Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2017 Páx. 14705

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2017.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia, e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia desenvolve, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao abeiro desta.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibilite ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e sinaladamente nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns para todos os programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación (PR924B):

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2017.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria en cada programa as seguintes entidades:

Programa 1:

a) As entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

Programa 2:

a) As entidades inscritas no Rexistro da Galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

Programa 3:

a) As entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

b) As federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro de cada programa os gastos e proxectos que se indican no capítulo II, disposicións específicas desta convocatoria.

Só poderán ser subvencionados gastos ou proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de outubro de 2016, para os programas 1 e 2, e entre o 1 de novembro de 2016, para o programa 3, e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 17.1.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase inicialmente un crédito total de 1.000.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0, axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2017. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O crédito previsto distribuirase entre os programas da maneira que segue:

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento.

O importe do crédito destinado a este programa é de 400.000 €.

O importe máximo total de gastos de funcionamento para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 30.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo da axuda que se concederá a través deste programa será de 20.000 €.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

O importe do crédito destinado a este programa é de 500.000 €.

O importe máximo do gasto no conxunto dos proxectos para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 40.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo da axuda que se concederá a través deste programa será de 25.000 €.

Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas.

O importe do crédito destinado a este programa é de 100.000 €.

O importe máximo do gasto dos proxectos de especial relevancia para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 40.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se conceda.

O importe máximo da axuda que se concederá a través deste programa é de 24.000 €.

3. Á vista das solicitudes presentadas e de existir remanente nalgún dos programas logo de feita a proposta de concesión, poderá ser redistribuído entre os outros programas en función das necesidades.

Artigo 5. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación

1. Para cada un dos programas para os cales presente solicitude, a entidade deberá xuntar a documentación complementaria que especificamente se relaciona nos artigos 29, 32 e 35, segundo corresponda. Así mesmo, as entidades interesadas poderán achegar calquera outro documento que consideren conveniente.

As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen ao abeiro do artigo 6.1 presentarán a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que que fose realizada a emenda.

Consecuentemente co disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español, que presenten a solicitude presencialmente deberán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e resolución

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 30, 33 e 36 desta resolución.

7. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto nesta resolución.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para seren beneficiarias das subvencións establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que obteñan aplicando os criterios de valoración establecidos.

En función do número de puntos que obteña cada entidade determinarase a porcentaxe do gasto que se subvencionará. A contía que se concederá a cada entidade virá dada pola aplicación da porcentaxe resultante ao seu proxecto de gasto, sen que supere o límite previsto no artigo 3, nin o 80 % do orzamento do proxecto, minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable, nin a contía solicitada.

O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo a orde de prelación, ata que se esgote.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 150 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse, porcentualmente, entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.gal. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computarase desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que poidan reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deberán xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo ten que enmarcarse dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento previstas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, se é o caso).

b) Aquel que, ao aplicarlle o límite máximo do 80 % permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 12. Notificación

As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa do procedemento administrativo común.

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán recibir as notificacións por vía postal, de acordo co establecido no artigo 6.1 desta norma

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso das entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 6.1 desta convocatoria.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as entidades interesadas non fixesen a presentación electrónica das solicitudes poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a devandita resolución, a entidade beneficiaria terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, podendo a secretaría xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 17. Xustificación

1. Os gastos ou proxectos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2017, agás os do programa 3, cuxa data límite será o 30 de outubro de 2017.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das accións subvencionadas establecido no artigo 3 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 18, as entidades beneficiarias de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria dos gastos ou dos proxectos realizados, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos en cada un dos programas subvencionados.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, conforme o modelo normalizado que figura como anexo III.

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia xa incluída no anexo IV.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre os proxectos informativos que aparecen na solicitude se inclúan algúns referidos á edición e difusión de libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberá enviarse un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, en que deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €, ben en documento independente, en que conste o importe recibido, a referencia da factura a que corresponde, a data en que se efectúa o pagamento e a sinatura do provedor, ou ben mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que conste «recibín en efectivo» ou expresión equivalente.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. O dito número determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo de completaren a xustificación das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto destas, e poden subcontratar con terceiros ata o cen por cen das accións subvencionadas.

Artigo 20. Requirimentos

De acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigadas a:

1. Executar o proxecto ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude ou o resultante da aplicación do artigo 10, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 9.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion.subvencions@xunta.gal

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. A secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade, de conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención, segundo o disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Por outra parte, a Secretaría Xeral da Emigración transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 26. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas

Sección 1ª. Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento

Artigo 28. Obxecto e finalidade das subvencións

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico derivados de servizos externos en que incorran as entidades galegas solicitantes que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria, sempre que esta non teña ánimo comercial ou profesional, e que estean destinados a actividades sen fins de lucro para os seus asociados ou á promoción cultural, social ou económica de Galicia.

Poderanse subvencionar ao abeiro deste programa os gastos derivados de:

1. O arrendamento ao nome da entidade solicitante de inmobles que se utilicen como sede habitual e permanente, sempre que non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados para esta finalidade.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, ou material informático non inventariable), subscricións periódicas á prensa ou revistas, comunicacións telefónicas, luz, auga, taxas e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

3. Gastos ordinarios de reparacións, mantemento e conservación de maquinaria, instalacións ou utensilios.

4. Gastos administrativos e legais derivados de procesos de unión ou fusión.

Artigo 29. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que se relacionen todos os gastos de funcionamento para os cales pide a subvención.

b) Orzamento previsto para cada un dos gastos relacionados na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.

c) Cando se solicite axuda para gastos de alugamento do local da sede habitual e permanente da entidade, deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia cotexada do vixente contrato oficial de alugamento, agás que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

– Copia do xustificante de pagamento da mensualidade do alugamento do local, referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución para calquera destes idiomas.

Artigo 30. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter a entidade no seu ámbito e no seu contorno: ata 45 puntos. Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 %, a puntuación máxima será de 20 puntos.

Terase en conta o número de persoas asociadas que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste punto tendo en conta o gasto total.

1.2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegas e descendentes que sexan usuarias das accións realizadas pola entidade, segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións ata: 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Nivel de financiamento das accións que se subvencionarán a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 15 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.5. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos neste programa de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais,
de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Artigo 31. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, a realización das seguintes accións:

1. Programación cultural, social e formativa das entidades galegas no exterior e aquelas que promovan a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de asentamento.

2. Accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento, tales como a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión.

3. Proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración da mocidade nas estruturas orgánicas das entidades, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

4. As actividades propias para a consecución do seu obxecto social, recollido nos estatutos da sociedade, sempre que non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

En cada un destes proxectos poderanse subvencionar as seguintes accións:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Actividades culturais ou de carácter formativo sobre aspectos da vida social ou cultural de Galicia.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización e mantemento de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia que difundan a cultura galega.

8. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polas entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter gastronómico.

B) Accións informativas ou divulgativas sobre aspectos da vida social, cultural ou económica de Galicia.

1. A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

2. A organización ou participación en xornadas, exposicións ou feiras sectoriais.

C) Proxectos promovidos pola xuventude que teñan relación con Galicia.

1. Formación específica da mocidade na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro e mellora de habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos da mocidade pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica da mocidade para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas que fomenten a relación entre a xuventude de orixe galega.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais relacionadas con Galicia (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre a mocidade da emigración e a mocidade galega, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Outros programas e accións dirixidos a cumprir o obxecto social da entidade.

Outro tipo de accións non recollidas entre as anteriores, necesarias para a consecución do obxecto social recollido nos estatutos da sociedade, sempre que estas non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

Artigo 32. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla a relación concreta dos proxectos para os que se pide a subvención, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa finalidade ou necesidade, as accións que se pretenden realizar e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.

De incluír proxectos xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

b) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada proxecto e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.

Artigo 33. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral dos proxectos relacionados na memoria: ata 40 puntos, atendendo á súa finalidade ou necesidade, ao seu carácter innovador e á importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1.1.1. Finalidade ou necesidade dos proxectos para os cales se solicita a subvención: ata 25 puntos.

Se a finalidade dos proxectos se refire exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 15 puntos. Se se refire exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 6 puntos. Se se refire exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 6 puntos. Para aquelas solicitudes que inclúan varios proxectos con distinta finalidade, a puntuación máxima será de 25 puntos.

1.1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos: ata 5 puntos.

1.1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 10 puntos.

1.2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter os proxectos que se van realizar para os que se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de persoas usuarias de orixe galega ou descendentes segundo a información que conste no Rexistro da Galeguidade na data de finalización da presentación de solicitudes, o impacto informativo e cultural do proxecto: ata 15 puntos.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Ter a condición de comunidade galega, así como as federacións ou unións de entidades: 5 puntos. Ter a condición de centro colaborador da galeguidade: 2 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos neste programa non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 3ª. Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas
por comunidades galegas

Artigo 34. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese subvencionar proxectos de actividades de carácter extraordinario para a entidade que as promove ou nas cales participa activamente, non recorrentes, cuxa finalidade é a promoción cultural, social ou económica de Galicia no ámbito en que estea asentada, para as que se xustifique a súa especial relevancia e diferenciación con respecto ás previstas no programa 2, tales como mostras, feiras, certames ou efemérides especiais da entidade (25º, 50º, 75º, 100º, 125º...aniversario, etc.).

Artigo 35. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla o proxecto da actividade especial para a que se pide a axuda, en que se argumente a especial relevancia, a súa finalidade ou necesidade, a importancia e repercusión para acadar os obxectivos previstos, estimación dos participantes e poboación a que vai dirixida, as accións que se van desenvolver, as datas e os lugares en que se pretende executar, etc.

b) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto da actividade especial, desagregado nas partidas específicas das principais accións que se van executar, asinado polo representante legal da entidade.

Artigo 36. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral da acción que se vai desenvolver e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as que se solicita a subvención e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a súa importancia e repercusión: ata 45 puntos.

1.2. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 30 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do gasto; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 20 puntos.

1.4. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 40 puntos neste programa de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file