Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 3 de maio de 2017 Páx. 21708

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 12 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

A responsabilidade social empresarial (RSE) implica no plan de negocio de empresa a conciencia de velar pola satisfacción e o cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese con que interactúa e é un concepto que está de plena actualidade e desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial.

Por outro banda, a cidadanía demanda, cada vez máis, información sobre o comportamento das empresas, polo que cada vez é máis decisiva a incorporación da dimensión social e ambiental na xestión das empresas polo que repercute na súa reputación.

É por isto, que a través do programa de axudas e incentivos recollido nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria fomenta a RSE, e tamén, como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, para cumprir o establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O establecemento deste programa de axudas vén ademais cumprir co establecido na Axenda 20 para o emprego da Xunta de Galicia, que ten entre os seus retos acadar un emprego de calidade, para o cal a cultura empresarial da RSE xoga un papel fundamental.

Así mesmo, determinadas liñas de axuda desta orde están cofinanciadas con FSE14-20, en concreto, baixo o seu eixe temático 8, destinado a promover a sustentabilidade e a calidade no emprego, na súa prioridade de investimento 8.4, dedicada a promover a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión da carreira profesional, a corresponsabilidade, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de RSE e o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e do fomento da adopción de medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, para o ano 2017, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídas persoas traballadoras autónomas, para implantar sistemas de xestión de RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Período

Poderán ser subvencionables as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2017 para as cales se concede a axuda ou incentivo e ata a data do remate do prazo de xustificación das actividades, establecido no artigo 31.

Artigo 3. Liñas e obxecto das axudas

Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I. Implantación da RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención de certificacións ou de informes de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial, que poderán ser as que de seguido se relacionan ou equivalentes: Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral), Empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación); SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade).

Liña II. Implantación de plans de igualdade (TR357C). Subvencionarase a obtención de certificacións de plans de igualdade expedidos polo Servizo de Igualdade (anteriormente denominada Unidade Administrativa de Igualdade) da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña III.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Subliña III. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Subliña III.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Artigo 4. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas da liña I realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A 474.1, código de proxecto 2016 00300, por un importe total de 159.880 €.

2. No caso da liña II, a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, código de proxecto 2016 00299, por un importe total de 100.000 €.

3. No caso da liña III, subliña 1, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, por un importe total de 266.611 €.

4. No caso da liña III, subliña 2, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 266.611 €.

5. No caso da liña III, subliña 3, a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.771.0, con código de proxecto 2016 298, por un importe total de 24.259 €.

6. Se, unha vez atendidas as solicitudes presentadas na liña II e nas subliñas 1 e 2 da liña III, quedase remanente nalgún deles, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dun destes programas co crédito sobrante do outro.

7. A liña II e subliñas 1 e 2 da liña III están cofinanciados nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do programa operativo do FSE de Galicia 2014-2020, número CCI 2014ES05SFOP009, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 8 de decembro de 2015 e, en particular, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «a igualdade entre homes e mulleres en todas as áreas, incluído o acceso ao emprego e á carreira profesional e a conciliación da vida laboral e a privada, así como a promoción do salario igualitario pola realización do mesmo traballo»; obxectivo específico 8.4.2 «(Re) integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral». Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión. Aos programas destas subliñas seralles de aplicación o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Social Europeo (FSE) e, en todo caso, respectaranse as condicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, así como a normativa estatal de subvencionalidade dos gastos do período 2014-2020 (Orde ESS/1924/2016, de 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período do programación 2014-2020).

8. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III

1. As empresas solicitantes da liña I (RSE) poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que for a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentaren a solicitude de axuda.

2. As empresas solicitantes da liña II (igualdade) e III (conciliación) poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas con traballadores/as por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que for a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentaren a solicitude de axudas e deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia, que deberán ter contratado nesta Comunidade Autónoma un mínimo de 10 persoas.

3. As solicitantes deben atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

4. Para os efectos destas axudas, terán a consideración de pemes as empresas que reúnan as seguintes condicións:

a) Que conten con persoas traballadoras por conta allea, cun máximo de 250 persoas. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea no momento da presentación da solicitude.

b) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

5. Deberán cumprir os requisitos xerais exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

6. No caso de empresas relacionadas en que dúas ou máis empresas teñan unha mesma persoa nos seus órganos directivos e, ademais, teñan o mesmo obxecto social, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa e soamente se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

Así mesmo, non se outorgarán axudas a empresas relacionadas que xa tivesen sido beneficiarias en anos anteriores.

