Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28034

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 349664.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Institucións sen fin de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas e agrupacións de concellos que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2017.

Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por programas ou actividades culturais concretas aqueles destinados á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autonóma de Galicia para 2017 seguintes: 10.20.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 euros, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 10.20.432B.460.0 por un importe inicial máximo de 20.000 euros, para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria