Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2017 Páx. 22291

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de maio de 2017, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

A tramitación electrónica, que xa non pode ser considerada unha forma especial de xestión dos procedementos, con carácter xeral é optativa para as persoas físicas, que poderán elixir en todo momento se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola contra, están obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos, para a realización de calquera trámite dun procedemento: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 36 que o rexistro electrónico permitirá a recepción de solicitudes, escritos e comunicacións normalizados –entendéndose como tales aqueles habilitados para eses efectos, de conformidade co establecido no artigo 21 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro–, así como a recepción de calquera solicitude, escrito ou comunicación dirixidos a calquera órgano ou entidade dos incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que a persoa interesada presente todos os datos necesarios para a anotación do asento e necesariamente se empreguen os formatos de arquivos electrónicos que defina a consellería competente en materia de administracións públicas para estes fins.

Deste xeito, este servizo permitirá a presentación daquelas solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, facilitando a realización de calquera trámite administrativo de forma electrónica nos casos de suxeitos obrigados a relacionarse por medios electrónicos coas administracións públicas, e tamén para os casos daquelas persoas físicas que non estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración e que opten por empregar esta vía.

De acordo co establecido no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando a Administración nun procedemento concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio polas persoas interesadas. Polo tanto, esa obrigatoriedade impide neses casos facer uso do servizo regulado na presente orde.

Con esta orde, pois, a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia amplía a oferta de servizos electrónicos, na procura de incrementar a eficacia e eficiencia da actuación administrativa, facilitar as relacións electrónicas coas persoas administradas, mellorar a xestión, simplificar os procedementos e adecuar a organización ás prescricións normativas en vigor.

O Decreto 233/2012, do 5 de decembro, polo que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, establece que corresponde á Vicepresidencia da Xunta de Galicia a competencia, entre outras, de coordinar a planificación interdepartamental e a súa execución.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, na súa virtude, esta consellería é competente, entre outras, na execución das competencias en materia de racionalización e simplificación de procedementos administrativos.

A disposición adicional primeira do Decreto 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, establece que corresponden á persoa titular de la Consellería de Facenda as funcións que os artigos 3 e 4, así como a disposición derradeira segunda do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, atribúen á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Polo tanto, no exercicio das atribucións conferidas segundo os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico establecido na normativa reguladora de cada procedemento nin cun modelo electrónico normalizado.

Este servizo habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurará na guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 co código PR004A.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O servizo regulado nesta orde estará dispoñible para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico establecido na normativa reguladora de cada procedemento nin cun modelo electrónico normalizado, dirixidos a calquera órgano, servizo ou unidade da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 3. Uso do servizo

1. Poderán facer uso deste servizo os suxeitos obrigados a relacionarse por medios electrónicos coas administracións públicas, de acordo co artigo 14 da Lei 39/2015, así como as persoas físicas que non estando obrigadas a relacionarse electronicamente, elixan empregar esta vía.

2. No caso de que algunha persoa interesada utilice o servizo para outros usos distintos dos descritos no parágrafo anterior, o órgano competente destinatario poderá requirila para que emende a presentación realizada a través do modelo electrónico normalizado ou do sistema electrónico específico.

3. As persoas interesadas deberán achegar todos os datos recollidos no anexo que se xunta a esta orde para a remisión electrónica de solicitudes, escritos ou comunicacións e, en particular, deberán identificar axeitadamente o órgano, servizo ou unidade da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia a que dirixen a documentación.

Artigo 4. Acceso ao servizo polas persoas interesadas

Para o acceso ao servizo deberá empregarse algún dos medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das solicitudes, escritos e comunicacións, as entidades ou órganos competentes destinatarios consultarán automaticamente os datos incluídos no DNI, NIE ou NIF das persoas interesadas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, ou a lei especial aplicable requira consentimento expreso, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar o documento.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención do citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 6. Notificacións

1. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán elixir, en todo caso, a notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento una opción diferente.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos son informativos e non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta solicitude, escrito ou comunicación, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante o uso do servizo, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. Os órganos responsables destes ficheiros serán a Secretaría Xeral da Presidencia e as secretarías xerais técnicas das respectivas consellerías competentes por razón da materia de que se trate, así como os órganos ou entidades instrumentais destinatarios que, segundo a normativa reguladora en materia de protección de datos, dispoñan dun ficheiro equivalente específico, ante as cales poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante o envío dunha comunicación.

Disposición adicional segunda. Actualización do anexo normalizado de acceso ao servizo

O anexo normalizado de acceso ao servizo poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste anexo adaptado ou actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará accesible para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

missing image file
missing image file