7. Na liña II (igualdade), non se concederán axudas ás empresas que foron beneficiarias nesta medida, en convocatorias anteriores, desta orde.

8. Na liña III (conciliación), non se concederán axudas ás empresas que foron beneficiarias pola cantidade máxima subvencionable, na convocatoria do ano 2016.

9. Non serán beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as entidades públicas.

CAPÍTULO II
Liña I. Implantación da RSE (TR357B)

Artigo 6. Contía da axuda

Será o pagamento do 100 % dos custos que leve consigo o proceso de certificación ou verificación cun máximo de 2.500 € por empresa.

Artigo 7. Documentación da liña I

1. As solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo I desta orde, debidamente cuberto e asinado.

b) Copia da escritura de constitución da empresa solicitante, que acredite o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

c) Balance e conta de resultados da empresa solicitante do exercicio 2016.

d) Memoria explicativa das actuacións que a empresa vaia realizar para a obtención da certificación ou informe de verificación ou validación en RSE.

e) Memoria económica desagregada por conceptos ata a obtención da certificación, ou informe de verificación ou validación. Os conceptos de gasto en ningún caso deberán superar os prezos de mercado existentes no ano 2017.

2. Comprobación de datos. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal.

b) Tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da empresa solicitante.

c) Certificados de débedas expedidos para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

3. No caso de que as interesadas se opoñan ás consultas anteditas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo e achegar os documentos.

CAPÍTULO III
Liña II. Implantación de plans de igualdade (TR357C)

Artigo 8. Contía da axuda

Será o pagamento de 2.000 € por empresa que achegue a certificación da implantación do Plan de Igualdade.

O método de xustificación empregado será o de custos simplificados (importe a tanto global), consonte o disposto no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 9. Documentación da liña II

1. As solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II desta orde debidamente cuberto e asinado.

b) Copia da escritura de constitución da empresa solicitante, que acredite o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

c) Balance e conta de resultados da empresa solicitante do exercicio 2016.

d) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude.

e) Memoria explicativa das actuacións que a empresa vaia realizar para a obtención da certificación de igualdade do Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Comprobación de datos. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal.

b) Tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da empresa solicitante.

c) Certificados de débedas expedidos para a obtención de subvencións, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

3. No caso de que as interesadas se opoñan ás consultas anteditas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo e achegar os documentos.

CAPÍTULO IV
Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D)

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento de teletraballo

Artigo 10. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que, ademais de cumpriren cos requisitos do artigo 5, non pertenzan aos sectores TIC da economía e que:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a un ano, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen co/coa traballador/a afectado/a un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a un ano.

Artigo 11. Requisitos do acordo de teletraballo

1. O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo», e o paso ao teletraballo non modificará o estatuto laboral da persoa traballadora.

2. O acordo de teletraballo debe indicar:

2.1. Que a súa finalidade é a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

2.2. Establecer a comparativa das condicións laborais do posto ou postos de teletraballo coas condicións das persoas que presten o seu traballo nas instalacións da empresa.

2.3. Fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50 % da xornada semanal ordinaria.

2.4. O lugar onde se vai a traballar na modalidade de teletraballo, a accesibilidade do traballador ou traballadora a requirimento da empresa, as vacacións e retribucións, os métodos de traballo polos cales fixará o sistema formalizado de traballo: quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma e os tipos de comunicación.

2.5. Establecer os custos variables, tales como electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipamento, ou seguros derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación.

2.6. Que a propiedade do equipamento de traballo e o seu mantemento corresponden á empresa, os aspectos relativos ás cláusulas de confidencialidade e aqueles outros necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

2.7. Establecer o sistema de prevención de riscos laborais, debendo a empresa facilitar ás persoas teletraballadoras e a quen exerza a súa representación legal e, no caso de non existiren estes, á totalidade dos traballadores e traballadoras do cadro de persoal da empresa información acerca das condicións de seguridade e saúde laboral en que deba prestarse o teletraballo.

Artigo 12. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que tiña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

Artigo 13. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias, as empresas que, ademais de cumprir cos requisitos do artigo 5, establezan en convenio colectivo de empresa, ou mediante acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria, tales como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, traballo a tempo parcial, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a un ano. No caso de persoas traballadoras autónomas, deberán acordalo con todo o persoal traballador por conta allea.

