Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 3 de maio de 2017 Páx. 21706

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2017 pola que se modifica a Resolución do 7 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR858A).

O 20 de marzo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 7 de marzo de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede a súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR858A).

O artigo 9.1 do anexo I destas bases reguladoras establece a documentación complementaria que se presentará coa solicitude, entre a que se encontra a certificación actualizada ao ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil. Esta inscrición é obrigatoria para as persoas xurídicas e potestativa para os empresarios individuais, polo que este certificado se considera como de necesaria presentación unicamente para as persoas obrigadas á inscrición. Cabe, polo tanto, modificar as bases para que só as persoas xurídicas deban presentar o certificado de inscrición no Rexistro Mercantil.

O artigo 7.2 do anexo I destas bases reguladoras dispón que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo vence o 20 de abril de 2017.

As bases reguladoras establecen por primeira vez para este procedemento a obriga da presentación telemática no caso de persoas xurídicas. Tendo en conta que é necesario un proceso de adaptación ás novas tecnoloxías, faise preciso ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido nas bases.

En cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego e en uso das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único

Modificación da Resolución do 7 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR858A).

A Resolución do 7 de marzo de 2017 queda modificada como segue:

Un. O artigo 9.1.b) das bases queda redactado como segue:

«Certificación actualizada ao ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil, só para persoas xurídicas.»

Dous. O artigo 7.2 da convocatoria queda redactado como segue:

«O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 15 de maio de 2017.»

Tres. Contra esta resolución poderá interpoñerse con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alternativamente, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios