Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2017 Páx. 18948

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables nas empresas de produción agrícola primaria.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar o coidado do medio natural e o aumento da competitividade da actividade de produción agrícola primaria en Galicia, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia enerxética de Galicia 2015-2020 e a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética e o fomento de enerxías renovables, en especial a biomasa, como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2017, ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 600.000 euros.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables nas empresas de produción agrícola primaria e convocar a todos aqueles interesados para solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para instalar equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución. Serán subvencionables as seguintes tecnoloxías: biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e minieólica (código de procedemento IN421l).

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) número 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 7ª do capítulo III como axudas ao investimento destinadas á promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.a) ou b) segundo o disposto no artigo 5 das bases reguladoras).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade, e rematará no prazo previsto no artigo 22.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por actuación, excluído o IVE.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización, e que se valorarán de xeito conxunto. Considéranse actuacións homoxéneas aquelas que integren varios equipamentos da mesma tecnoloxía renovable nunha mesma localización.

Considéranse actuacións non homoxéneas e, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos de distintas tecnoloxías.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para os exercicio 2017 e imputaranse á aplicación orzamentaria 09.A2.733A.770.9. Ascende o importe total asignado a esta convocatoria a 600.000 €.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fose o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 15 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria. Para os efectos desta resolución considerarase sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas as dúas incluídas.

Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no parágrafo anterior.

Pola contra, non poden ser centros consumidores de enerxía nin as persoas particulares (comunidades de propietarios) nin as empresas recollidas no número 4 deste artigo.

Contarase en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as dúas partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, e xuntarase unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberase presentar, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise, excepto cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais (artigo 1 do Regulamento (UE) número 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño).

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Con carácter xeral, serán custos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para fomentar a produción procedente de fontes renovables. Determinaranse do seguinte xeito:

a) Cando os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables se poida identificar nos custos totais do investimento como investimento separado, por exemplo, como compoñente engadido, facilmente identificable, a unha instalación xa existente, estes custos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables serán subvencionables.

b) Cando os custos do investimento na produción de enerxía procedente de fontes renovables se poidan identificar por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co medio natural, que se puidese realizar de forma crible sen a axuda, a diferenza entre os custos de ambos os dous investimentos determinará o custo relacionado coa enerxía procedente de fontes renovables e será o custo subvencionable.

Neste sentido, os equipamentos de xeración eléctrica de centros de traballo conectados á rede eléctrica consideraranse na situación a), así como as instalacións de solar térmica que dispoñan dun sistema de apoio para garantir a produción. Considerarase na situación b) o resto de instalacións subvencionables; así, para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede considerarase como investimento similar menos respectuoso co medio a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW; e no caso de instalacións de xeración térmica considerarase como investimento menos respectuoso a instalación dun equipamento eléctrico, quentador de GLP ou dunha caldeira de gasóleo cuxo custo se estima en 40 €/kW de potencia térmica nominal.

Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente. As instalacións de xeración eléctrica tamén deberán cumprir estes mesmos requisitos.

Para tal efecto, no caso de que fose necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE).

2. Nas seguintes epígrafes desenvólvense os distintos conceptos subvencionables.

a) Instalacións que utilicen biomasa como combustible.

Instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible. Serán subvencionables:

i. Custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes , extracción de cinzas).

ii. Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

iii. Custo do sistema de almacenamento do combustible.

iv. Custo do sistema de alimentación do combustible.

v. Custo de montaxe e conexionado.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

Potencia térmica nominal do equipamento xerador

Custo elixible máximo por potencia sen IVE

Ata 40 kW

325 €/kW cun máximo de 10.000 €

A partir de 40 kW

250 €/kW

O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

b) Instalacións de xeración e consumo de biogás.

As instalacións de equipamentos para a xeración de biogás e os equipamentos térmicos que utilicen o combustible xerado como combustible. Serán subvencionables:

i. O equipamento de pretratamento da materia prima a partir da cal se xerará o biogás.

ii. O dixestor, os sistemas de depuración e o tanque de almacenamento do biogás.

iii. O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes).

iv. Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

v. O custo do sistema de alimentación do combustible.

vi. O custo de montaxe e conexionado.

O investimento elixible máximo por potencia térmica unitaria do equipamento de combustión establécese en 400 €/kW (sen IVE). O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co medio natural.

c) Aerotermia e xeotermia.

No caso das bombas de calor, os proxectos limitaranse a instalacións para o quecemento dun fluído, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. No caso dos equipamentos que, segundo a normativa específica, deban dispor dunha cualificación enerxética, os equipamentos deberán contar cunha cualificación A ou superior, salvo no caso de equipamentos acumuladores, que será C ou superior.

Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, o que se verificará conforme a Norma UNE-EN 14825/2012, UNE-EN 12309 ou mediante o cumprimento dos requirimentos mínimos incluídos no documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, en función das características da instalación. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberase achegar a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP, segundo a zona climática e o tipo de instalación.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (bomba de calor).

ii. Custo de montaxe e conexionado.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema, salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

iv. No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

O investimento elixible máximo será de 1.500 €/kW para bombas de calor xeotérmicas, 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para as aire/aire, e a potencia será avaliada nas condicións indicadas ao comezo desta epígrafe, IVE non incluído. O custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

d) Solar térmica.

Considéranse nesta epígrafe as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC). Os equipamentos acumuladores deben dispor dunha cualificación enerxética clase C ou superior.

Serán subvencionables:

i. Equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares).

ii. Custo de montaxe e conexionado.

iii. Accesorios para o correcto funcionamento do sistema, salvo os equipamentos emisores que non formen parte do equipamento xerador e os elementos de distribución da calor fóra da sala de caldeiras.

O investimento elixible máximo por potencia térmica nominal unitaria do equipamento establécese en 1500 €/kW para instalación con paneis planos e 1.800 €/kW para instalación de tubos de baleiro, IVE non incluído. No caso de instalacións que non requiran outro sistema de xeración de apoio o custo elixible máximo reducirase en 40 €/kW de potencia nominal para ter en conta o investimento similar menos respectuoso co ambiente.

Para os efectos destas bases considerarase como potencia térmica nominal a correspondente a unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50 ºC.

e) Instalacións fotovoltaicas ou minieólicas.

Serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (para os efectos destas bases considérase minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario.

Serán subvencionables o custo do equipamento, a súa montaxe e a posta en marcha.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.500 €/kW para instalacións fotovoltaicas e de 2.500 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído. Para as instalacións de xeración eléctrica non conectadas á rede considerarase como investimento similar menos respectuoso co ambiente a instalación dun grupo electróxeno cuxo custo en euros se estima en 150 €/kW.

3. Os proxectos de aproveitamento de enerxías renovables deberán xustificar que o dimensionamento da potencia que se vai instalar é coherente coas necesidades enerxéticas da empresa. O dimensionamento da potencia debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 8.

a) No caso de instalacións térmicas débese xustificar a existencia de demanda enerxética e o tempo previsto de funcionamento anual.

b) No caso de instalacións eléctricas débese xustificar a produción eléctrica prevista e que ou ben a empresa ten demanda eléctrica base para a potencia que se vai instalar ou ben que é previsible que a rede teña capacidade para absorber a potencia de xeración no punto de interconexión (comparación da potencia que se vai instalar coa potencia contratada no centro de traballo).

A falta de xustificación da coherencia do dimensionamento da potencia que se vai instalar pode ser causa de inadmisión da solicitude.

4. Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha. Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociados ás actuacións subvencionadas de xeración de enerxía procedente de fontes renovables.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

e) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

f) O proxecto de enxeñaría nin a obra civil non asociada a instalación dos equipamentos.

g) As conducións de distribución interior do calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

h) As conducións de distribución eléctrica salvo cando estes sexan parte do circuíto de xeración renovable.

i) A rehabilitación da envolvente dos edificios.

j) As instalacións de iluminación e emerxencia.

k) Operacións de mantemento (simples, reposición...).

l) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

5. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Contía da axuda

A contía da axuda será do 50 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 50.000 euros por proxecto e de 100.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica, profesional ou dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Se algunha persoa interesada presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose presentada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 8. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica que se describe a continuación:

1. Documentación administrativa que deben achegar todos os solicitantes:

a) Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

b) Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda (modelo dispoñible na páxina web do Inega).

c) Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de cinco anos que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo.

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: título de propiedade (copia compulsada ou copia simple), certificado catastral, recibo de pagamento do IBI (emitido polo concello ou polo organismo encargado de xestionar o imposto), contrato de arrendamento ou cesión de uso, xunto co documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

d) Se non teñen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das empresas de servizos enerxéticos o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

e) Cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

f) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberán achegar ademais:

i. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

ii. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

2. Deberase achegar a seguinte documentación técnica:

a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible para a tecnoloxía para a cal se solicite axuda na web do Inega (www.inega.gal). O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

b) Documento denominado «Ficha de consumos», segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2016 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

c) Certificado do responsable da empresa da porcentaxe de custos que representou a enerxía en relación co conxunto de custos dos centros de traballo no último exercicio.

d) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos de potencia nominal e rendemento enerxético.

e) Xustificación da marcación CE do equipamento.

f) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento.

g) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Bosquexos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

h) Oferta técnica dun provedor que avale o orzamento indicado na solicitude.

3. Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegar o seguinte:

a) Para as instalacións fotovoltaicas e minieólicas copia da última factura de compra de electricidade do centro de traballo en que está previsto a execución da instalación.

b) Para a instalación de bombas de calor, certificado do coeficiente de rendemento (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE- EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.), para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para acreditar este coeficiente, deberase xuntar a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. No caso de Eurovent e da EPHA admitirase a impresión da páxina web en que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipamento ou do ensaiado na serie técnica, sempre que se xunte unha captura do enlace en que se pode contrastar a información. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

c) Para instalar de bombas de calor, cálculo do valor do SPF (prestacións medias estacionais), segundo Norma UNE-EN 14825:2012, UNE-EN 12309 ou documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor» elaborado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través do IDAE.

d) No caso dos equipamentos que deban dispor dunha cualificación enerxética deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

e) Para instalacións solares térmicas, resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se fose o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

f) Nos casos en que proceda, certificado de que a empresa solicitante ten implantado un Sistema de xestión enerxética segundo a Norma UNE-EN ISO 50001:2011 no centro de traballo en que se proxecta a instalación.

4. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoas interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda autonómica.

b) DNI ou NIE do solicitante cando o solicitante sexa unha persoa física.

c) Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a persoa solicitante sexa unha empresa ou autónomo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 11. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 12. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para instruír o procedemento administrativo de concesión das subvencións e correspóndelle ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven de dito procedemento.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizarase a través de medios electrónicos, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorran 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda efectuarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal). Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propor a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A xerente do Inega.

b) O xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a Comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 10 puntos por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.

4. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderanse asignar por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

2. Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios, en función da tipoloxía de proxecto:

a) Incidencia do custo da enerxía na competitividade do centro de traballo: 20 %.

Valórase a razón de 2 puntos por cada 1 % que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais do último exercicio de que se teña información, ata un máximo de 20 puntos.

b) Ratio produción enerxética renovable anual entre investimento elixible: 40 %.

Outórgase a puntuación máxima de 40 puntos a aqueles proxectos que obteñan valores de 4 kWh de produción renovable anual ou superiores por cada euro de investimento elixible. Os que presenten un rateo inferior puntuaranse proporcionalmente.

Para os efectos de valoración deste criterio, considerarase o seguinte número de horas equivalentes de produción para cada tecnoloxía, referidos á potencia nominal da instalación.

Tecnoloxía renovable

Horas equivalentes anuais

Fotovoltaica

1.200

Minieólica

2.000

Solar térmica

1.200

Xeotermia

1.500

Aerotermia

1.000

Biogás

1.000

Biomasa

1.000

No caso das instalacións de aerotermia considerarase un rendemento estacional medio de 2,5 e no caso das instalacións xeotérmicas de 4, polo que para as primeiras considerarase renovable o 60 % da produción térmica e para as xeotérmicas o 75 %.

c) Localización xeográfica: 30 %.

Valorarase a localización xeográfica en función do número de habitantes a nivel municipal, e daráselle maior puntuación aos proxectos nos concellos con menos poboación. A puntuación correspondente a cada solicitude en función da localización do proxecto será a indicada na seguinte táboa.

Nº de habitantes (H)

Puntuación

H ≤ 10.000 habitantes

30

10.000 < H ≤ 25.000 habitantes

20

25.000 < H ≤ 40.000 habitantes

10

H > 40.000 habitantes

5

Para a avaliación deste criterio utilizarase o último padrón municipal de habitantes publicado polo Instituto Galego de Estatística.

d) Sistemas de verificación da produción renovable acadada pola instalación: 10 %.

Outorgaráselles a puntuación de 5 puntos a aqueles proxectos que instalen sistemas de medición do consumo asociados á actuación subvencionada.

Outorgaranse 5 puntos adicionais naqueles proxectos en que no centro de traballo en que se realiza a actuación estea implantado un sistema de xestión enerxética certificado segundo a Norma UNE-EN ISO 50001.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 14.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Coa publicación no DOG poderán ser remitidos os beneficiarios para que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas, desde a páxina web do Inega (www.inega.gal).

Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas individuais concedidas ao abeiro de esta convocatoria incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes, Regulamento (UE) número 651/2014 da Comisión, o seu título e a data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberanse cumprir os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar, por medios electrónicos a través da aplicación informática, a modificación do proxecto ou actividade subvencionada mediante instancia dirixida ao director do Inega, como mínimo vinte (20) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento. Xunto coa solicitude a entidade deberá presentar:

a) Memoria xustificativa, na cal ademais se faga constar que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actuación deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución de concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, e comunicará este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así coma cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría».

Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e durante un período de tres anos.

g) O beneficiario da axuda deberalle dar publicidade ao financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia , e a información relativa ao financiamento nos materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais e mencións realizadas nos medios de comunicación. Ademais, deberá colocar nun lugar ben visible para o público, por exemplo á entrada do edificio, un cartel perdurable, de tamaño mínimo A4, segundo o modelo dipoñible na web do Inega.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

I) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título da citada lei.

Artigo 21. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2017.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos : Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario presentará toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

i. Os provedores non poderán estar vinculados co solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2. Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

ii. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

3. No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

4. Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos da data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

5. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 22.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica), o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que se debe achegar é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e deberá o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

c) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial, que o proxecto se axusta á normativa vixente e que se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta letra.

De existiren modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

d) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

f) Certificado do instalador en que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naqueles proxectos de xeración eléctrica de potencia superior aos 10 kW achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

g) Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se fose necesario.

h) No caso de instalacións de xeración eléctrica, comunicación fidedigna realizada polo titular á compañía distribuidora de solicitude de punto de conexión para a instalación en cuestión (non é necesario se a instalación é illada da rede).

i) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.

j) Nos proxectos de enerxía xeotérmica o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, o beneficiario deberá xustificar a obtención desta ou, no caso de que aínda non se recibise a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

Artigo 25. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presente, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderase reducir proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Concesión de subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal.

A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, que é o órgano responsable da administración e custodia da Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do afectado.

Artigo 27. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática –accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal)– o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 28. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderase apreciar un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 29. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 32. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 33. Remisión normativa

1. Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, as seguintes:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file