Artigo 14. Requisitos do acordo de flexibilidade horaria

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar, tales como días, horas e supostos en que se aplicará, segundo o número de persoas asinantes, de forma que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante, cando menos, un ano.

Artigo 15. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos
que posibiliten o teletraballo

Artigo 16. Empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos do artigo 5 e que non pertenzan a sectores TIC da economía.

Artigo 17. Actividades subvencionables

1. Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos tales como ordenador persoal, medios materiais para o acceso á internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se van desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

2. Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado. Así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión (IVE) de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 18. Contía das axudas

1. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, e por unha soa vez, co tope de 1.500 euros por persoas traballadoras beneficiadas e co límite máximo de 5.000 euros por empresa.

2. A intensidade da axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

CAPÍTULO V
Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D)

Artigo 19. Documentación liña III, subliñas 1, 2 e 3

A) Documentación xenérica:

1. As solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III desta orde, debidamente cuberto e asinado.

b) Copia da escritura de constitución da empresa solicitante, que acredite o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

c) Balance e conta de resultados da empresa solicitante do exercicio 2016.

d) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Documentación xustificativa dos criterios de avaliación relacionados no artigo 27.1.e) e que non quedaran acreditados coa documentación que se indica neste artigo.

2. Comprobación de datos. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante legal.

b) Tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da empresa solicitante.

c) Certificados de débedas expedidos para a obtención de subvencións pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

3. No caso de que as interesadas se opoñan ás consultas anteditas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo e achegar os documentos.

B) Documentación específica. Liña III. Subliñas 1, 2 e 3:

a) Memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer teletraballo, flexibilidade horaria, e/ou investimentos tecnolóxicos que se realizarán, así como o número de persoas traballadoras da empresa a que vaia beneficiar a dita actuación.

b) No caso da subliña 3, memoria económica desagregada por conceptos para a compra dos elementos tecnolóxicos necesarios para o teletraballo. Os orzamentos presentados coa solicitude en ningún caso deberán superar os prezos de mercado existentes no ano 2017.

CAPÍTULO VI
Competencia e procedemento

Artigo 20. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Solicitudes

1. As solicitudes das distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha delas e, de ser o caso, por cada unha das liñas e subliñas.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta as súas solicitudes presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No caso das persoas traballadoras autonómas, que exercen unha actividade económica, considérase que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración.

Por tanto, no caso de solicitantes que sexan persoas físicas (persoas traballadoras autonómas), e conforme o artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as solicitudes tamén se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos.

3. A documentación complementaria tamén deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 22. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1 d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial e no DOG a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: lopd.industria@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a: dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 25. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. A Secretaría Xeral de Emprego, unha vez recibida a documentación de solicitude, poderá pedir informe ao Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria para os efectos de determinar se as actividades que se van realizar poden ser subvencionadas, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

4. O procedemento de concesión dos incentivos e subvencións recollidos nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes, pasarán, para o seu exame, á Comisión de Avaliación que informará o órgano instrutor, quen elevará a proposta á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, quen por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. A Comisión de Avaliación estará formada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, un/unha xefe/a de sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario/a. Poderá solicitarse o asesoramento do Servizo de Igualdade.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

4. A Comisión de Avaliación, de xeito motivado, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 27. Criterios de avaliación

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas, dentro de cada liña e de cada subliña, de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

a) Segundo o tipo de empresas:

• Microempresas e autónomos: 4 puntos.

• Pequenas empresas: 2 puntos.

• Medianas empresas: 0 puntos.

b) Segundo a taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos): entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade: menos do 20 %, 0 puntos; do 20 % ata o 30 %, 1 punto; do 30 % ata o 50 %, 2 puntos; do 50 % ata o 80 %, 3 puntos; 80 % ou máis, 4 puntos.

c) Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade, incluíndo o persoal de alta dirección (de 0 a 2 puntos): ata un 40 %/60 %, 0 puntos; un 40 %/60 %, 1 punto; 50 % de ambos os sexos, 2 puntos.

d) Incidencia no contorno xeográfico en que se desenvolva a actuación: 2 puntos no caso de que a entidade teña o seu domicilio social nun concello rural. Enténdese como concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

e) Só para o caso da liña III:

– Pola porcentaxe de persoas traballadoras propostas para teletraballo, ou que se acollan á flexibilidade horaria, sempre que esta sexa como mínimo o 10 % do total do cadro de persoal. A puntuación mínima é 5 puntos.

Por cada incremento do 10 % do persoal afectado polas actuacións incrementarase a puntuación en 5 puntos.

– Polo período de tempo polo cal se establecen os acordos de teletraballo ou flexibilidade horaria, en cómputo anual e superior ao mínimo dun ano: 2 puntos por ano.

2. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados. No caso de persistir o empate, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 28. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución, que se notificará ás empresas solicitantes.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder 5 meses. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse con carácter potestativo recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As empresas comunicarán a resolución de concesión destas axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras, ou ao cadro total de persoal, se non houber esa representación, indicando a actividade subvencionada e a contía concedida.

5. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias dos incentivos o importe destes e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que no seu punto 4.b) establece que a dita autoridade deberá garantir que as beneficiarias das operacións manteñen o dito sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado para todas as transaccións relacionadas cunha operación.

7. Por estaren as axudas da liña II e as subliñas 1 e 2 da liña III cofinanciados polo FSE, na súa resolución de concesión, informarase a empresa beneficiaria de que a axuda está cofinanciada polo P.O. FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Así mesmo, a resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións de axuda (DECA).

Artigo 29. Práctica das notificacións

1. As notificacións practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Esta notificación por medios electrónicos entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

3. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o Servizo de Relacións Laborais e de Seguridade e Saúde Laboral practicaraa polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade e logo de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como incentivo ou subvención.

3. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. No caso das axudas correspondentes á liña II, o método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no artigo 67.1 c) e 67.5 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Artigo 31. Prazo de xustificación

O prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2017, agás que na resolución de concesión se estableza, motivadamente, unha data posterior.

Artigo 32. Documentación acreditativa

O pagamento das subvencións e dos incentivos quedará condicionado á presentación da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

1. Documentación xenérica:

a) Documento acreditativo de que a empresa comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a resolución administrativa de concesión dos incentivos e axudas solicitadas. No suposto de que non haxa representantes legais a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida, as persoas destinatarias deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

b) Xustificantes de cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) correspondente ao mes anterior á finalización do prazo de xustificación.

c) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data da xustificación nas axudas das liñas II e III.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas e/ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo IV desta orde.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobados ou concedidas como das pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

2. Documentación específica:

a) Para a liña I, RSE:

1º. Certificación ou informe de verificación ou validación emitidos por entidade certificadora acreditada polo estándar ou norma implantado. O documento deberá ser orixinal ou fotocopia cotexada.

2º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias cotexadas.

b) Para a liña II, plans de igualdade:

1º. Certificación tramitada polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O documento deberá ser orixinal ou fotocopia cotexada.

2º. Diario oficial de publicación ou número de rexistro no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos) polo que se acredite o rexistro e depósito do acordo da empresa que aprobe o plan de igualdade, de acordo co seguinte:

No caso de que a empresa careza de convenio colectivo propio e se lle aplique un convenio colectivo sectorial que non teña recollido un plan de igualdade: acordo de empresa coa representación legal das persoas traballadoras ou, no caso de que non haxa a dita representación, con todas as persoas traballadoras da empresa.

No caso de que a empresa teña convenio colectivo propio que non contemple plan de igualdade, acordo da comisión negociadora do propio convenio.

3º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas e incentivos cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas nas que se contabilizaron os gastos imputados, con indicación de que son cofinanciados polo FSE, as datas, os importes e os números dos asentos contables. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

4º. Consignación dos datos na aplicación informática Participa1420, co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, e dos indicadores específicos establecidos de conformidade co artigo 27.4 e 96.2.b), incisos ii) e iv), do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os datos relativos aos indicadores de execución e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria, no modelo que figura na páxina web cuxo acceso se lles comunicará coa resolución de concesión.

c) Para a liña III:

c.1) No caso de teletraballo:

– Copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social e do contrato correspondente onde figuren as cláusulas específicas da súa inclusión como persoa teletraballadora, segundo o artigo 13 do Estatuto dos traballadores, xa se trate dun contrato ex novo, ou se trate dunha modificación do contrato de traballo dunha persoa xa vinculada á empresa.

– Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo, tales como, de existiren, os partes diarios elaborados polo teletraballador/a onde quede constancia das actividades desenvolvidas, así como informes que o teletraballador/a envía ao seu departamento, coas tarefas desempeñadas e os obxectivos acadados cada día que desempeña a súa actividade desde o seu domicilio.

c.2 ) No caso de flexibilidade horaria:

– Diario oficial de publicación ou número de rexistro no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos) de inscrición do acordo da empresa sobre flexibilidade. No caso de que a empresa careza de convenio colectivo propio e se lle aplique un convenio colectivo sectorial que non prevexa un sistema de flexibilidade: acordo de empresa coa representación legal das persoas traballadoras ou, no caso de que non haxa a dita representación, con todas as persoas traballadoras da empresa.

No caso de que a empresa teña convenio colectivo propio que non prevexa sistema de flexibilidade, acordo da comisión negociadora do propio convenio.

– Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas, tales como, de existiren, os partes diarios elaborados polo traballador/a onde quede constancia das actividades e horas desenvolvidas durante o día, así como os informes coas tarefas e horas desempeñadas e os obxectivos acadados cada día que desempeña a súa actividade.

– Memoria onde se reflicta o grao de cumprimento das medidas incentivadas, así como o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante, cando menos, un ano.

Para ambos os supostos:

1º. Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren incentivos cofinanciados polo FSE. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada do ingreso dos incentivos con indicación de que o dito ingreso procede do Fondo Social Europeo.

2º. Consignación dos datos na aplicación informática Participa1420, co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, e dos indicadores específicos establecidos de conformidade co artigo 27.4 e 96.2.b), incisos ii e iv do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os datos relativos aos indicadores de execución e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria, no modelo que figura na páxina web cuxo acceso se lles comunicará coa resolución de concesión.

d) Para a liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Subliña III. Subvención para a adquisición de elementos tecnolóxicos para teletraballo:

1º. Facturas dos gastos para os cales se concede a axuda, acompañados dos xustificantes bancarios acreditativos do pagamento.

2º. Copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social e do contrato correspondente onde figuren as cláusulas específicas da súa inclusión como persoa teletraballadora, segundo o artigo 13 do Estatuto dos traballadores.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención teña presentado a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral de Emprego, na comprobación da subvención, aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

4. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VII
Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 33. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As subvencións da liña I e da subliña 3 da liña III son compatibles coas axudas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de incentivos previstos nesta.

3. A subvención da liña II e os incentivos das subliñas 1 e 2 da liña III recollidos nesta orde son incompatibles con outras axudas concedidas por outros entes públicos ou privados para a mesma finalidade.

4. Os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios poderán acollerse a axudas procedentes doutro instrumento financeiro comunitario sempre que non exista solapamento a nivel de gasto.

Artigo 34. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias as que se detallan no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como, dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos. En especial, e dado que os incentivos e as subvencións concedidas ao abeiro da liña II e das subliñas 1 e 2 da liña III desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán a conservación dos ditos documentos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será comunicada aos beneficiarios. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, persoal técnico ou funcionario da dita consellería; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, incluídas as visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. No caso das axudas concedidas ao abeiro da liña II e subliñas 1 e 2 da liña III, cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio do fondo a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

7. No caso das axudas concedidas ao abeiro da liña II e das subliñas 1 e 2 da liña III, realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE e dos indicadores específicos establecidos no artigo 27.4 e 96.2.b), incisos ii e iv do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Neste sentido, na súa cobertura deberase respectar o principio de integridade dos datos:

a) Os indicadores de execución relativos unicamente ás persoas participantes, por cada entidade solicitante, deberanse referir á data inmediatamente anterior ao inicio do período da acción subvencionada, plan de igualdade, flexibilidade ou teletraballo.

b) Os indicadores de resultado inmediato, relativos ás ditas persoas participantes, deberanse cubrir de xeito previo á xustificación e, en todo caso, nas catro semanas seguintes á finalización da acción que corresponda, consonte os modelos de follas de seguimento relacionadas para cada liña no artigo 32 desta convocatoria.

c) Os indicadores de resultado a longo prazo, tamén relativos ás persoas participantes, deberanse cubrir transcorridos seis meses desde que finalice a actividade.

Artigo 35. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destes incentivos e axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Perda do dereito ao cobramento

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial das axudas no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 37. Reintegro

1. No caso de que a beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a cal se concedeu o incentivo ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedirían dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 34.3 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade do incentivo ou da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

h) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 34.4 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

i) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 34.6 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

j) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 38. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 39. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións e dos incentivos concedidos para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 40. Axudas baixo condicións de minimis

1. As axudas establecidas nesta orde están sometidas ao réxime de axudas de minimis; polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta nos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file