Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2017 Páx. 21569

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de abril de 2017 pola que se modifica o prazo de presentación das solicitudes previsto na Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

A Orde do 29 de marzo de 2017 pola que se convocan para o ano 2017 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, establece no artigo 4 que o prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de abril e rematará o 2 de maio, ambos incluídos.

E ante a petición de diferentes colectivos da necesidade de prolongar o dito prazo ao coincidir este cunhas datas de moita actividade nos labores agrícolas que ocupan os titulares das explotacións agrarias, feito que pode impedir que os solicitantes destas axudas poidan tramitar correctamente as oportunas solicitudes, polo que cómpre ampliar o dito prazo de solicitudes ata o 15 de maio, inclusive.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de solicitude da axuda

Amplíase o prazo de presentación das solicitudes ata o día 15 de maio, incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural