solicitante, segundo o previsto no artigo 9.1.5.

3. Quedan excluídas destas axudas as persoas que resultasen beneficiarias en calquera das tres convocatorias inmediatamente anteriores á presente.

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración das axudas efectuarase, conforme os criterios e a gradación que se establece a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual dos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da unidade familiar da persoa solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta da persoa solicitante: 1, 5 punto por cada fillo/a, salvo no caso de familia numerosa, que serán 2,5 puntos por cada fillo/a.

3. Situación de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos.

– Dependencia en grao I ou II: 1 punto.

– Dependencia en grao III: 2 puntos.

No caso de que a persoa discapacitada ou dependente necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria, a puntuación incrementarase en 2 puntos.

Naqueles certificados emitidos polos órganos competentes en que non conste a porcentaxe de discapacidade valorarase con 1 punto.

Naqueles casos en que o solicitante presente unha situación de discapacidade e dependencia, só se valorará unha das situacións.

4. Enfermidade grave ou moi grave da persoa solicitante, sempre e cando non se valorase no número 3: 1 punto.

5. Solicitante que fose vítima da violencia de xénero nos cinco anos anteriores ao retorno: 2 puntos.

6. As persoas solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de presentación da solicitude e sempre que non sexan beneficiarias de ningún tipo de pensión nin de prestación periódica concedidas pola Administración estatal ou autonómica: 5 puntos.

7. De existir varias persoas solicitantes integradas dentro da mesma unidade familiar que reúnan os requisitos para poder ser beneficiarias, a puntuación obtida segundo a aplicación dos criterios de valoración establecidos no presente artigo dividirase entre o número de persoas beneficiarias da axuda. Á contía resultante da división aplicaráselle o valor do punto en euros segundo corresponda, de acordo co disposto no artigo 6.1 desta resolución.

Nestes casos, a puntuación obtida de ter fillos/as a cargo menores de 18 anos imputaráselle ao cónxuxe ou parella de feito que ambos os dous manifesten expresamente mediante declaración por escrito. De non facer declaración expresa ou de non existir acordo, imputaráselle á nai.

Artigo 6. Contía, pagamento e compatibilidade de axudas

1. As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno previstas nesta resolución pagaranse por unha soa vez, e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5; para os efectos fixarase un valor en euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

Co obxecto de protexer a situación daquelas persoas que estean nunha situación de maior vulnerabilidade, de acordo co establecido nos números 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 do artigo 5, a unidade de puntuación terá un valor en euros diferente en función do número de puntos obtidos polas persoas solicitantes, de acordo coas seguintes regras:

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan entre 1 e 5 puntos: 250 € por punto.

– Unidade de puntuación para aquelas persoas que obteñan máis de 5 puntos: 350 € por punto.

2. Igualmente, e co fin de axudar a sufragar os gastos derivados do retorno, establécese unha axuda de pagamento único que incrementará a contía das axudas previstas no punto 1 en 150 €, para a persoa beneficiaria procedente de Europa e en 400 €, para a persoa beneficiaria procedente de América e outros países, excepto Europa.

3. Cando resulten beneficiarias varias persoas da mesma unidade familiar, a suma das súas axudas non poderá superar a contía de 6.300 €. Neste caso, a contía da axuda será o resultado de dividir a dita contía máxima entre o número de persoas beneficiarias.

4. As axudas concedidas para facer fronte de maneira xenérica á situación e aos gastos derivados do retorno aboaranse unha vez que se acredite que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para obter a condición de beneficiaria, segundo o establecido nos artigos 3 e 4 e polo importe correspondente en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 5 e en función do establecido no punto 3 deste artigo.

5. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal.chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de agosto de 2017, incluído.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Pasaporte ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

2. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia, e no caso de que a persoa solicitante fose cónxuxe, ou persoas con relación análoga á conxugal ou fillos/as dunha persoa galega e nacida en Galicia, documento que acredite o seu vínculo con esta.

3. Libro de familia completo da persoa solicitante, ou documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar, se é o caso. Na súa falta, achegarase certificado de matrimonio, ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito, sempre e cando non poida ser expedido pola Xunta de Galicia, así como os certificados de nacemento dos fillos/as da persoa solicitante.

En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

4. Certificación municipal de data actual, emitida polo concello galego de residencia da persoa solicitante que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.

5. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

6. Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, se é o caso.

7. Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo correspondente aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e da súa unidade familiar, tal e como se recolle no artigo 4.1.d).

8. Documentación acreditativa do valor dos bens, mobles ou inmobles da persoa solicitante e da súa unidade familiar, a excepción da vivenda habitual, tal e como se recolle no artigo 4.1.e).

9. Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave.

10. Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.

11. No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socio-ambiental emitido por un organismo oficial.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

6. Cando os documentos achegados ao expediente pola persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

7. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde teña fixada a residencia a persoa solicitante, a emisión dun informe social no que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das devanditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

c) Certificado de empadroamento.

d) Certificado de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

e) Certificado de dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

f) Certificado de dependencia recoñecida polo Imserso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e resolución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

3. Unha vez concluída a tramitación do expediente, a persoa instrutora formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

4. Á vista da proposta de resolución a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentase a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/ 2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 18. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento, nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Os Basquiños, 2, CP 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a retorno.emigracion@xunta.gal

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas establecidos nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptuase á Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://emigracion.xunta.gal/), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/).

Artigo 22. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file