Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14497

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 9 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN201G).

BDNS (Identif.): 336076.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Titulares de obradoiros artesanais que figuren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Asociacións profesionais e empresariais de artesáns de Galicia.

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que organicen feiras de artesanía.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento e a comercialización da artesanía galega para actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2017, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2016 exixidos para participar en eventos expositivos do ano 2017 e, se for o caso, os gastos efectivamente realizados e pagados das feiras que se celebren entre o 1 de novembro e o 31 de decembro de 2017.

Considéranse actuacións subvencionables:

Para titulares de obradoiros artesáns:

A participación como expositor en feiras profesionais nacionais ou celebradas no estranxeiro nas cales non se realiza venda directa con retirada de mercadoría.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 2.000 € de subvención por certame, impostos excluídos.

A participación como expositor en feiras non profesionais de artesanía, fóra do ámbito da Comunidade Autónoma galega, que se celebren nos mercados nacionais ou internacionais.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento superior a 500 €, cun máximo de 900 € de subvención por certame, impostos excluídos.

A participación como expositor en accións comerciais emerxentes de carácter temporal e presentación de produtos en Pop Ups, Corners e Showrooms.

A porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento superior a 500 €, cun máximo de 900 € de subvención por certame, impostos excluídos.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 7.000 €, IVE excluído.

Para concellos:

Feiras monográficas cuxo obxecto sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional, cun número mínimo de 15 edicións, incluíndo a edición en curso. A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento cun máximo de 15.000 € de subvención por feira.

Feiras non monográficas de distintos oficios cun número mínimo de cinco edicións, incluíndo a edición en curso. O importe máximo de subvención será de 3.000 € por feira se conta cun mínimo dun 80 % de expositores de produtos artesanais inscritos na Sección Segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns). Para as que non acaden o 80 % dos expositores mencionados, o importe máximo de subvención será de 1.500 € por feira.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá ser superior aos 15.000 €.

Para asociacións profesionais e empresariais de artesáns:

Organización de feiras de artesanía, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de distintos oficios cun número de 15 edicións, incluíndo a edición en curso, que conten cun mínimo de 80 % de expositores de produtos artesanais inscritos na Sección Segunda do Rexistro Xeral de artesanía de Galicia (obradoiros artesáns).

A porcentaxe subvencionable alcanzará o 80 % do investimento, cun máximo de 15.000 € de subvención por certame.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá ser superior aos 30.000 €.

Participación como expositor en feiras profesionais nacionais ou celebradas no estranxeiro nas cales non se realiza venda directa con retirada de mercadoría.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 7.000 € de subvención por feira.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá ser superior aos 15.000 €.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

Destínase un total de 215.000 € das aplicacións orzamentarias seguintes:

09.30.751A.770.3: 90.000 € para titulares de obradoiros artesanais.

09.30.751A.761.5: 80.000 € para concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

09.30.751A.781.4: 45.000 € para asociacións profesionais e empresariais de artesáns de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria