Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2017 Páx. 26689

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de maio de 2017 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música non dependentes desta consellería.

O artigo 108.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, clasifica como centros públicos aqueles que teñen como titular unha Administración pública.

Determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas de música.

O artigo 48.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que poderán cursarse estudos de música ou de danza que non conduzan á obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estrutura diferentes e sen limitación de idade.

A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 11 de marzo de 1993, regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, salientando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia e no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros para achegarlles aos interesados a posibilidade de cursar estas ensinanzas para realizar unha formación non regrada nas escolas.

En consonancia coa política de axudas aos concellos desta consellería e co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música á vista da crecente demanda destas ensinanzas e coa finalidade de lles prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera conveniente convocar esta orde de axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos (procedemento ED314E).

b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (procedemento ED314D).

Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2017.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas os titulares dos centros de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Neste senso, o importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3. Importe total das axudas

Para as escolas de música dependentes de concellos será de douscentos cincuenta mil euros (250.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.460.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de corenta mil euros (40.000 euros).

Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro será de cincuenta mil euros (50.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.422E.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de oito mil euros (8.000 euros).

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED314E, no caso das axudas a escolas de música públicas, e ED314D, no caso de axudas a escolas de música sen ánimo de lucro, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sxapere@edu.xunta.es.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Alteracións e aclaración dos datos contidos na solicitude

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no artigo décimo segundo desta orde.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán comprobarse automaticamente os datos incluídos nos seguinte documentos elaborados polas administracións públicas e datos incluídos na declaración responsable:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Criterios de valoración das solicitudes

Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos coa ponderación que se indica:

1. Número do alumnado matriculado.

2. Número de especialidades instrumentais impartidas.

3. Número do profesorado e tempo de dedicación.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume do orzamento do centro.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas.

A distribución das axudas, tendo en conta os aspectos anteriores, realizarase atendendo ao sistema de rateo entre os beneficiarios da subvención do importe global máximo destinado ás subvencións.

A distribución farase de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) O 60 % do orzamento da convocatoria distribuirase en función do número total de alumnado matriculado, do número total de especialidades que oferta a escola e do número total de profesorado e horas de dedicación.

b) O 10 % do orzamento da convocatoria distribuirase en función da superficie total das instalacións da escola.

c) O 10 % do orzamento da convocatoria distribuirase en función do orzamento total que o concello destina á escola.

d) O 20 % do orzamento da convocatoria distribuirase de xeito inversamente proporcional ao importe que o concello recibe do alumnado en concepto de matrícula.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no artigo duodécimo desta orde.

Artigo 8. Comisión Avaliadora

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa constituirase unha comisión encargada de valorar as solicitudes e a documentación xustificativa presentadas e que estará integrada por:

– O/a subdirector/a xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

– Un/unha asesor/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

– Un/unha funcionario/a da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos previstos no artigo sétimo. A percepción de asistencias desta comisión, se é o caso, aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda ou a dirección xeral que resulte competente na materia, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez finalizada a valoración das solicitudes e da documentación xustificativa, a comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicacións e exclusións que poderá ser consultada no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es, para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, se poidan formular as alegacións que se consideren oportunas, podéndose presentar a documentación.

As alegacións e todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Valoradas as alegacións, elevarase unha proposta definitiva de adxudicacións e exclusións á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Artigo 10. Resolución

A resolución de concesión de axudas ditada pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación da convocatoria, e nos termos que figuran no artigo 34.4 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

Contra a resolución ditada, que esgotará a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o/a conselleiro/a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben os/as interesados/as poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Pagamento

As subvencións irán destinadas a financiar operacións correntes (gastos de funcionamento e profesorado), polo que os xustificantes que ten que achegar o beneficiario non poderán ser certificacións de obra, nin gastos de investimento.

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobado polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade subvencionada, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co disposto no artigo 60 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 12. Documentación necesaria para efectuar o libramento

1. Para que se poida dar curso aos libramentos, os solicitantes deberán achegar:

– No caso de escolas de música dependentes de concellos:

a) Certificación do/a secretario/a da entidade local acreditativa da remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas do exercicio 2016.

b) Conta xustificativa integrada pola documentación que se relaciona a continuación, en virtude dos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro:

1º. Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control en que conste a toma de razón en contabilidade, o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención e a aplicación dos fondos destinados para tal efecto, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2017.

2º. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, de forma detallada:

• Cumprimento da finalidade da subvención.

• Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados imputables á actuación subvencionada, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2017.

• A relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

– No caso de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro:

a) Fotocopia cotexada dos estatutos da asociación ou fundación solicitante dos que debe desprenderse que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro, e que entre os seus obxectivos figura a formación en ensinanzas de música.

b) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica, que incluirá:

1º. Relación clasificada dos gastos da actividade, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2017, con identificación do/a acredor/a e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Copia cotexada de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias e documentos similares incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior (segundo o estipulado no artigo 48 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), así como os documentos xustificativos do pagamento.

A xustificación deberá facerse sobre as subvencións totais concedidas e de non facerse pola totalidade minorarase a subvención en proporción á contía xustificada.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

3. A documentación xustificativa para o libramento deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Esta documentación preséntase separadamente da solicitude polo que se deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. En todo caso, o beneficiario terá como data límite para a presentación da xustificación completa o 31 de outubro de 2017.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos provinciais de inspección educativa, realizará o seguimento da aplicación das axudas nos centros beneficiarios.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 de Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Modificación e reintegro das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de darse algún dos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario da subvención deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e máis os xuros de demora, nos termos e condicións establecidos nos artigos 77 ao 83, inclusive, do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 15. Comunicacións, publicidade e propaganda

Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan estas axudas deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria».

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sxapere@edu.xunta.es.

Disposición adicional única

Para o non previsto nesta orde haberá que aterse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file