Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15984

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de marzo de 2017 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Mediante a Orde do 31 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 40, do 27 de febreiro de 2017), a Consellería do Mar convocou unhas axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Con posterioridade á elaboración desta orde, o Comité de Seguimento do FEMP, na súa reunión de xaneiro, acordou modificar os criterios de selección do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Estes novos criterios de selección son menos restritivos ao eliminarse a obriga de ter o domicilio fiscal en Galicia, reflectido no artigo 5 da Orde do 31 de decembro de 2016, e de permitir as compras parciais, no caso de axudas á primeira adquisición dun buque, reflectida no artigo 6 da citada orde. Procede facer unha modificación desta orde co fin de posibilitar que un maior número de pescadores poidan ser beneficiarios destas axudas e facilitar, en maior medida, o cumprimento do seu obxectivo de fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable baseada no coñecemento e competitiva.

Por outra banda, cómpre introducir uns puntos no artigo 17 para unha maior claridade e facilitar o cumprimento das bases.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017, tramitada como expediente anticipado de gasto. Esta orde regula os procedementos PE119A, para axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca e o procedemento PE119B para axudas destinadas á compensación dos efectos da paralización definitiva.

Un. O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

1. Estar enrolado nun buque con porto base en Galicia.

Dous. A letra a) do artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

a) Se a finalidade é para a primeira adquisición dun buque de pesca:

– Ter menos de 40 anos de idade no momento de presentar a solicitude de axuda.

– Estar de alta no réxime dos traballadores do mar.

– Ter traballado, cando menos, cinco anos como pescador ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir (segundo o establecido no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro).

– O buque que adquira ten que estar operativo e inscrito no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior a 24 m, entre 5 e 30 anos de antigüidade, estar equipado para a pesca mariña e pertencer a un segmento de frota que no informe de capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, a que se refire o artigo 22.2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose equilibrio coas posibilidades de pesca.

– A compra pódese realizarse na súa totalidade ou de forma parcial, neste caso, se o buque é adquirido por máis dun beneficiario, a totalidade das axudas concedidas para esta compra deben cumprir o punto 2 do artigo 9.

– A adquisición non poderá ter lugar na mesma familia ata o 2º grado de parentesco, inclusive.

– Os investimentos para os que se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados, antes da data de presentación da solicitude.

Tres. O punto 1 do artigo 17 queda redactado do seguinte xeito:

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

O prazo máximo para ditar a resolución da axuda será de tres meses desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As notificacións de resolución e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do dia seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta modificación implica a reapertura do prazo de presentación de solicitudes, regulado no artigo 13 da citada Orde do 31 de decembro de 2016. Polo tanto, o prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde de modificación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, iníciase a partir da dita data o cómputo do prazo para resolver, de acordo con esta orde.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar