Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2017 Páx. 22979

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 46/2017, do 20 de abril, polo que se regula a inscrición e o funcionamento do Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria.

A Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das antigas consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Asuntos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan normas para a súa inscrición na Comunidade Autónoma de Galicia, regulou o rexistro dos praguicidas de usos fitosanitario, gandeiro, da industria agroalimentaria e ambientais, tendo como base xurídica o Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, polo que se aproba a Regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas e a Orde do Ministerio de Relacións coas Cortes e da Secretaría do Goberno do 24 de febreiro de 1993 pola que se normaliza a inscrición e o funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas.

Coa publicación da Directiva 98/8/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de febreiro, relativa á comercialización de biocidas, estableceuse unha división dos praguicidas existentes en dous grupos, os de uso fitosanitario e os biocidas. En consecuencia, publicouse a nivel autonómico a Orde do 26 de maio de 2008, da Consellería de Sanidade, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, e o Decreto 100/2012, do 16 de marzo, polo que se regula o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o réxime sancionador en materia de produtos fitosanitarios, para regular por unha banda o rexistro de biocidas e por outra o dos produtos fitosanitarios.

O Decreto 100/2012, do 16 de marzo, dividía o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios en dúas seccións, a de establecementos e a de servizos.

Coa publicación da Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para conseguir un uso sustentable dos praguicidas, trasposta ao ordenamento xurídico estatal mediante o Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios, estableceuse, entre outras disposicións, a adecuación e mellora do rexistro de establecementos e servizos de produtos fitosanitarios.

O Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, no seu artigo 42 crea o Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria, no que se integrará o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, creado pola Regulamentación técnico-sanitaria. Este rexistro establece as seccións de tratamentos fitosanitarios, en que se rexistran todas as empresas que inclúan entre as súas actividades a aplicación de produtos fitosanitarios (tanto en medios terrestres como aéreos, ou en almacéns ou outros locais); a sección de asesoramento, na cal se rexistran todas aquelas persoas usuarias que o soliciten e que dispoñan da titulación habilitante para poder actuar como persoa asesora en xestión integrada de pragas; a sección do sector de uso profesional, na cal se encadrarían as persoas usuarias profesionais de produtos fitosanitarios e a sección do sector subministrador, na cal se rexistran todos os establecementos que fabriquen, comercialicen ou almacenen produtos fitosanitarios. Así, a estrutura do rexistro recollida no Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, varía sensiblemente respecto da que se recolle no Decreto 100/2012, do 16 de marzo, e tamén se contemplan cambios dentro do contido das seccións e da documentación a presentar para a inscrición en cada unha das seccións existentes co Decreto 100/2012, do 16 de marzo.

O Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, tamén afecta o Decreto 100/2012, do 16 de marzo, porque suprime o Libro oficial de movementos de produtos fitosanitarios. Este libro era obrigatorio para os establecementos que vendían produtos catalogados como tóxicos ou moi tóxicos, de forma que debían anotar nel todas as vendas destes produtos. O novo real decreto establece a obriga de rexistrar todas as vendas de produtos fitosanitarios de uso profesional, independentemente da súa toxicidade, a través do rexistro de transaccións con produtos fitosanitarios recollido no artigo 25 do antedito real decreto.

Ademais, a xestión deste rexistro corresponde ás comunidades autónomas nos seus respectivos ámbitos territoriais, polo que cómpre establecer o funcionamento, órganos competentes para a xestión deste rexistro, así como regular as incidencias que poidan xurdir na súa xestión.

Polo anteriormente exposto, cómpre regular o funcionamento do Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Agrario Galego consonte o artigo 3, alínea c), da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril do dous mil dezasete.

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular na Comunidade Autónoma de Galicia o Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (en diante, ROPO), e o procedemento para a inscrición, modificación e cancelación, así como a súa estrutura e funcionamento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ROPO ten ámbito autonómico e quedará adscrito á consellería competente en materia de agricultura, a través da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

Artigo 3. Carácter constitutivo da inscrición no ROPO

1. A inscrición no ROPO, por razóns de saúde pública e de protección do ambiente, será requisito imprescindible para exercer calquera das actividades especificadas nas seccións do artigo 5, mentres sexa con carácter comercial, como industrial ou corporativo.

2. A obriga de inscrición no ROPO non afecta os operadores que comercialicen exclusivamente produtos fitosanitarios autorizados para usos non profesionais, segundo a categorización que deles se fai no Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos do disposto neste decreto resultarán de aplicación, ademais das definicións contidas no artigo 3 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, as seguintes:

a) Comercialización: a definida no artigo 2, alínea d), do Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos ou normativa que o substitúa.

b) Establecementos de produtos fitosanitarios: os locais ou instalacións onde se fabriquen e/ou formulen e/ou envasen produtos fitosanitarios, así como nos que se almacenen e/ou comercialicen os produtos fitosanitarios.

c) Fabricación de produtos fitosanitarios: a obtención de produtos fitosanitarios por procedementos ou operacións químicas, físicas ou biolóxicas.

d) Substancias: as definidas no artigo 2.1.a) do Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, ou normativa que o substitúa.

e) Formulados ou preparados: o definido no artigo 2, alínea b), do Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, ou normativa que o substitúa.

f) Persoal responsable técnico dos tratamentos fitosanitarios: a persoa responsable da planificación, realización e avaliación dos tratamentos, así como de supervisar os posibles riscos destes e definir as medidas necesarias que se deben adoptar de protección persoal e do ambiente. Así mesmo, será responsable de definir as condicións en que se deba realizar a aplicación.

g) Tratamentos de carácter corporativo: aqueles tratamentos con produtos fitosanitarios realizados con persoal propio pertencente a entidades cuxos espazos, locais, instalacións, infraestruturas ou transportes sexan de uso público. Non se inclúen os tratamentos realizados nun único establecemento por persoal propio nas súas funcións de mantemento.

h) Persoa usuaria profesional: calquera persoa que use produtos fitosanitarios no exercicio da súa actividade profesional, incluídos os operadores, persoal técnico, empresarios/as ou traballadores/as autónomos/as, tanto no sector agrario como noutros sectores e que dispoña do nivel de capacitación exixido para a súa aplicación a través da correspondente acreditación oficial que o habilite para iso.

CAPÍTULO II
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria

Artigo 5. Estrutura do Rexistro

1. O ROPO consta de catro seccións que se corresponden cos seguintes grupos de actividades:

a) Sección do sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.

b) Sección do sector de tratamentos fitosanitarios.

c) Sección do sector de asesoramento fitosanitario.

d) Sección do sector de uso profesional.

2. A sección do sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria incluirá as seguintes actividades:

a) Fabricación ou produción material incluíndo a actividade de almacenamento nas propias instalacións da factoría.

b) Comercialización ou posta no mercado, incluída a importación. Implica a titularidade da autorización do produto e a responsabilidade inherente a ela, incluíndo, se é o caso, a responsabilidade directa ou subsidiaria sobre a fabricación e sobre a loxística.

c) Distribución ou organización da venda ás persoas usuarias en xeral. Implica, se é o caso, a responsabilidade subsidiaria sobre a loxística.

d) Loxística, incluíndo o transporte e almacenamento, no caso de que se realice como actividade específica independente, por conta do responsable da comercialización ou do distribuidor.

3. A sección do sector de tratamentos fitosanitarios incluirá as seguintes actividades:

a) Prestación de servizos de aplicación de produtos fitosanitarios, tanto por empresas como por cooperativas ou outras entidades co seu propio persoal. Non é preceptiva a inscrición no caso de administracións locais e entidades privadas titulares de instalacións deportivas, tal e como veñen definidas no artigo 46.1.b) do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, e sempre que os tratamentos fitosanitarios se realicen exclusivamente mediante persoal propio e en áreas ou instalacións do ámbito das súas competencias. Isto non exime de que estas entidades cumpran coas disposicións específicas para o uso de produtos fitosanitarios en ámbitos distintos da produción agraria recollidas no capítulo XI do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro.

b) Aplicación de produtos fitosanitarios, con carácter industrial e por conta propia, mediante equipamentos ou instalacións fixas.

4. A sección do sector de asesoramento fitosanitario incluirá:

a) Persoas asesoras independentes que practiquen a actividade no exercicio libre da súa profesión.

b) Persoas asesoras encadradas no sector subministrador ou no de tratamentos, ou na estrutura cooperativa dos seus socios.

c) Persoas asesoras encadradas na propia estrutura empresarial da persoa usuaria.

d) Persoas asesoras encadradas en entidades de asesoramento nos distintos marcos de control de pragas establecidos no artigo 10.2 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro.

5. A sección do sector de uso profesional incluirá as persoas usuarias profesionais de produtos fitosanitarios que estean en posesión do carné de calquera dos niveis de capacitación recollidos no artigo 18.1 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, ou que teñan a titulación habilitante de acordo co disposto no artigo 18.2 de dito real decreto.

6. A persoa titular solicitante poderá inscribirse en varias seccións á vez, ou en varias subseccións dentro dunha mesma sección, sempre que acredite documentalmente os requisitos exixidos para cada unha delas.

Artigo 6. Natureza e datos do rexistro

1. O ROPO terá carácter público e dispoñerá dunha base de datos informatizada na que constarán como mínimo os seguintes datos:

a) Nome e apelidos ou denominación social da persoa titular da inscrición, e o seu NIF.

b) O número de rexistro asignado.

c) O enderezo postal da persoa titular da inscrición e o domicilio legal da actividade.

d) Teléfono, correo electrónico e, se é o caso, fax da persoa titular da inscrición.

e) Tipo ou tipos de actividade, das especificadas no artigo 4, que realiza.

f) A relación dos establecementos afectos á actividade referida, especificando se se trata de instalacións industriais, almacéns, locais, ou oficinas, situados dentro ou fóra do ámbito territorial da oficina de rexistro onde se solicitase a inscrición.

g) A relación do persoal afecto á actividade, especificando a localización dos seus postos de traballo así como a titulación ou capacitación de quen desempeñe postos ou desenvolva actividades para as cales sexa requirida segundo a normativa vixente.

2. O órgano competente para a xestión do rexistro poderá facilitar cantos datos figuren no rexistro por razóns ambientais ou de saúde pública aos organismos oficiais con competencias nestas funcións, sen prexuízo do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no que resulte de aplicación, así como a utilización e o emprego dos datos rexistrais para a súa explotación con fins estatísticos.

3. Os datos do rexistro relativos ao nome da entidade, enderezo desta, tipo de actividade e características dos produtos que se van manipular ou utilizar, poderán ser publicados na páxina web da consellería competente en materia de sanidade vexetal.

Artigo 7. Órgano competente e xestión do rexistro

1. A xestión e coordinación do ROPO corresponderá á dirección xeral con competencia en materia de sanidade vexetal. Tamén lle corresponderá o impulso da aplicación de sistemas informáticos admitidos pola normativa específica para cubrir de forma máis áxil os datos que o integran.

2. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal resolverá sobre as inscricións, modificacións, denegacións ou cancelacións neste rexistro, sen prexuízo de que a xestión da tramitación dos expedientes e inspección das instalacións das entidades solicitantes da inscrición neste se poida desconcentrar nas unidades administrativas provinciais da consellería competente nesa mesma materia.

3. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal velará para que se manteña actualizado e accesible ás persoas interesadas o contido do ROPO, preferentemente por vía informática.

Artigo 8. Inscrición no rexistro

A inscrición no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de produtos fitosanitarios poderá realizarse:

a) Por petición da persoa titular ou da persoa representante da actividade incluída no ámbito de aplicación deste decreto.

b) De oficio: pola propia consellería competente en materia de sanidade vexetal, a partir da información existente nas súas bases de datos. As propostas de inscrición de oficio comunicaranse ás persoas interesadas para a súa ratificación ou, se é o caso, para que as cubran ou corrixan os datos. A proposta de inscrición entenderase ratificada se, tras a notificación desta, as persoas interesadas non presentan alegacións contra ela no prazo de quince días.

Artigo 9. Inscrición por solicitude da persoa interesada

1. O contido da solicitude comprenderá polo menos:

a) O nome e apelidos ou denominación social da persoa solicitante e demais información especificada no artigo 5, en relación coa persoa titular da inscrición, o seu domicilio, actividades, medios, establecementos e persoal.

b) Unha declaración responsable asinada pola persoa solicitante, ou por persoa física con poder bastante, de conformidade co establecido no artigo 3 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e o artigo 69 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na que se manifeste expresamente que todos os datos e información contidos na solicitude, aos cales se refire a alínea a), son verdadeiros e, cando corresponda, que se cumpren todos os requisitos aplicables establecidos polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

2. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun mes ao comezo das súas actividades e irá dirixida ao órgano competente en cuxo ámbito territorial esté situado o domicilio legal do solicitante.

Artigo 10. Código de rexistro

1. O código de rexistro será outorgado pola Comunidade Autónoma de Galicia a cada entidade afectada por este decreto, e a súa estrutura será como mínimo do tipo XX-YYYY-Z, onde:

a) XX: o código de identificación da provincia de Galicia que corresponda: A Coruña (CO), Lugo (LU), Ourense (OU) e Pontevedra (PO).

b) YYYY: número consecutivo que se outorga a cada entidade rexistrada.

c) Z: a sigla que identifica cada sección, sendo E para subministrador, S para tratamentos fitosanitarios e A para asesoramento.

2. O código de rexistro das persoas usuarias profesionais será o seu propio NIF.

Artigo 11. Documentación necesaria para a inscrición na sección do sector subministrador

Para a inscrición no ROPO na sección do sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria, a persoa solicitante deberá presentar a documentación que se relaciona a seguir:

a) Impreso de solicitude e declaración responsable segundo anexo I.

b) Escritura de constitución no caso de persoas xurídicas.

c) Proxecto da nave-almacén dos produtos fitosanitarios ou ben a súa memoria descritiva, asinada por persoa responsable, xunto cos planos de situación e de planta do almacén.

d) Tipos e categoría toxicolóxica dos produtos que se van fabricar ou comercializar.

e) Xustificante de estar adherido a un sistema de xestión para a eliminación de envases baleiros de produtos fitosanitarios.

f) Documento que acredite a relación profesional obrigatoria cun persoal técnico competente e coa titulación universitaria habilitante que establece o artigo 40 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, e o artigo 22.2 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro. Este persoal técnico competente terá que estar inscrito no ROPO na sección de asesoramento fitosanitario.

g) A relación do persoal afecto á actividade, especificando a localización dos seus postos de traballo así como a titulación ou capacitación de quen desempeñe postos ou desenvolva actividades para as cales sexa requirida segundo a normativa vixente.

h) Sistema que se empregará no rexistro das transaccións de produtos fitosanitarios de conformidade co disposto no artigo 25.1 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro.

i) Impreso da autoliquidación da taxa de inscrición.

j) A relación dos establecementos afectos á actividade referida, especificando se se trata de instalacións industriais, almacéns, locais, ou oficinas, situados dentro ou fóra do ámbito territorial da oficina de rexistro onde se solicitase a inscrición.

Artigo 12. Documentación necesaria para a inscrición na sección do sector de tratamentos fitosanitarios

Para a inscrición no ROPO na sección do sector de tratamentos fitosanitarios, a persoa solicitante deberá presentar a documentación que se relaciona a continuación:

a) Impreso de solicitude e declaración responsable segundo o anexo II.

b) Escrituras de constitución no caso de persoas xurídicas.

c) Memoria descritiva da actividade, instalacións e maquinaria de tratamentos que incluirá planos ou esbozos das instalacións, asinada pola persoa responsable, e certificados e boletíns de inspección periódica dos equipamentos de aplicación de produtos fitosanitarios emitido por un centro oficial ou recoñecido de conformidade coas disposicións vixentes na materia, así como a preceptiva inscrición da devandita maquinaria no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).

d) Tipos e categoría toxicolóxica dos produtos que se van aplicar.

e) A relación dos establecementos afectos á actividade referida, especificando se se trata de instalacións industriais, almacéns, locais, ou oficinas, situados dentro ou fóra do ámbito territorial da oficina de rexistro onde se solicitase a inscrición.

f) A relación do persoal afecto á actividade, especificando a localización dos seus postos de traballo así como a titulación ou capacitación de quen desempeñe postos ou desenvolva actividades para as cales sexa requirida segundo a normativa vixente.

g) Sistema que se empregará no rexistro das transaccións de produtos fitosanitarios de conformidade co disposto no artigo 25.1 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro.

h) Modelo do contrato de prestación de servizos de tratamentos fitosanitarios segundo o artigo 41.2.c) da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

i) Impreso de autoliquidación da taxa de inscrición.

Artigo 13. Documentación necesaria para a inscrición na sección do sector de asesoramento fitosanitario

Para a inscrición no ROPO na sección do sector de asesoramento fitosanitario, a persoa solicitante deberá presentar a documentación que se relaciona a continuación:

a) Impreso de solicitude e declaración responsable segundo anexo III.

b) Copia do certificado académico de posuír unha titulación habilitante ou, se é o caso, copia do certificado de dispoñer de 40 ECTS (European Credit Transfer System) nos contidos establecidos no anexo II do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Memoria descritiva do ámbito de actuación do asesoramento e dos métodos empregados para a xestión integrada de pragas na produción agraria.

d) Impreso de autoliquidación da taxa de inscrición.

Artigo 14. Inscrición na sección de persoas usuarias profesionais de produtos fitosanitarios

1. A inscrición no ROPO, na sección de persoas usuarias profesionais, farase de oficio unha vez que a persoa interesada adquira algún dos niveis de capacitación recollidos no artigo 18 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, e sempre que a persoa interesada non manifeste expresamente a renuncia á devandita inscrición. Para iso habilitarase un sistema de intercambio de información entre os servizos oficiais competentes en formación agraria e sanidade vexetal.

2. No caso de que esta inscrición non se producise de oficio, a persoa interesada deberá solicitar a inscrición mediante a presentación da solicitude que figura como anexo IV deste decreto, cuberta xunto coa copia do carné de manipulador de produtos fitosanitarios.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

Artigo 16. Procedemento de inscrición, renovación, modificación ou cancelación no rexistro.

1. As comunicacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, as comunicacións poderanse efectuar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A documentación complementaria, e só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica ou en formatos non admitidos, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos e na forma prevista no parágrafo anterior.

3. Na sede electrónica da Xunta de Galicia están á disposición das persoas interesadas os modelos normalizados MR200A, MR200B, MR200C e MR200D para realizar estes trámites administrativos. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. No caso de que o titular da inscrición teña instalacións fixas noutras comunidades autónomas, o responsable da Oficina de Rexistro na cal se recibirá a correspondente solicitude remitirá toda a información contida nela ao órgano competente de cada unha delas. Así mesmo, procederá, se é o caso, respecto a outras oficinas de rexistro da súa propia comunidade autónoma.

5. Unha vez completada a documentación e realizadas as comprobacións que resulten procedentes, a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal, de acordo cun informe técnico preceptivo, elevará á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal a proposta de resolución motivada para a súa inscrición, renovación ou cancelación no ROPO.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez recibida a proposta de resolución, a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal resolverá sobre a inscrición ou renovación no prazo de 40 días, contados desde que a solicitude teña entrada no rexistro da Administración competente para a súa resolución. A falta de notificación de resolución expresa no devandito prazo terá efecto estimatorio por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade vexetal no prazo e na forma previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Cunha antelación mínima dun mes previa á caducidade da inscrición, a persoa interesada deberá proceder á súa renovación, para o cal deberá presentar a solicitude de renovación cuberta do anexo que corresponda segundo a sección a que pertence. De non comunicarse esta renovación en tempo e forma, xunto co impreso de autoliquidación da taxa de renovación e a declaración responsable a que se fai mención no artigo 8.3.b) será causa de baixa da actividade no ROPO.

4. A inscrición, renovación, modificación ou cancelación das persoas usuarias profesionais cuxo acceso ao rexistro sexa a formación na súa modalidade de formación continua, realizarase de oficio unha vez que superasen as probas de avaliación para a obtención ou renovación dos carnés nas modalidades ou niveis de capacitación establecidos no real decreto.

5. Tras a inscrición, o órgano competente comunicará ao respectivo concello a información que o afecte pola localización no seu termo municipal de calquera tipo de instalacións ou actividades. Considerarase información suficiente unha copia da notificación da inscrición. Non será necesaria esta comunicación cando entre a documentación que presente o interesado figure a comunicación de inicio da actividade dirixida ao concello en que radique a instalación, debidamente rexistrada.

Artigo 18. Notificacións

As resolucións administrativas serán notificadas ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da inscrición

1. En caso de que, durante o período de validez do certificado de inscrición, se produza calquera modificación significativa respecto dos datos declarados na solicitude, o solicitante deberá presentar unha solicitude de modificación da inscrición que conteña a información ou documentación que se altera da especificada nos artigos 11, 12, 13 e 14 deste decreto. Procederase da mesma forma no caso de producirse un cambio de titularidade que afecte todas as actividades, establecementos e medios ou unha parte destes.

2. Calquera modificación dos datos con que foi inscrita unha entidade no ROPO será comunicada á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal no prazo dun mes contado desde que se produciu tal cambio ou, se é o caso, desde que se teña coñecemento del; no caso contrario poderá dar lugar, logo de audiencia da persoa titular ou representante da entidade inscrita, á suspensión ou, se é o caso, á cancelación da inscrición, sen prexuízo das responsabilidades que deriven da dita falta de cumprimento ou falsidade.

3. Para a modificación no ROPO en calquera sección a persoa solicitante deberá presentar a documentación que se relaciona a seguir:

a) Impreso de solicitude e declaración responsable segundo o anexo correspondente á sección na cal está inscrito.

b) Impreso de autoliquidación da taxa de modificación.

c) Documentación suxeita a cambios respecto á da inscrición inicial.

Artigo 20. Cancelación da inscrición

A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal procederá á cancelación da inscrición na sección que corresponda, logo da resolución logo de constatar a concorrencia da causa que a impoña e logo de audiencia ao interesado. Os supostos desta cancelación son:

a) Solicitude da persoa titular da actividade mediante o impreso de solicitude segundo o anexo correspondente á sección na cal está inscrito.

b) Resolución motivada da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, por proposta do servizo con competencia en sanidade vexetal, cando a entidade inscrita non cumpra as obrigas establecidas neste decreto ou non concorran as causas que motivaron a súa inscrición.

c) Revogación da autorización para a actividade que desenvolve a autoridade municipal competente como resultado do informe dunha inspección oficial ou por motivos doutra índole.

d) Incumprimento da normativa aplicable en materia de sanidade vexetal, acreditado polo informe dunha inspección oficial.

e) Cesamento da actividade comprobado pola autoridade competente.

f) Non solicitar a renovación da inscrición polo menos cun mes de antelación á súa caducidade.

g) Mediante resolución xudicial firme en cuxa virtude deba practicarse a cancelación da inscrición no correspondente rexistro.

No caso do sector de subministración e de tratamentos, o operador disporá dun prazo dun mes desde a notificación da cancelación da inscrición para xustificar a retirada de todos os produtos fitosanitarios existentes no seu almacén.

Artigo 21. Cesamento da actividade

No caso de cesamento da actividade, a persoa titular da inscrición deberá comunicalo mediante escrito ou ben por medios electrónicos, consonte co modelo do anexo deste decreto segundo a sección do rexistro de que se trate, dirixido á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, dentro do mes seguinte ao cesamento, para efectos da cancelación da súa inscrición no rexistro.

Artigo 22. Inspeccións

1. Os órganos competentes da consellería con competencia en materia de sanidade vexetal poderán realizar en calquera momento as inspeccións necesarias para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente.

2. Á vista do resultado das inspeccións emitirase o informe pertinente, que no caso de constatar irregularidades da normativa vixente en materia do uso sustentable de produtos fitosanitarios, trasladarase ao órgano competente para a incoación do correspondente expediente sancionador.

