Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15968

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2017 (código de procedemento ED114A).

De acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo, logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

Esta convocatoria dálle continuidade á centralización da realización das probas, no ámbito da comunidade autónoma, en Santiago de Compostela e, no exterior, en Ponferrada, polo especial vínculo que temos coa zona do Bierzo. Esta centralización pretende afondar na maior seguridade e control da execución do proceso e na racionalización dos recursos públicos a partir da nova dotación de persoal docente.

1. Obxecto.

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2017 (ED114A).

2. Persoas destinatarias.

As persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan antes de finais do ano 2017, nacionais ou estranxeiras.

3. Datas de realización das probas.

Celga 4: 10 de xuño de 2017.

Celga 2: 11 de xuño de 2017.

Celga 3: 17 de xuño de 2017.

Celga 1: 18 de xuño de 2017.

Estas datas poderán mudarse por razóns de forza maior ou para a mellor administración das probas.

Se o número de aspirantes non permitise a realización da totalidade das probas orais no día sinalado nesta resolución, a Comisión Central de Avaliación determinará o día ou días en que terá lugar a devandita avaliación oral, que serán debidamente publicitados na páxina web www.lingua.gal.

4. Lugares onde se van realizar as probas e niveis.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Probas Celga

Nivel

Santiago de Compostela

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ponferrada

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Os lugares concretos e o horario indicaranse cando se fagan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada proba de nivel Celga.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta resolución e aboar a taxa que se indica na convocatoria.

Deberán indicar a proba ou probas ás cales solicitan presentarse e a localidade.

No caso de que unha persoa que se vaia presentar ás probas teña algunha discapacidade, indicará na súa solicitude o tipo e o grao de discapacidade, a acreditación correspondente, así como o apoio que precisará para poder realizar as probas.

As persoas cunha discapacidade física ou psíquica igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, compresión escrita, expresión escrita) poderán solicitar a exención de realizar a proba ou probas referidas a esas destrezas.

Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED114A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal e na páxina web http://www.lingua.gal, que permite cubrir e editar a solicitude.

5.1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, para o que se utilizará o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5.2. A solicitude dirixirase á sede central da Secretaría Xeral de Política Lingüística en Santiago de Compostela.

5.3. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada nas bases sexta e sétima será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame.

b) Copia do certificado de discapacidade emitido por unha administración distinta da Comunidade Autónoma de Galicia, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade emitido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

9. Contía das taxas de exame.

Segundo o previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas Celga será de 15,77 euros.

10. Sistema de liquidación das taxas de exame.

10.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na vixente Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, para o que se utilizará o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07.

Delegación de servizos centrais. Código: 13.

Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.

Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01.

Así mesmo, poderase facer efectivo o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberase acceder á Oficina Tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Axencia Tributaria Galega (www.atriga.gal), premer a opción Tributos e logo a ligazón Taxas e prezos. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento telemático, imprimirase o xustificante de aboar a taxa, que será o que se achegue xunto coa solicitude.

10.2. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo da solicitude correspondente, ás persoas aspirantes que figuren na listaxe definitiva de excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, as persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.lingua.gal).

11. Procedemento para a admisión de aspirantes.

11.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, o secretario xeral de Política Lingüística aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidos e excluídos para cada un dos niveis e localidades, a través dunha resolución que se publicará na páxina web www.lingua.gal.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da antedita resolución na páxina web www.lingua.gal, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este prazo permitiralles ás persoas interesadas emendar os erros no caso de estaren incompletas as solicitudes ou de non achegaren a documentación acreditativa do pagamento das taxas dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En todo caso, as persoas que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral de Política Lingüística ao seguinte enderezo: sxpl.probascelga@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes exixido nesta convocatoria.

11.2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada un dos niveis e localidades, que se publicará na páxina web www.lingua.gal.

12. Publicación dos resultados das probas.

Os resultados provisionais das probas publicaranse na páxina web www.lingua.gal, no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.

Os resultados definitivos das probas publicaranse na páxina web www.lingua.gal, no prazo máximo de catro meses desde a súa realización.

13. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas.

13.1. No momento da realización das probas, as persoas aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente ou presidenta da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de tres días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaralla á Comisión Central de Avaliación, xunto cun informe sobre o seu contido. A Comisión Central de Avaliación resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións e, pola súa parte, á comisión sectorial correspondente.

13.2. Logo da publicación dos resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou ao enderezo de correo sxpl.probascelga@xunta.gal, poderán, no prazo de 10 días naturais, solicitar a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución que corresponda e comunicaralles ás persoas interesadas os criterios que determinaron a cualificación obtida.

13.3. Logo da publicación dos resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación, un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

14. Desenvolvemento das probas.

As persoas interesadas presentaranse 30 minutos antes da hora de entrada, no lugar e data de realización das probas, provistas do documento que acredite a súa personalidade (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

14.1. Probas para o Celga 1: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.

14.2. Probas para o Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos.

14.3. Probas para o Celga 3: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e media e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

14.4. Probas para o Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

As probas orais serán gravadas como garantía do proceso.

A proba oral correspondente a cada nivel Celga realizarase a continuación de que remate a proba escrita, sempre que o número de persoas presentadas así o faga posible. Neste caso, unha vez rematada a proba escrita, publicaranse os chamamentos para a proba oral e indicarase a hora aproximada para a súa realización.

No caso de que non sexa posible facer a proba oral no mesmo día que a proba escrita, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, por proposta da Comisión Central de Avaliación, publicará na páxina web http://www.lingua.gal o día e a hora aproximada para a súa realización.

Nesta convocatoria os chamamentos para as probas orais realizaranse por orde alfabética de apelidos (do A ao Z).

15. Probas de exames especiais.

Tal e como se establece na disposición adicional cuarta da Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2014), considéranse probas de exames especiais as destinadas a todas aquelas persoas candidatas ás cales non lles é posible realizar as probas para a obtención do diploma acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) nas condicións xerais estipuladas pola Administración. Todas as probas realizadas baixo condicións especiais serán cualificadas cos mesmos criterios de avaliación empregados para as demais persoas candidatas.

Se a persoa candidata supera o resto das probas de que conste o exame, no dorso do diploma acreditativo que se lle expida farase constar que quedou exenta de satisfacer algún dos obxectivos de avaliación do exame, segundo corresponda.

En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar ás posibles exencións.

16. Expedición e rexistro dos certificados.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.

Os certificados constarán nun rexistro oficial no cal figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, número de DNI, NIE ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

17. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

18. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

19. Recursos contra a resolución de convocatoria das probas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

20. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non se ditar resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

missing image file
missing image file