Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28141

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2017/18.

A Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regula o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013 (DOG do 25 de marzo), establece o proceso de admisión para quen non reúna os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a dirección xeral competente en materia de ensinanzas de réxime especial, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

Na súa virtude, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2017/18, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Modalidades de acceso

1. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos e superar unha proba específica.

b) As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos deberán ter feitos os dezasete anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

• Pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.

• Pola proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio de ensinanzas deportivas.

• Pola proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

• Pola proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

2. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior.

Terán acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior os aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, e superar a correspondente proba específica.

b) As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou equivalente para os efectos académicos deberán ter dezanove anos, ou dezaoito anos no caso de que acrediten estar en posesión dun título de técnico en artes plásticas e deseño da mesma familia profesional artística ca aquel a que pretenden acceder, e superar a proba de madureza que se establece no anexo III da presente resolución, ademais da correspondente proba específica. Tanto nun coma no outro caso, a idade mínima establecida deberá facerse dentro do ano natural de realización da proba.

c) A proba de madureza poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

• Pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

• Pola proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas.

• Pola proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

• Pola proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

d) As persoas aspirantes que teñan pendente algunha materia de bacharelato ou da ESO poderán presentarse á proba de acceso, ben que no momento de formalizar a matrícula no prazo extraordinario, no mes de setembro, deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida, e poderán optar á praza solicitada se houbese vacantes.

3. Acceso directo.

3.1. Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada co ciclo formativo a que se pretende acceder ou título declarado equivalente.

b) Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos plans de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

3.2. Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño quen estea en posesión dun título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada co ciclo a que se pretende acceder ou título declarado equivalente.

3.3. Estará exento de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.

b) Título superior de artes plásticas ou título superior de deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

c) Título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades.

d) Licenciatura en belas artes.

e) Arquitectura.

f) Enxeñaría técnica en deseño industrial.

3.4. Así mesmo, estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de artes plásticas e deseño quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder, para o cal presentará a seguinte documentación:

– Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral en que conste a natureza e duración concreta da actividade realizada.

Segundo. Inscrición para o acceso e admisión

1. A inscrición para o acceso e admisión farase na secretaría das escolas de arte e superiores de deseño públicas elixidas en primeiro lugar nas cales se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

2. O prazo para a inscrición comprende desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG ata o día 20 de xuño para os ciclos de grao superior e ata o 21 de xullo para os ciclos de grao medio. Para tal fin, as escolas de arte e superiores de deseño deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

3. Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño onde se impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría da escola á cal se queira acceder como primeira ou única opción, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

– DNI ou do NIE da persoa solicitante.

– Título de ESO ou bacharelato, ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións de ESO ou de bacharelato, ou ben o certificado de estudos en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

– Certificado da proba de acceso ao ciclo formativo, se é o caso.

– Certificado de superación da proba de acceso a ciclos formativos de formación profesional de grao medio/superior (parte común).

– Copia cotexada do título correspondente á quenda de acceso.

– Acreditación de ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo ao que se queira acceder.

– Certificado de superación da proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

– Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– As persoas aspirantes que soliciten a exención prevista no punto 5 do artigo 5 da Orde do 25 de xuño de 2007 xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

– As persoas aspirantes que aleguen experiencia laboral xuntarán o documento acreditativo emitido pola empresa correspondente.

4. As persoas aspirantes que deban realizar a proba de madureza farano constar no punto correspondente da inscrición. No caso de non superar esta proba, non serán admitidos na proba específica.

5. As persoas aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final, ou da avaliación final do ciclo formativo, para a obtención dun título de técnico superior en artes plásticas e deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2016/17 e, en consecuencia, non dispoñan do título de técnico superior antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas superiores de deseño e deberán presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.

6. As escolas de arte e superiores de deseño onde se realice a inscrición remitirán o día 21 de xuño á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través de correo electrónico, a relación provisional de persoas inscritas para o acceso e admisión aos ciclos formativos de grao superior, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, así como as probas que deban superar e ciclos formativos da mesma familia profesional que se oferten na Comunidade Autónoma de Galicia aos cales opten, ordenados segundo a preferencia da persoa aspirante, se é o caso, e escolas de arte e superiores de deseño de Galicia nas cales de-sexan cursar os seus estudos, e expoñerán a dita relación provisional nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web ese mesmo día.

7. As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de admitidos ao acceso e admisión a ciclos formativos de grao superior poderán presentar por escrito a correspondente reclamación na escola onde se inscribisen, durante os días 22 e 23 de xuño.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, as escolas publicarán nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión a ciclos formativos de grao superior e remitirán por correo electrónico a dita relación á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o día 27 de xuño.

8. A relación definitiva de persoas inscritas será exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es, o día 28 de xuño.

Terceiro. Desenvolvemento das probas

a) Probas de acceso ao grao medio.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao medio realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño en que se inscribisen as persoas aspirantes nos días e horas que se indican a seguir:

1.1. Proba de madureza: 5 de setembro.

– Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: Lingua Galega, Lingua Castelá, Área Científico-Tecnolóxica e Área Sociocultural. O alumnado seleccionará tres destas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para responder as cuestións de cada materia será de sesenta minutos.

– Segunda parte: das 16.30 ás 19.30 horas.

Versará sobre contidos relacionados coa educación plástica e visual.

1.2. Proba específica: 11 de setembro.

A proba específica realizarase de acordo co establecido no anexo IV desta resolución e terá lugar en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño, nas horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

b) Ciclos de grao superior.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao superior realizaranse na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, nos días e ás horas que se indican a seguir:

1.1. Proba de madureza: 29 de xuño.

A proba de madureza realizarase de acordo co establecido no anexo III desta resolución e ás horas que se indican a seguir:

– Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés), Historia de España, Filosofía.

As persoas aspirantes seleccionarán tres destas materias e desenvolverán por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan para cada unha das tres elixida.

– Segunda parte: das 17.00 ás 18.00 horas. Versará sobre contidos relacionados coa historia da arte. O tempo máximo para a realización desta proba será de tres horas.

1.2. Proba específica para todas as familias profesionais: 7 de xullo.

A proba específica realizarase segundo figura no anexo IV desta resolución e ás horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

2. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cuarto. Tribunais das probas

Os tribunais tomarán como criterios de avaliación os que se indican nos anexos I e II desta resolución.

a) Grao medio.

1. Para a administración das probas de grao medio constituirase un tribunal avaliador en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño en que se imparta algún ciclo formativo de grao medio, coa composición que figura no anexo III desta resolución.

O tribunal avaliador de cada escola de arte e superior de deseño é o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado. Nos centros públicos, a dirección será a responsable do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle á Xunta de Escola garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento.

Unha vez concluídas as probas específicas, cada tribunal avaliador publicará, o día 12 de setembro, a listaxe de persoas aspirantes admitidas e non admitidas, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. As persoas aspirantes poderán presentar reclamacións contra a resolución dos tribunais avaliadores, segundo se establece no punto sexto desta resolución.

b) Grao superior.

1. Para a administración das probas de grao superior constituirase un tribunal avaliador coa composición que figura no anexo III desta resolución.

2. Unha vez concluídas as probas de madureza, o día 30 de xuño, os tribunais avaliadores publicarán na páxina web e no taboleiro de anuncios da escola onde se realizou a proba a listaxe de aspirantes, con expresión da cualificación obtida, das persoas presentadas e non presentadas, ordenadas por puntuación e en orde decrecente. As persoas aspirantes poderán formular reclamacións contra as cualificacións obtidas ou solicitar emendas dos erros observados, mediante escrito razoado presentado na secretaría da escola onde se realizou a proba durante os días 3 e 4 de xullo. Os tribunais avaliadores resolverán o que proceda o día 5 de xullo e publicarán, no mesmo día, as listaxes definitivas nos taboleiros de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba; así mesmo, remitirán, no mesmo día, estas mesmas listaxes á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o día 6 de xullo.

3. Unha vez concluído o proceso de cualificación das probas específicas, os tribunais avaliadores publicarán a listaxe de aspirantes con expresión da cualificación final obtida en cada ciclo formativo, antes do día 12 de xullo, e remitirán o mesmo día esta mesma listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o día 13 de xullo.

As persoas aspirantes poderán presentar na secretaría da escola onde se realizou a proba unha reclamación por escrito contra as cualificacións obtidas ou solicitar emenda dos erros observados durante os días 13 e 14 de xullo.

Os tribunais avaliadores resolverán o que proceda, en relación coas reclamacións presentadas, o día 17 de xullo, e expoñerán o mesmo día as listaxes definitivas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba, e remitirán por correo electrónico as mesmas listaxes á dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

O/a presidente/a de cada tribunal avaliador expedirá a certificación da cualificación obtida por cada aspirante segundo o modelo do anexo IV e as ditas certificacións quedarán depositadas e custodiadas pola escola en que se realizaron as probas. As persoas aspirantes poderán retirar as ditas certificacións e quedará na escola unha copia na cal conste a data e a sinatura do aspirante que a retira.

Unha vez rematado definitivamente o proceso de matrícula, as escolas deberán solicitar as ditas certificacións á escola en que se realizaron as probas e integralas no expediente académico do seu alumnado.

As listaxes definitivas de cualificación serán expostas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o día 19 de xullo.

Quinto. Distribución da oferta e criterios para a asignación de prazas

Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e a prelación na asignación das prazas ofertadas observarase o disposto na Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

1. No caso de aspirantes que aleguen para o acceso a posesión dun título de técnico superior en artes plásticas e deseño, a cualificación media do seu expediente académico calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de setembro). No resto dos casos, a cualificación media do expediente calcularase como a media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o acceso ao ciclo formativo, expresada con dous decimais.

2. Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias, caso en que serán as que se teñan en conta:

– Suficiente/aprobado: 5,5.

– Ben: 6,5.

– Notable: 7,5.

– Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais. Para determinar a cualificación media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou das que estivese exento.

3. Na determinación da cualificación final da proba de acceso non se terá en conta a parte da cal a persoa aspirante estea exento.

4. Unha vez aplicados os criterios establecidos para a adxudicación das prazas ofertadas, de haber empate entre dúas ou máis persoas aspirantes, a asignación da praza farase mediante sorteo público.

5. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. As condicións, criterios e probas de acceso serán as mesmas que as reguladas para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso de que queden prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderán ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas. Neste caso, as prazas cubriranse por estrita orde de chegada da súa inscrición. Este alumnado poderá obter unha certificación das capacidades acadadas.

Sexto. Reclamacións e recursos

1. Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polos tribunais avaliadores poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo dun día hábil.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polos tribunais avaliadores, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada nos termos que figuran no artigo 16 da Orde do 25 de xuño de 2007.

Sétimo. Matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos

1. As persoas aspirantes que obteñan praza, asignada por resolución dos tribunais avaliadores, deberán formalizar a súa matrícula entre os seguintes días:

– Grao medio: do 18 ao 20 de setembro, ambos os dous inclusive.

– Grao superior: do 18 ao 26 de xullo, ambos os dous inclusive.

– Unha vez rematado este prazo ordinario de matrícula, as escolas remitiránlle por correo electrónico a relación de persoas aspirantes matriculadas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o mesmo día 26 de xullo.

– A relación de prazas asignadas, de prazas vacantes e a listaxe de espera será publicada no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o día 29 de xullo.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula as escolas facilitaranlles ás persoas aspirantes o modelo correspondente. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2017/18.

3. Establécese un prazo extraordinario de matrícula do 8 ao 14 de setembro, ambos os dous incluídos, co obxecto de que as persoas aspirantes que tivesen pendente de superar algunha das materias de bacharelato ou da ESO poidan acreditar a súa superación, no momento de formalizar a matrícula, e para a formalización da matrícula daqueles aspirantes en listaxe de espera ás cales se lles asigne praza.

4. Os tribunais avaliadores terán en conta criterios de admisión establecidos na Orde do 25 de xuño de 2007, corrixida pola Orde do 15 de marzo de 2013, para a correcta asignación das prazas.

5. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnado por escola. O número de alumnos e alumnas de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e dos medios de cada ciclo e escola en particular e non deberá ser superior a 30 en ningún caso; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

6. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos e alumnas; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá a autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Oitavo. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», regulado na Orde desta consellería do 26 de marzo de 2012 (DOG núm. 66, do 4 de abril). O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxapere@edu.xunta.es.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2017

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO I

I. Proba de madureza dos ciclos formativos de grao medio das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

• Primeira parte:

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos.

Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria. Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan para cada unha das tres elixidas.

• Segunda parte:

– Educación plástica e visual: realización, durante un tempo máximo de tres horas, dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo proposto.

II. Proba de madureza dos ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

• Primeira parte:

Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato.

– Lingua Galega e Literatura.

– Lingua Castelá e Literatura.

– Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Historia de España.

– Filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión entre dúas que se propoñan para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a súa realización será de tres horas. Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo de bacharelato, o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e de síntese.

• Segunda parte:

Historia da Arte.

ANEXO II

I. Proba específica para o acceso a ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento, nun tempo máximo dunha hora, dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

II. Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas.

Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico- artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto que servirán de base para a posterior realización. Valoraranse as destrezas, as habilidades, as capacidades de percepción, de observación e de aptitude, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, da forma que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior, dun traballo relacionado co ciclo a que a persoa aspirante pretende acceder. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo e a capacidade compositiva, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

ANEXO III

Composición dos tribunais avaliadores para o acceso a ciclos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

I. Tribunal avaliador das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio en Serigrafía Artística, que actuará na EASD Ramón Falcón de Lugo:

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Natalia Crecente García

Presidenta

Ángela Morales Polo

Vogal 1º

Castro Dapena, Ángeles

Vogal 1º

Alejandro Carro Rodríguez

Vogal 2º

José Antonio Cruz Lago

Vogal 2º

José Fontal Álvarez

Vogal 3º

Francisco Fernández Ares

Vogal 3º

Marta Rodríguez González

Vogal 4º

Lucía Rivera Formoso

Vogal 4º

Belén Carracedo González

II. Tribunal avaliador das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio en Procedementos de Xoiaría Artística, que actuará na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela:

Titulares:

Suplentes:

Presidente

Juan M. Adrio Fondevila

Presidenta

C. Olga Toribio Redondo

Vogal 1º

Raquel Anta Barragán

Vogal 1º

Ana Seara Ferreiro

Vogal 2º

María Isabel Andrade García

Vogal 2º

Nelly Rial Verde

Vogal 3º

Sandra García Gutiérrez

Vogal 3º

Juan R. Pérez Martínez

Vogal 4º

Mercedes Vega Cerqueiro

Vogal 4º

Juan Luis Luaces Fandiño

III. Tribunais avaliadores das probas de acceso ás ensinanzas profesionais de grao superior, que actuarán na EASD Mestre Mateo en Santiago de Compostela.

a) Tribunal avaliador das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior:

Ilustración, Arquitectura Efémera, Proxectos e Dirección de Obras de Decoración, Xoiaría Artística, Modelismo da Indumentaria e Estilismo da Indumentaria.

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Celia Castro Fernández

Presidente

Salvador Guinart Rovira

Vogal 1º

José Luis Carreira Varela

Vogal 1º

J. Manuel Taboada Beato

Vogal 2º

Jorge López Lafuente

Vogal 2º

Rosa Figueroa Insua

Vogal 3º

Javier López Vila

Vogal 3º

Francisco Javier Orosa Paz

Vogal 4º

Eva Valle Legido

Vogal 4º

Elena Sánchez Pendás

b) Tribunal avaliador das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior:

Fotografía, Cerámica Artística, Gravado e Técnicas de Estampación, Técnicas Escultóricas, Escultura Aplicada ao Espectáculo, Dourado, Prateado e Policromía, Ebanistería Artística e Gráfica Publicitaria.

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Elena Pardo Antequera

Presidente

Jaime Rodríguez Sampedro

Vogal 1º

Josetxu Fernández Cárcamo

Vogal 1º

Lucía Rodríguez Núñez

Vogal 2º

Óscar Aldonza Torres

Vogal 2º

Mónica Fernández Rodríguez

Vogal 3º

Marta Fernández Núñez

Vogal 3º

Concepción Salgado Fernández

Vogal 4º

Vanessa Nistal Bodelón

Vogal 4º

Silvia María López Costa

ANEXO IV
Certificación académica
Certificación académica

Proba de acceso ás ensinanzas profesionais de AA. PP. D. Ano académico 2017/18
Prueba de acceso a las enseñanzas profesionales de AA. P. D. Año académico 2017/18

D./na.……………………..………………………....… presidente/a do Tribunal de acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o ano académico 2017/18

Dn./ña:.................................................................. presidente/a del Tribunal de acceso a las enseñanzas profesionales de Artes Plásticas y Diseño para el año académico 2017/18

(Resolución do… de………….…. de 2017, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa).

(Resolución de… de.........……… de 2017, de la Dirección General de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa).

CERTIFICA:

CERTIFICA:

Que D./na.:………………………….……………… con DNI nº:……………...….... obtivo na proba de madureza/Específica de acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o acceso ao ciclo formativo de grao MEDIO/SUPERIOR:

Que Dn./ña.:…………….……...........…………………….. con DNI nº:…...………...obtuvo en la prueba de MADUREZ/ESPECÍFICA de acceso a las enseñanzas profesionales de Artes Plásticas y Diseño para el acceso al ciclo formativo de grado MEDIO/SUPERIOR:

integrado na familia profesional artística:………………………………………………………..

integrado en la familia profesional artística:……………..…………………................……

a cualificación de:

la calificación de:

---- (Cualif. numérica) – (Cualif. literal)

---- (Calif. numérica) – (Calif. literal)

O que, por solicitude do/da interesado/a, e para que conste onde proceda, asino en:

Lo que, a solicitud del/de la interesado/a, y para que conste donde proceda, firmo en:

Santiago de Compostela, ……. de………………………..….de 2017

Santiago de Compostela, …… de …………..………..………....de 2017

O/a presidente/a:

El/la presidente/a:

(Selo da EASD na que se realizaron as probas de acceso)

Asdo.:…………………………….

Fdo.:……………………………...