Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2017 Páx. 32317

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2017 pola que se convoca o V Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro.

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o V Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O congreso analizará as reformas de 2015 en materia de prevención e represión do branqueo de diñeiro e a súa incidencia na economía e sociedade dixital e contará con destacados especialistas na materia.

Destacarase igualmente a incidencia da normativa de prevención do branqueo na actividade administrativa e as obrigas e deberes do persoal empregado público ao respecto.

2. Contidos.

Os contidos deste V Congreso estarán divididos en dúas seccións:

a) Sección profesional, administrativa, constitucional e económica.

Nesta sección trataranse os seguintes temas:

– Creación dun organismo autorregulador para a avogacía pola Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2015, relativa á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou o financiamento do terrorismo.

– Análise da última xurisprudencia en materia de branqueo de capitais.

– A orde socioeconómica como ben xurídico protexido polo tipo penal do branqueo de diñeiro.

– Aspectos administrativos da dilixencia debida e as obrigas de información no Real decreto 304/2014, do 5 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, e a súa necesaria adaptación á Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2015, relativa á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou o financiamento do terrorismo.

– Análise da posible vulneración de principios constitucionais polas recentes reformas da lexislación penal en materia de branqueo de capitais.

– Límites impostos polos dereitos constitucionais á utilización das novas tecnoloxías na prevención e persecución do branqueo segundo a Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2015, relativa á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou o financiamento do terrorismo.

– Estatísticas derivadas da aplicación da Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo, e do seu regulamento, aprobado polo Real decreto 304/2014, do 5 de maio.

b) Sección penal.

Na sección penal abordaranse os seguintes contidos:

– A responsabilidade criminal das persoas xurídicas e o branqueo de diñeiro.

– A expansión, operada pola Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica o Código penal, dos feitos previos do delito de branqueo ás antigas faltas.

– A orde socioeconómica como ben xurídico protexido en todo delito de branqueo de diñeiro, tamén do procedente do narcotráfico, e a desnaturalización do ben xurídico na modalidade de branqueo con finalidade terrorista, introducida pola Lei orgánica 2/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica o Código penal.

– Exención de responsabilidade criminal das persoas xurídicas pola adopción de programas eficaces de prevención do branqueo introducida pola Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica o Código penal.

– A responsabilidade criminal e a xestión do risco mediante programas de cumprimento na Directiva (UE) 2015/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de maio de 2015, relativa á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou o financiamento do terrorismo.

– Análise da evolución do branqueo de diñeiro durante os últimos anos en España sobre a base de estatísticas policiais, xudiciais e penitenciarias.

3. Persoas destinatarias.

O Congreso está dirixido ao persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, estatal, autonómica ou local, persoal ao servizo da Administración de xustiza, da Administración institucional e dos entes instrumentais do sector público de Galicia, das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: xoves e venres, días 20 e 21 de xullo de 2017.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 20 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 18 de xullo de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41, 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas admitidas.

A listaxe de persoas admitidas publicarase no punto desta actividade da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de un día antes do comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste congreso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do congreso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública