Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28009

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, corporacións locais e industrias culturais que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2017 (código de procedemento CT215A).

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2017 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

f) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E supletoriamente:

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

h) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017 seguintes: 10.20.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 euros, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro e 10.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 euros, para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos, sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. A dotación das axudas será destinada ao financiamento dos gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2017.

2. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo e se respecten as condicións establecidas, en cada réxime de axudas, na normativa aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. Non terán dereito á percepción de axuda aquelas entidades cuxos eventos non acaden, polo menos, 25 puntos na valoración da comisión, segundo os criterios establecidos no artigo 8.3.B (valoración do proxecto que se vai realizar).

4. Entre as entidades que teñan dereito á percepción da axuda, en función dos puntos obtidos nas modalidades de artes escénicas e música, por acadaren a puntuación mínima, para obter a contía subvencionada, repartirase o importe total de cada orzamento (30.000 euros, no caso de solicitantes que sexan do grupo de entidades sen fins de lucro e 20.000 euros, no caso de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos) directamente proporcional aos puntos acadados e á contía solicitada.

5. No caso de que algún dos dous grupos de beneficiarios non esgote o seu orzamento, ben polo número de solicitudes ou pola puntuación obtida, a comisión de valoración poderá incorporar o importe sobrante ao outro grupo de solicitantes.

6. Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades realizadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do evento e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos.

5. A solicitude realizarase da maneira que a seguir se indica:

1. Documentación xeral.

Xuntarase a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada, que a seguir se relaciona:

1.1. Entidades locais e agrupacións de concellos.

a) Anexo I cuberto.

1.2. Entidades sen fin de lucro:

a) Anexo I cuberto.

b) Certificado do acordo de solicitude da axuda.

c) Acreditación da representación da persoa que a asine en nome da entidade.

d) Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

e).1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

e).2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

e).3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

2. Documentación específica requirida:

2.1. Ficha do proxecto (anexo II).

2.2. Memoria da traxectoria e interese cultural e artístico do evento en edicións anteriores, que deberá abordar os seguintes aspectos:

2.2.1. Antigüidade do evento, carácter continuado e non ocasional do proxecto e concreción do número de edicións levadas a cabo da actividade.

2.2.2. Premios e recoñecementos acreditados.

2.2.3. Asistencia de público, achegando datos de participación presencial.

2.2.4. Calidade das programacións, resumo dos contidos e obxectivos da actividade, facendo explícitos os seus aspectos innovadores.

2.2.5. Repercusión nos medios de comunicación e no territorio.

2.3. Memoria completa e detallada do proxecto que vai realizar, que inclúa separadamente as seguintes partes:

2.3.1. Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da edición.

2.3.2. Contribución e estratexias de captación ou creación de novos públicos, e destinatarios do proxecto: contorno da propia entidade, colectivos específicos, público xeral.

2.3.3. Programación de actividades culturais complementarias vinculadas ao proxecto presentado.

2.3.4. Plan de comunicación, deseño, desenvolvemento, presenza do evento nos medios de comunicación, na internet e nas redes sociais.

2.3.5. Repercusión territorial, estimación de potenciais beneficiarios e outras entidades implicadas no desenvolvemento do evento.

2.3.6. Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas, presenza do galego no programa do evento e na súa difusión.

2.4. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais: memoria de aforro de custos respecto á presentada de modo individual.

2.5. Para entidades locais, acreditación do cumprimento do deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

A documentación específica requirida neste punto poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

Os anexos desta orde poderanse obter a través da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.gal, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.gal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica da Xunta de Galicia encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

5. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas representantes mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas representantes sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Artigo 7. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada for incompleta ou presentar erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, de 1 do outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. Corresponde á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o secretario xeral de Cultura.

b) Catro vogais: a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, o xefe do servizo de Xestión Administrativa e dous funcionarios designados polo secretario xeral de Cultura, dos cales un deles actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe o secretario xeral de Cultura.

3. A comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios prioritarios:

A) Traxectoria e interese cultural e artístico do evento nas edicións anteriores: 25 puntos.

A comisión valorará, segundo a documentación presentada acreditativa:

– A antigüidade do evento: 1 punto por cada 5 edicións, cun máximo de 5 puntos.

– Os premios e recoñecementos acadados polo evento: 1 punto por cada premio, cun máximo de 5 puntos.

– A asistencia de público en edicións anteriores: 1 punto por cada 1.000 asistentes, cun máximo de 5 puntos.

– A calidade das programacións: máximo 5 puntos. Explicitando os aspectos innovadores e a contribución o desenvolvemento e difusión da cultura e a lingua galega: baixa 1 punto, media 3 puntos e alta 5 puntos.

– A repercusión nos medios e no territorio: máximo 5 puntos. Escasa repercusión 1 punto, media 3 puntos e alta 5 puntos.

B) Valoración do proxecto que se vai realizar: 50 puntos.

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural do evento: 20 puntos.

– Contribución á captación ou creación de novos públicos: 10 puntos.

– Actividades culturais complementarias, vinculadas ao proxecto presentado: 5 puntos.

– Plan de comunicación: 5 puntos.

– Repercusión territorial do evento: 8 puntos.

– Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas: 2 puntos.

C) Nivel de financiamento do evento: 25 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 60 %: 25 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 40 % e ata o 60 %: 15 puntos.

– Autofinanciamento superior ao 30 % ata o 40 %: 5 puntos.

4. Como puntuación adicional, en cumprimento do Acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgaranse ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran algún dos seguintes aspectos:

A) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a) Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b) Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c) Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

B) Fusión municipal. Pola mera presentación da solicitude por parte das entidades resultantes da fusión: 45 puntos.

A puntuación máxima será de 145 puntos.

O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das subvencións, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola comisión de valoración, repartindo o importe total do crédito dispoñible proporcionalmente á puntuación obtida. Quedan excluídas aquelas solicitudes que non acaden unha puntuación igual ou superior a 45 puntos.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron a axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 9. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comunicará por escrito ás beneficiarias o seu importe.

Artigo 10. Notificación e desestimación

1. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar cinco meses. Este prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

2. O vencemento do citado prazo de 5 meses sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. As notificacións de resolución e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Aceptación, xustificación e pagamentos

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, e transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

2. As beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, ata o 16 de novembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal ou copia compulsada e unha copia da seguinte documentación:

a) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos correntes en que se incorreu para a realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupadas.

b) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. No xustificante bancario deberá constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a data. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere 300 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

c) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

d) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o anexo III.

Cando as actividades fosen financiadas con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, segundo o anexo III.

No caso de entidades locais deberán presentar, ademais:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, de que se cumpre a normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

Deberase cumprir o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 do xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 2 deste artigo.

Artigo 12. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto, así como os gastos de difusión e publicidade en calquera soporte, no cal se fará constar o logotipo da Xunta de Galicia seguindo as súas normas de identidade corporativa, aluguer de espazos, servizos e equipamentos técnicos, cachés dos grupos e compañías, así como os gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Obrigas das beneficiarias

As beneficiarias das subvencións quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que fosen concedidos. Os servizos técnicos da Xunta de Galicia realizarán a comprobación explícita da execución do proxecto.

2. As beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión ou da axuda concedida.

Artigo 15. Recursos

1. Contra esta orde e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución recurso de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en calquera momento ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file