3. A consellería con competencia en materia de sanidade vexetal realizará periodicamente enquisas da venda e utilización de produtos fitosanitarios co fin de que estes datos sirvan de referencia nos programas que a consellería desenvolve de vixilancia da comercialización e utilización de produtos fitosanitarios.

Artigo 23. Obrigas de colaboración

1. A persoa titular da actividade deberá manter a resolución de inscrición á disposición dos servizos oficiais de inspección correspondentes, así como o resto da documentación que foi precisa para a súa inscrición.

2. A persoa titular da actividade deberá facilitar o acceso dos órganos inspectores ás súas instalacións e presentar a documentación requirida por estes. Para estes efectos, tanto os libros de rexistro de transaccións de produtos fitosanitarios, libros de rexistro de tratamentos fitosanitarios, así como facturas e outros documentos comerciais deberán manterse á disposición dos servizos oficiais competentes durante un período de cinco anos desde a súa emisión.

Artigo 24. Prazo de validez da inscrición no ROPO

O prazo de inscrición no rexistro en calquera das seccións de que consta será dun período de 10 anos.

Artigo 25. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación dos procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberanse xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

CAPÍTULO III
Réxime sancionador

Artigo 26. Réxime sancionador

1. A fabricación, venda, distribución ou aplicación de produtos fitosanitarios sen obter a preceptiva inscrición no rexistro, así como o incumprimento das obrigas establecidas neste decreto, sancionaranse de conformidade co establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

2. Na tramitación dos expedientes sancionadores será de aplicación o procedemento previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coas peculiaridades previstas no Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.

Artigo 27. Resolución do procedemento sancionador

Xunto coa sanción que se impoña na resolución que poña fin ao procedemento, poderá exixirse á persoa infractora a reposición da situación ao seu estado orixinario, así como a indemnización polos danos e perdas causados, consonte co previsto na Lei 43/2002, do 20 de novembro, e o artigo 90.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante este órgano, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Modificación de formularios normalizados

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados ás normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria primeira. Incorporación ao ROPO dos establecementos e servizos de produtos fitosanitarios actualmente inscritos

Os establecementos e servizos de produtos fitosanitarios inscritos de acordo co disposto no Decreto 100/2012, do 16 de marzo, na data de entrada en vigor deste decreto, serán inscritos de oficio na sección que corresponda do artigo 4, mantendo o prazo de vixencia establecido na súa inscrición ou renovación.

Disposición transitoria segunda. Incorporación ao ROPO das persoas usuarias con carné

As persoas usuarias con carné en vigor e que fose emitido con anterioridade á publicación do presente decreto, incorporaranse ao rexistro como persoas usuarias profesionais, e sempre que a persoa interesada non manifeste expresamente a renuncia á devandita inscrición.

Disposición derrogatoria última. Derrogación de normativa

Desde a entrada en vigor do presente decreto quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ao disposto nel no que se refire ao ámbito fitosanitario, e en particular, as seguintes:

1. Decreto 100/2012, do 16 de marzo, polo que se regula o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o réxime sancionador en materia de produtos fitosanitarios.

2. Resolución do 21 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se regula a acreditación da capacitación das persoas usuarias profesionais de produtos fitosanitarios en Galicia.

3. Resolución do 11 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se regula a inclusión das persoas usuarias profesionais dentro da sección de manipulación e utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional dentro do Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitarios.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade vexetal para ditar os actos e as instrucións necesarios para a correcta aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación de persoas asesoras fitosanitarios

A consellería responsable de formación agraria nos seus programas de formación establecerá os cursos para completar a formación para o persoal que queira acceder á condición de persoa asesora en xestión integrada de pragas e non dispoña da titulación habilitante.

A valoración de todas as titulacións universitarias e de formación profesional presentadas para acreditar que cumpren coas condicións de formación establecidas no anexo II do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, para o asesoramento en xestión integrada de pragas, realizarase a través dun grupo de traballo constituído na subdirección xeral con competencia en formación agroforestal. Este grupo de traballo estará formado por persoal técnico do servizo con competencia en sanidade vexetal e en formación agroforestal así como unha persoa especialista no ámbito da formación universitaria.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijoo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file